Gürtel tornou o ex-número tres do PPdeG no primeiro deputado da historia da autonomía galega encarcerado por corrupción

Crespo, na súa etapa de deputado sobre unha imaxe da constitución da Cámara en 1997 © Parlamento de Galicia

No marco das celebracións do seu trixésimo quinto aniversario o Parlamento de Galicia editou o pasado ano un libro conmemorativo con breves biografías de todos os deputados e deputadas da historia da autonomía. Nese case medio milleiro de perfís inclúese o de Pablo Crespo Sabarís, secretario de organización do PP galego de 1995 a 1999 e membro do lexislativo durante apenas nove meses, dende que foi elixido nas eleccións de outubro de 1997 como número cinco na candidatura dos populares por Pontevedra ata que foi remudado, no verán de 1998, pola actual responsable de Turismo de Galicia, Nava Castro. Crespo non pasará á historia polo seu practicamente inexistente labor parlamentario, senón por ser o primeiro membro do lexislativo galego que acabou encarcerado por delitos de corrupción.

O nome de Crespo regresou neste maio de 2018 aos titulares por mor da sentenza da peza central do caso Gürtel, na que foi condenado a 37 anos de prisión que se engaden aos 13 do primeiro ditame xudicial firme ligado á rede corrupta. A Audiencia Nacional considerouno culpable dun amplo catálogo de delitos como suborno, prevaricación, falsidade ou malversación como un dos máximos responsables do grupo empresarial liderado por Francisco Correa, ao que chegou xusto despois de abandonar en 1999 o que, de facto, era o terceiro posto en importancia no organigrama do PPdeG.

Pablo Crespo, que vén de sumar 37 anos ás súas condenas pola trama Gürtel, foi secretario de organización do PPdeG de 1995 a 1999 e membro do Consello de Portos de Galicia ata 2005

O que fora director de sucursal de Caixa Galicia en Vilagarcía de Arousa e presidente do PP local na vila do Salnés non se desvinculou, así e todo, totalmente das institucións galegas cando deixou de ser secretario de organización dos populares galegos nun contexto de enfrontamentos internos e contas turbias. Como recolle a devandita biografía parlamentaria -paradoxalmente ilustrada cunha imaxe de Crespo no banco dos acusados nunha das sesións do xuízo da Gürtel, a levar na súa lapela unha insignia moi semellante ao escudo da Cámara-, o considerado número dous da trama continuou como membro do Consello de Administración de Portos de Galicia, ente dependente da Consellería de Política Territorial ao que chegara en 1996 da man de Xosé Cuíña.

Referencia a Pablo Crespo na recompilación oficial de todos os membros do Parlamento © Parlamento de Galicia

Crespo mantivo a súa condición de membro do Consello de Portos cando en xaneiro de 2003 Cuíña foi destituído como conselleiro e substituído por Alberto Núñez Feijóo, quen á súa vez encomendou a presidencia de Portos a quen despois foi alcalde da Coruña, Carlos Negreira. O 'xerente da Gürtel' non perdeu ese asento ata decembro de 2005, cando foi destituído polo Goberno de PSdeG e BNG xunto ao resto de representantes herdados do Executivo de Fraga. Tanto Feijóo como Negreira restáronlle importancia nos últimos anos a esa permanencia de Crespo en Portos, afirmando que non asistía ás xuntanzas do órgano reitor do ente público e mesmo asegurando que nin sequera o coñecían.

Outros membros da Cámara condenados

Barreiro encadrara a súa condena nunha "manobra" para "eliminalo" da vida política

Crespo, que coñeceu a súa nova condena no cárcere onde xa está a cumprir a anterior, é polo momento o primeiro e único membro da historia do lexislativo galego encarcerado por un caso de corrupción, pero non o único condenado. A principios da década dos 90 o Tribunal Supremo condenou por prevaricación a seis anos de inhabilitación o que fora vicepresidente con Alianza Popular e co tripartito, Xosé Luís Barreiro Rivas, revogando así a absolución que ditaminara a Audiencia da Coruña polo caso da concesión do que ía ser a lotaría galega. Barreiro Rivas, que xa non ocupaba cargos públicos cando a condena foi ratificada, encadrou a sentenza nunha "manobra" dos populares para "eliminalo" da vida política. O proceso xudicial partira dunha denuncia presentada por cargos do Goberno do ex-presidente Fernández Albor, entre eles Mariano Rajoy, no día antes da moción de censura que derrubaría o Goberno de Alianza Popular.

Cobián deixou o escano tras ser imputado e a sentenza do caso Campeón condenouno por tráfico de influencias

Máis recentemente, en 2017, outro ex-membro do Parlamento galego foi tamén condenado nun proceso xudicial contra a corrupción. Trátase do antigo deputado Pablo Cobián, membro da Cámara dende 2009 e ata 2011, cando se viu obrigado a dimitir pola súa imputación na trama Campeón. Segundo a sentenza, Cobián realizou "funcións de intermediación" entre o Instituto Galego de Promoción Económica, dependente da Xunta, e o considerado líder da trama, Jorge Dorribo, as cales resultaron "determinantes"  para a "obtención fraudulenta" dun préstamo público. Tras un acordo coa Fiscalía o ex-parlamentario foi condenado por tráfico de influencias a 8 meses de prisión, dous anos de inhabilitación de 45.000 euros de multa.

Fotografía de Crespo conservada nos arquivos do Parlamento © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.