Galicia acelera na batalla legal por recuperar a riqueza espoliada polos Franco

Pazo de Meirás CC-BY-SA Merce Blanco

A batalla legal para desmontar a riqueza  espoliada polos Franco avanza en Galicia. Varias administracións, entidades civís e grupos de traballo buscan a mellor estratexia para lograr a devolución das propiedades "roubadas" pola familia do ditador. Non son poucas nin pequenas.

Un informe xurídico encargado pola Deputación da Coruña confirma o aval á nulidade da transmisión de Meirás aos Franco

O pasado martes, un informe xurídico encargado pola Deputación da Coruña –e que será presentado este xoves á Xunta pro Devolución– confirmaba o aval á nulidade da transmisión do Pazo de Meirás aos Franco. Segundo o documento, o ditador asinou un contrato de compravenda "simulado" en 1941, cando levaba tempo usándoo tras ser incautado baixo presións e ameazas en plena guerra, e meses despois de que se aprobase a Lei de Patrimonio Nacional. Este acordo "ficticio" permitía que o inmoble pasase a ser ben público e que os familiares do ditador puidesen gozar del como propiedade privada. Esa é a clave sobre a que se debería basear a demanda que os expertos cren "acción necesaria" para recuperar unha das numerosas propiedades que os descendentes do xeneral fascista posúen en Galicia.

A comisión de expertos que puxo en marcha a Xunta coincide nesta demanda civil por nulidade de contrato como a mellor fórmula para recuperar un Pazo que a familia do ditador xa puxo á venda nunha inmobiliaria por 8 millóns de euros, unha decisión que non comunicou ao Goberno galego, tal e como lle obriga a lei. Unha vez máis, e do mesmo xeito que co incumprimento das visitas a un ben considerado de interese cultural, os Franco obvian calquera tipo de lexislación.

En calquera caso, a posibilidade de recuperar para o ben público o Pazo de Meirás vese agora como posible tras anos de desleixo e despois de que a demanda social e política se fixese cada vez máis evidente. Varias investigacións, como a publicada por Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo, demostran ademais que o inmoble é só a punta do iceberg dun "macroespolio"que non se limitou ao diñeiro da poboación da comarca da Coruña. Terreos, casas, importante patrimonio artístico ou edificios históricos foron usurpados por parte da familia Franco, que se  lucrou e séguese  lucrando de todas esas propiedades grazas a unha elite burguesa clave para aquelas operacións.

A familia do ditador lucrouse e séguese a lucrar das propiedades que usurpou grazas á colaboración das elites burguesas franquistas

O caso máis claro son os preto de 80.000 metros cadrados nos que os Franco ampliaron as súas propiedades fóra dos muros do Pazo e na propia parroquia de Meirás. Decenas de terreos e leiras cuxos donos reais continúan desvelándose  hoxe en día, do mesmo xeito que outras propiedades noutras zonas do concello, do veciño municipio de Oleiros e mesmo propiedades que agora se sitúan dentro dos límites das denominadas Torres.

Ademais, en plena posguerra, as administracións públicas do franquismo gastaban diñeiro sen reparo en obras das xa propiedades de Franco coa inestimable axuda de diferentes concellos. Hai moitos exemplos, algúns ben ilustrativos. Un dos terreos  expoliados aos veciños anexo ao Pazo servía de cuartel para as tropas, onde había un importante problema para a evacuación das augas fecais. En 1951 constrúese unha fosa  séptica  bacteriana e o ditador descobre que os restos eran un importante fertilizante para o millo plantado nas leiras lindeiras. Un investimento público de 50.000 pesetas fixo o resto e construíuse unha rede de saneamento entre o cuartel e o Pazo para abonar os xardíns. En 1974, segundo a investigación, investíronse no agora ben de Interese Cultural (BIC) 2,8 millóns de pesetas. En 1975, 3,5 millóns.

Os Franco eran insaciables. A fórmula para facerse con máis terreos era sempre a mesma. A familia negociaba cos veciños a través da denominada Casa Civil, organismo creado en 1938, dependente directamente do xeneral fascista e que xestionaba todas as actividades que se derivasen da súa función como xefe de Estado. Acordaba –ou impoñía– un prezo para pasar daquela os terreos a propiedade da familia, pero sempre inscritos a nome do propio ditador.

 

Negocio redondo para os Franco

Durante os anos 80 e principios dos 90, a familia Franco vendeu a maioría dos terreos, obtendo elevados beneficios. Leiras compradas a través da Administración acabaron sendo aproveitadas para lucro dos seus proxenitores. No seu poder, con todo, continúan algunhas propiedades que non puideron vender "ao non ser urbanisticamente apetecibles e estar protexidas", como destacaba Babío.

Os Franco venderon moitas propiedades e mesmo crearon empresas da ma do espolio

Co resto gañaron, "moitas veces con recualificacións por medio das que sacaron tamén importantes beneficios". O xa citado acuartelamento de tropas, construído con fondos públicos nunha parcela roubada e posta a nome do ditador, "foi clave logo nun  pelotazo urbanístico". "Non se lle pode sacar máis rendemento a un roubo", insiste quen considera imposible determinar cal foi o valor de todas esas vendas e cantas levaron a cabo.

