Fomento adiará medio ano a mellora do sistema que non evitou o accidente de tren do Porriño

O tren descarrilado na estación do Porriño Dominio Público Marcos U. Pérez - Cedida

O Ministerio de Fomento prevé adiar medio ano a desaparición completa do sistema de seguridade ferroviaria máis arcaico dos existentes actualmente, o ASFA analóxico, e a súa substitución completa pola súa evolución, o ASFA dixital. Malia que este último xa está presente na maioría dos trens, o analóxico segue a ser o único activo nos máis antigos, como o da liña Vigo-Porto que descarrilou no Porriño o 9 de setembro de 2016 nun sinistro con catro mortos. Tras o accidente estableceuse que só trens equipados con ASFA (Anuncio de Sinais e Freado Automático) dixital e non analóxico seguisen a empregar a liña Vigo-Porto, pero agora Fomento, segundo un proxecto de decreto que vén de expoñer ao público e que aínda debe aprobar en Consello de Ministros, prevé adiar medio ano, do 30 de xuño próximo ata o 1 de xaneiro de 2019, a data prevista para a desaparición de todas as liñas de ancho ibérico e internacional do sistema máis arcaico. Faino, di, porque os prazos de subministro dos novos equipos están sendo superiores aos previstos.

O ministerio di que os prazos de subministro dos novos equipos están sendo superiores aos previstos

No accidente do Porriño un tren Vigo-Porto non reduciu a velocidade a 30 quilómetros por hora como lle indicaba un sinal por obras na vía e descarrilou a 118 por hora provocando catro mortos, entre eles o maquinista. O ASFA analóxico, que levaba aquel convoi, avisa ao maquinista de que está a circular máis rápido do que debe ao seu paso por sinais concretos da rede ferroviaria, pero non frea o tren se o condutor se limita a recoñecer o aviso do sistema pero non reduce a velocidade. Pola contra, o ASFA dixital non só avisa do exceso de velocidade senón que, se o maquinista non a reduce, faino el de xeito automático. Ese sistema segue a empregarse na actualidade en Galicia nalgúns trens dos servizos entre Ourense e O Carballiño ou entre Vigo e Ponferrada.

Malia que o accidente de Angrois non estivo relacionado coa dualidade dixital/analóxico do ASFA, senón coa avaría dun sistema superior, o de control constante da velocidade ERTMS, propio do AVE, o sinistro de Santiago supuxo o inicio dunha mellora progresiva tanto da normativa de seguridade como dos sistemas efectivamente implantados en trens e vías. Pero esa mellora non chegou a tempo de evitar o accidente do Porriño de setembro de 2016.

Fomento propón unha terceira modificación e no borrador que someteu a exposición pública adía ao 1 de xaneiro de 2019 o cambio nas liñas de ancho ibérico e internacional e ao 1 de xaneiro de 2020 na rede de vía estreita

Foi a través dun real decreto aprobado o 1 de decembro de 2017, que á súa vez modificaba outro de xullo de 2015, cando se estableceu que o ASFA analóxico deixaría de ser usado na rede convencional a partir do próximo 30 de xuño e na rede de vía estreita, a antiga Feve, a partir do 30 de abril de 2019. Agora Fomento propón unha terceira modificación e no borrador que someteu a exposición pública adía ao 1 de xaneiro de 2019 o cambio nas liñas de ancho ibérico e internacional e ao 1 de xaneiro de 2020 na rede de vía estreita. A obriga de contar co máis avanzado ASFA dixital non será aplicable aos trens históricos ou os servizos puntuais de carácter turístico. A demora, di Fomento, débese a que “os prazos de subministro dos novos equipos embarcados están sendo superiores aos previstos, o que podería levar á inmobilización das circulacións e prexuízos aos servizos” e segundo o ministerio foi proposta pola Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria.

Fragmento da modificación exposta ao público por Fomento CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.