Gonzalo Caballero recibe os parabéns do seu tío, que renega da política autonómica

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, este luns supervisando uns planos Dominio Público Concello de Vigo

Tras a vitoria de Gonzalo Caballero nas primarias deste domingo cun 58% dos votos fronte a Juan Díaz Villoslada para facerse coa secretaría xeral do PSdeG, chegan as reaccións. A primeira, a do propio Caballero, quen asegura que apostará pola “integración” para conformar unha executiva renovadora. Caballero, que é partidario dun maior diálogo con outras forzas de esquerda, aposta por unha “alternancia” política en Galicia liderada polo PSdeG.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicita o novo secretario xeral dos socialistas galegos por “razóns afectivas moi intensas” pero insiste en que só está preocupado pola política local ou pola estatal

Desde o propio PSdeG, unha das reaccións máis significativas foi a do seu tío e alcalde de Vigo, Abel Caballero, co que está enfrontado politicamente hai anos. O rexedor fixo este luns unha “excepción” na súa habitual negativa a pronunciarse sobre cuestións distintas ás que el mesmo introduce nas súas comparecencias e felicitou o seu sobriño. “Por moitas razóns, pero tamén por razóns afectivas moi intensas, quero felicitalo”, dixo, e admitiu que os militantes do PSdeG “falaron con claridade” e “queren que sexa Gonzalo o novo secretario xeral”. Sobre o feito de que Vigo fose a única cidade na que gañou Villoslada, cun axustado 53%, o alcalde asegurou que os militantes vigueses votaron libremente. E preguntado pola posibilidade dunha próxima reunión entre sobriño e tío, salientou que non debería haber nada que o impida e lembrou que el fala co secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, “de forma continua”, volvendo a evidenciar o seu afastamento da política autonómica e o seu interese por falar só dos ámbitos local ou estatal.

Desde o PSdeG tamén chegaron felicitacións desde ámbitos que se amosaron máis partidarios de Villoslada. O presidente da Deputación e do PSOE da Coruña, Valentín Formoso, salientou que agora comeza unha “etapa de ilusión” unha vez que falaron os militantes. Tamén o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, trasladou a súa noraboa a Caballero como “novo secretario xeral que conta co respaldo, lexitimidade e forza dos militantes do PSdeG”. “Dende onte mesmo todos os socialistas nos sumamos a ese proxecto de esquerdas e humano da man do noso secretario, Gonzalo Caballero”, engadiu.

Pedro Puy salienta que ten a obriga de sentirse cómodo con “calquera interlocutor que democraticamente elixan as bases dos partidos” tras ser preguntado polas críticas que o secretario xeral do PP, Miguel Tellado, lanzou contra Villoslada

Desde o PP, o portavoz no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, felicitou a Caballero e desexoulle “todo o mellor, porque o PSOE é unha peza esencial no sistema de partidos e é bo que teña unha dirección e unha liña de actuación, así como un interlocutor lexitimado”. A Puy preguntóuselle por unhas declaracións realizadas o domingo polo secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, nas que este dicía que a elección de Villoslada sería “dramática”. Puy, pola contra, asegurou que o PP ten a “obriga” de sentirse cómodo con “calquera interlocutor que democraticamente elixan as bases dos partidos” e pediu non prexulgar a Caballero. “Confío en que a súa orientación académica no ámbito da economía institucional se traduza na capacidade do grupo socialista por ter un diálogo baseado nos principios das boas normas e boas institucións para desenvolver o crecemento económico” dixo Puy sobre quen tamén é profesor de economía na Universidade de Vigo.

E desde En Marea, o seu portavoz parlamentario, Luís Villares, salientou a importancia de que agora o PSdeG teña “unha interlocución clara”.

Caballero e membros da súa candidatura, tras coñeceren os resultados das primarias CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.