Mesmo xurdiron empresas da man do espolio. Pazo de Meirás Produtos da Huerta explotaba leiras expropiadas, producía leite,  lúpulo ou madeira. O Ministerio de Agricultura facilitáballe sementes e mesmo as crías dos animais. Os investigadores posúen documentos nos que a Casa Civil de Franco agradecía a organismos públicos as súas achegas, e mesmo algún recibo de 180 pesetas por seis ducias de ovos producidos naqueles terreos.

Ocupación simbólica da Casa Cornide, na zona vella da Coruña / CC-BY-SA BNG

En todas estas operacións durante a ditadura, a familia do ditador valíase da axuda das elites franquistas. Tamén para que Franco cumprise cos seus caprichos, como a Casa Cornide, na zona vella da cidade da Coruña. Foi adquirida por Pedro Barrié da Maza nunha poxa en 1962 á que só asistiran el e o xefe do Movemento, e por ela pagou menos de 45.000 pesetas (270 euros). Logo, acabou en mans do ditador grazas á intervención do conde de Fenosa, un das figuras da época que formaron parte da denominada Xunta Prol Pazo, un grupo encargado de expropiar o Pazo de Meirás e recadar fondos para as súas obras.

O Concello da Coruña encarga ao Consello da Memoria buscar a fórmula para recuperar a Casa Cornide para o público

Agora, o Concello da Coruña tentará recuperar este emblemático inmoble e esa é a primeira posibilidade a estudar que lle encargou ao recentemente creado  Consello da Memoria Democrática, órgano consultivo e de participación que buscará como reverter para o ben público o histórico edificio. 

Moito antes de facerse coa Casa Cornide, o ditador quixo unha casa fronte ao mar e en zona de praia . Elixiu Bastiagueiro, a poucos quilómetros da Coruña, e ordenou que se lle comprase unha propiedade para construír un chalé. Adquiriuse o terreo e levantouse unha residencia con fondos públicos. Tras a morte de Franco, a súa familia vendeu a propiedade, situada nunha das mellores zonas do concello de Galicia e con maior renda  per  cápita. Outro negocio redondo.

 

As figuras de Abraham e Isaac

Pero a perla da coroa sempre foi o Pazo de Meirás, onde os Franco reuniron pezas arqueolóxicas de importante valor, cruceiros, fontes, balaustres ou escudos traídos doutros pazos galegos. O de Bendaña, en Dodro, por exemplo, foi desmantelado para instalar na residencia de verán do ditador elementos como gravados, figuras da capela e as propias pedras. Mesmo a biblioteca desapareceu. Ademais, dos palacios de Ximode ou Hermida tamén se retiraron diferentes obxectos que acabaron en Sada.

Entre os agasallos que concellos cedían para Meirás hai fontes de granito dos séculos  XVII e  XVIII, unha réplica do relevo da praza das Bárbaras na Coruña ou un  cruceiro que representaba o Santo dous Croques e que foi usurpado do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago.

O Concello de Santiago denunciou os Franco para recuperar as figuras do Mestre Mateo

Do mesmo Pórtico subtraéronse tamén dúas figuras do século  XII, de entre 1,80 e 1,70 metros, obras do Mestre  Mateo: Isaac e Abraham. As dúas estatuas están en mans da familia do ditador, a pesar de que non existe ningún documento de cesión por parte do Concello de Santiago, que as adquiriu en 1948 por 60.000 pesetas. O documento notarial de compravenda, así como o resto do expediente, foi atopado tras un traballo de documentación levado a cabo pola Universidade en colaboración con historiadores desa institución. Nese documento condiciónase a venda a que as esculturas non saian do patrimonio municipal nin por alleamento, doazón, concesión de depósito ou calquera outra figura, xa que en caso contrario debería indemnizarse ao propietario anterior con 400.000 pesetas.

Despois de que advertise aos Franco e dese 15 días para que devolvesen as figuras, o Concello acabou por denuncialos para recuperar outras importantes pezas do patrimonio artístico galego que a familia do ditador tomou como súas sen ningún tipo de transacción legal nin acordada.

As consecuencias da cadea de favores, corruptelas e espolios do público teñen consecuencia en conflitos actuais. A relación entre os terreos da Solaina e o Hotel Finisterre na Coruña –que a Autoridade Portuaria da Coruña insiste en poñer á venda para financiar o porto exterior, ante a mobilización cidadá para a súa reversión a terreos públicos– e aquela época é evidente.

Armando  Casteleiro Varela foi o impulsor da construción do complexo da Solana no que era a antiga praia do Parrote. Recibe a autorización das administracións en 1941 e abre as súas portas pouco máis dun ano despois. O empresario e nadador é irmán de José  Casteleiro Varela, membro do colectivo que pelexou pola expropiación de terreos e a adquisición do Pazo en Meirás e, ambos, recoñecidos militantes fascistas na máis dura represión.

Logo, Casteleiro decidiu construír un hotel e formou unha sociedade na que entrou o empresario Aurelio Ruenes, o arquitecto Santiago Rey Pedreira e a división industrial do Banco Pastor, banco que comandaba Pedro Barrié da Maza, designado procurador en Cortes por Franco desde 1946, e que acabaría por ser accionista maioritario da sociedade que xestionaba o hotel e a Solaina.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.