Fomento recorta a ampliación da AP-9 en Vigo aos 10 días de inaugurala

Colexio en Chapela que será trasladado despois de que se construíse un muro de protección fronte a ampliación da AP-9 Dominio Público Google Street View

Non é moita lonxitude, só uns centos de metros, pero o Ministerio de Fomento vai restrinxir o uso de parte da ampliación da AP-9 en Vigo aos 10 días de inaugurala. Evidencia así ou que a obra non foi correctamente planificada, ou que, como xa admitiu ao cuantificar en 11 millóns de euros os traballos pendentes, aínda non está rematada, malia que Audasa poderá comezar a cobrar por ela ao longo dos próximos meses.

As protestas dos pais e nais do colexio de Chapela pola proximidade ao centro do novo carril ampliado fai que o ministerio restrinxa a circulación por el

Inaugurada polo presidente Mariano Rajoy o pasado 30 de decembro, a ampliación da AP-9 entre o barrio vigués de Teis, ao seu paso polo redondelán de Chapela e ata o remate da ponte de Rande no Morrazo, consistiu no engadido dun terceiro carril de circulación en cada sentido cun custo próximo aos 200 millóns de euros. Porén, en Chapela ese terceiro carril supuxo que a autoestrada gañase terreo a costa do recinto exterior do Colexio da Igrexa. A autoestrada pasa agora tan preto do centro educativo que Fomento decidiu derrubalo e construír un novo noutro emprazamento. Pero mentres, e esa obra tardará máis de un ano, o vello colexio seguirá en funcionamento cos vehículos rozándoo, o que está a provocar protestas dos pais e nais do alumnado, que temen que un camión acabe entrando nunha aula, e forzando a Fomento a adoptar medidas de seguridade non previstas inicialmente.

Entre a autoestrada e o colexio levantouse un muro de formigón que Fomento publicita como calculado para soportar o impacto dun vehículo pesado

Entre ese terceiro carril da AP-9 e o edificio do colexio levantouse xa un muro de formigón calculado para soportar o impacto dun vehículo pesado que Fomento publicita agora como unha mellora de seguridade a respecto da situación previa, na que non existía ese muro pero os vehículos circulaban máis lonxe do colexio. Porén, as protestas seguen e este luns o propio director xeral de Estradas do ministerio, Jorge Urrecho, reuniuse cos afectados e anuncioulles que Fomento restrinxirá a circulación por ese terceiro carril ao seu paso polas proximidades do colexio.

A medida, anunciada 10 días despois da súa inauguración, suporá que ese carril só poderá ser empregado polos vehículos que se incorporen á autoestrada desde o moi próximo acceso de Chapela, o que reducirá notablemente o número de usuarios que circulen máis próximos ao muro do colexio e a súa velocidade. Mentres o alumnado non estree o novo colexio que aínda nin foi licitado, o resto de usuarios da AP-9 que circulen por ese treito da autoestrada volverán contar con só dous carrís, como antes da ampliación.

A ampliación da AP-9 en Vigo e Santiago acometeuna Audasa a cambio, segundo o convenio autorizado no seu momento polo Goberno central do PSOE non revogado polo PP, de subir as peaxes en toda a autoestrada un 1% cada ano durante 20 anos a partir do ano seguinte ao de posta en servizo dos carrís da ampliación. De aí a súa présa por rematar as obras neses carrís e abrilos ao tráfico antes do pasado 31 de decembro e así poder cobrar xa por eles este ano, malia que, como admitiu Fomento aínda quedan outros traballos pendentes de rematar. Unha présa que segundo a CIG está detrás da sinistralidade laboral rexistrada nas obras, na que faleceu un traballador e houbo outros dous accidentes graves.

Limitacións tamén en Santiago

En Santiago o aumento de carrís no tronco central da autoestrada non evita que se sigan a producir retencións na saída de Santiago Norte, que non foi ampliada

Unha ampliación que, por outra banda, xa está a amosar as súas deficiencias en Santiago. A obra consistiu tamén na ampliación de carrís (nalgún caso ata cinco por sentido) nos algo máis de 8 quilómetros da AP-9 ao seu paso por Santiago cun custo de preto de cen millóns. Porén, non implicou a ampliación da saída de Santiago Norte, dun único carril e na que tradicionalmente se concentraban o atascos, especialmente a primeira hora da mañá cando é empregada por numerosos funcionarios que traballan nesa zona da cidade. Inaugurado tamén por Rajoy catro días despois da obra de Vigo, o treito de Santiago enfrontouse esta semana, tras as vacacións de nadal, á súa primeira proba. E constatouse que a ampliación do tronco central da autoestrada non evita que se sigan a producir retencións na saída de Santiago Norte.

Rajoy e Pastor descobren o monolito da ampliación da AP-9 en Vigo ante Feijóo, De la Serna e Caballero CC-BY-SA Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.