Fomento sae na defensa de Audasa e nega "mala xestión" nos recorrentes atascos da AP-9

Atasco na peaxe da AP-9 en Teo ante un sinal de "pago fácil" CC-BY-SA Praza Pública

Os recorrentes atascos nas proximidades dalgunhas áreas de peaxe e nos accesos a contornas urbanas son obxecto, especialmente no verán, de reiteradas queixas por parte de persoas usuarias da Autoestrada do Atlántico e tamén da oposición parlamentaria, que vén esgrimindo este mal funcionamento da AP-9 como un motivo máis para a súa transferencia a Galicia e mais para a imposición de sancións á súa concesionaria, Audasa. Ata agora a maior consecuencia destas protestas foi a apertura dun expediente sen impacto ningún para a empresa por parte do Ministerio de Fomento que agora, mentres a Valedora do Pobo mantén aberta unha queixa formal polo mesmo motivo, sae en defensa da compañía do grupo Itínere para desbotar que incorra nalgún tipo de "mala xestión".

A pasada primavera, tras os engarrafamentos da Semana Santa que agravaron os non sinalizados desvíos polas obras de ampliación, a deputada de En Marea no Congreso Alexandra Fernández dirixiuse ao Ministerio para pedir explicacións ao respecsto. A resposta vén ser recibida pola parlamentaria e nela o departamento de Íñigo de la Serna, que vén ratificando persoalmente a súa oposición ao traspaso de competencias a Galicia, enmarca os atascos dentro da normalidade e xustifica o xeito de proceder da empresa concesionaria.

O Ministerio enmarca dentro da normalidade as recorrentes retencións e reduce a "xuízos de valor" a acusación de "mala xestión" por parte de Audasa

"Como calquera outra infraestrutura a autopista AP-9 é susceptible de sufrir retencións ocasionais en puntas de tráfico, como son días festivos ou temporadas vacacionais", sinala o Ministerio, quen asegura que estas situacións "adoitan preverse" para "adecuar os medios necesarios para palialas". "Pero isto non evita -agrega- que ás veces a demanda en curto espazo de tempo supere a capacidade da autoestrada, especialmente en zonas tan sensibles como as áreas de peaxe, que se ben están dimensionadas para unha demanda moi superior á media", poden chegar a provocar retencións de maneira "ocasional". "Esa é a situación que, ao parecer, se produciu a Semana Santa" na AP-9.

Fomento advirte de que non vai "impoñer" descontos nas portaxes, que só pode decidir Audasa "en función dos seus intereses"

Alén desta descrición dos feitos o Ministerio de Fomento sinala que a súa Inspección de Explotación, o órgano encargado de supervisar o funcionamento das autoestradas, non "informou dunha mala xestión por parte da sociedade concesionaria", cuestión que reduce a un simple "xuízo de valor" da deputada. O control "permanente" deste departamento, asegura o documento, xa está a "garantir" que Audasa "tome as medidas que procedan en función da gravidade das situacións" e abre expedientes como o de 2014 se o considera oportuno. "Pero neste caso os órganos de control non informaron de que exista unha xestión incorrecta". Neste sentido, Fomento remítese a aquel expediente de 2014 para manter que a paratir del "se elaborou un plan de ampliación de tres áreas de peaxe" conflitivas, as de Teo, Curro e Alba, "cun orzamento previsto aproximado de 7 millóns de euros" para obras que xa concluíron nos dous primeiros casos. 

Alexandra Fernández: "A resposta de Fomento é indignante, unha tomadura de pelo"

A mesma resposta ratifica ademais o que Audasa xa avanzou nas súas contas anuais de 2016, a intención a aplicar canto antes unha suba de peaxes para compensar os gastos derivados dos acordos asinados por Audasa co Goberno central en 2011 e 2013, dos que derivan as obras de ampliación actualmente en marcha en Santiago e Vigo e as bonificacións de portaxe na contorna viguesa e do Morrazo. Neste contexto, Fomento insta a Fernández a desbotar a "esixencia de posibles descontos a usuarios habituais", xa que "dita medida debe entenderse como un desconto comercial que decide" a empresa "en función dos seus intereses" e "calquera outra forma de desconto que se pretenda impoñer" suporía "unha perda de ingresos da sociedade concesionaria" que implicaría que o Estado tivese que compensar a Audasa polas perdas.

Para Alexandra Fernández a resposta de Fomento "resulta indignante" por demostrar que "defende os intereses comerciais da concesionaria" por riba dos xerais. "É unha tomadura de pelo" porque "debería implicarse na intermediación perante a concesionaria" para que a poboación "teña descontos, como noutras autoestradas do Estado". A resposta de Fomento está datada no pasado 3 de xullo, apenas 4 días despois de que a Secretaría de Estado de Relacións coas Cortes rexistrase no Congreso o informe co que o Goberno de Rajoy manobra para vetar por segunda vez a lei que, aprobada por unanimidade en Galicia, reclama a transferencia de competencias sobre a AP-9.

Alexandra Fernández, deputada de En Marea no Congreso CC-BY-SA En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.