Guillerme Vázquez deixará de liderar o BNG tras a "reflexión" da derrota electoral

Vista do Consello Nacional, con Prado, Vázquez, Jorquera e Pontón en primeiro termo CC-BY-NC-SA BNG

"Seguirei no BNG, pero non será como portavoz nacional". O BNG celebra este sábado o seu primeiro Consello Nacional tras o duro resultado das eleccións do 21 de outubro e o seu líder, Guillerme Vázquez, aproveitou este foro para anunciarlle ao máximo órgano da formación entre asembleas a súa decisión de non continuar no cargo. Non será unha dimisión instantánea, como acontecera en 2009 con Anxo Quintana e o resto da Executiva que encabezaba, senón que será no momento en que conclúa a "reflexión" que o Bloque abre no propio Consello para elaborar, en verbas de Vázquez, un "novo proxecto nacionalista" que, todo semella indicar, se concretará nunha Asemblea Nacional extraordinaria.

"Non son temos de abandonar" e por iso "eu non abandonarei", explicoulles Guillerme Vázquez aos membros do Consello reunidos na sede nacional do BNG. Ese "abandono" sería "o máis cómodo", pero equivalería a "fuxir dos problemas". El, pola contra, asegura ser consciente de que o Bloque é "un barco que precisa reparación", pero segue a ser o mellor dos barcos para lograr a "soberanía" e a "xustiza social" e unha "nova persoa" debe situarse na ponte de mando. Pola súa banda o único "lamento" que deixa polo camiño é o de "non ter contribuído máis a que os galegos visen no BNG a forza" na que confiar para encabezar unha alternativa política. Isto, asegura, foi "por falta de habilidades persoais", pero non de traballo.

Vázquez chama a construír un "novo proxecto nacionalista" coa "cabeza fría" pero "sen demoras"

Neste contexto o aínda líder do Bloque arenga a unha formación na que aínda reina o desánimo da perda de cinco escanos e de máis de 100.000 votos. Botando man das verbas pronunciadas por Alexandre Bóveda tras un revés electoral do Partido Galeguista chama insta ao seus a aplicar unha máxima: "vencidos non, en pé" durante un proceso de reflexión que se enceta no propio Consello Nacional deste sábado e que, asegura, non ten "límites previos" e se apoiará nun "horizonte temporal" que sairá deste mesmo organismo. Ao BNG, di, tócalle agora "atravesar un mar con temporal" que é posible superar "cos medios axeitados".

Tirando desa mesma metáfora mariñeira Guillerme Vázquez advirte de que á formación frontista lle botarán "paladas de sal na ferida" da derrota e que tamén terá no seu entorno "cantos de serea" que, como os do Ulises da Odisea, tentarán que o barco remate "nos cons". Pero malia a todo, di, está convencido de que o Bloque aproveitará para "mellorar" en todo o que poida para "converter a derrota en oportunidade". "O BNG debe reaxir", subliña, "combatendo" a política do PP e "esforzándonos por conseguir máis apoio social". Para iso, bosquexa, o primeiro paso é "tomar nota" da mensaxe da sociedade e facelo "coa cabeza fría", pero "sen demoras". Guillerme retirouse ao seu asento guindándolles un bico aos presentes, que o envolveron nunha ovación.

Vázquez anuncia a súa decisión no Consello Nacional CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.