Isto son os enlaces 'orbital' e de Teis que piden Santiago e Vigo na AP-9

Situación dos enlaces 'orbital' e de Teis que reclaman Santiago e Vigo CC-BY-SA Praza Pública

Tras as recentes inauguracións das ampliacións da autoestrada AP-9 en Rande e Santiago, os concellos de Vigo e Compostela seguen a reclamar dúas novas conexións, os denominados enlace completo de Teis e orbital, que se atopan en distinta fase de tramitación. Pero, que son? Explicámolos.

Enlace orbital de Santiago

A autoestrada AP-9 ten ao seu paso por Santiago tres saídas. O enlace orbital sería unha cuarta saída, ao norte da máis setentrional das existentes actualmente, a de San Lázaro. Alí construirase unha glorieta elevada sobre a propia autoestrada á que irán a parar entradas e saídas da AP-9 en todos os seus sentidos. Esa glorieta permitirá á súa vez tanto conectar a AP-9 coa autovía cara Lavacolla como cos polígonos industriais do norte da cidade.

Ata o de agora a AP-9 non conectaba de xeito directo coa autovía que leva ao aeroporto de Lavacolla e que á súa vez supón o treito inicial da aínda en obras autovía Santiago-Lugo (A-54). Malia que esa vía sobrevoa a AP-9, para pasar de unha a outra había que circular un treito polo denominado periférico, a circunvalación interior de Santiago, e pasar por dúas rotondas. Coa recente ampliación da AP-9 construíuse un carril de saída da AP-9 en dirección á autovía de Lavacolla, pero os outros tres movementos posibles de saída ou entrada seguen sen poderse realizar de xeito directo.

A autoestrada AP-9 ten ao seu paso por Santiago tres saídas; o enlace orbital sería unha cuarta saída, ao norte da máis setentrional das existentes actualmente, a de San Lázaro, que conectaría coa autovía a Lavacolla e o polígono da Sionlla

O enlace orbital non só facilitará a conexión entre a AP-9 e a A-54 a Lavacolla e Lugo, a través dun ramal dun quilómetro cara o sur, senón que, fundamentalmente, dará acceso directo ao novo polígono industrial da Sionlla, situado a carón da AP-9. O Concello de Santiago reclama que ese enlace non se quede nunha simple conexión co polígono senón que se prolongue algo máis cara o norte e conecte tamén coa N-550 facilitando así á súa vez que o tráfico desa estrada e do veciño polígono do Tambre se incorpore á AP-9.

Nas inauguracións dos pasados días o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, salientou que o seu Executivo vén de aprobar o proxecto do enlace orbital, pero o plano do mesmo distribuído polo Ministerio de Fomento só reflicte obras no treito máis próximo á AP-9 e non esa prolongación cara o norte e a N-550 que reclama Santiago. O orzamento da obra, duns 25 millóns de euros, fai sospeitar ao Concello que a actuación só inclúe a conexión coa autovía de Lavacolla e o enlace co polígono da Sionlla pero non esa prolongación cara o norte ata a N-550. Esta pasada semana a Xunta e Fomento informaron de que vén de iniciarse a tramitación das expropiacións necesarias.

Plano do enlace 'orbital' de Santiago aprobado por Fomento, no que non aparece a súa continuación cara o norte ata conectar coa N-550 Dominio Público Ministerio de Fomento

Enlace completo de Teis

No barrio de Teis a AP-9 só ten entrada e saída cara ou desde Pontevedra, pero non cara nin desde o centro da cidade, o que fai que o tráfico pesado que conecta as industrias desa zona cos peiraos do centro teña que circular por rúas urbanas

En Vigo a AP-9 entra ata o mesmo centro da cidade, partindo en dous polo camiño o barrio de Teis e o de Chapela, da veciña Redondela, pero nel só hai unha saída cara á rúa Bos Aires e unha entrada desde esa mesma rúa cara Pontevedra. Nese enlace os vehículos non poden entrar nin saír da autoestrada se circulan cara ou desde o centro da cidade. Vigo reclama que nese enlace de Teis, á altura da rúa Bos Aires, se constrúan esa entrada e saída a maiores que permitan realizar todos os movementos. Porén, a medida ten os seus pros e contras e Fomento e Xunta veñen amosándose reticentes a ela.

A imposibilidade de acceder nese punto á AP-9 cara o centro da cidade fai que vehículos pesados que se desprazan entre as industrias instaladas en Teis e os peiraos do centro da cidade teñan que circular pola rúa Sanjurjo Badía, a principal avenida do barrio, provocando molestias á veciñanza. O Concello reclama que se complete o enlace de Teis para que así eses camións poidan circular pola autoestrada e que ese último treito da AP-9 se converta en vía urbana que poida ser empregada pola cidadanía para desprazarse entre Teis e o centro da cidade. Para facer presión nesa liña, o Concello restrinxiu o tráfico de vehículos pesados por Sanjurjo Badía, "a rúa máis castigada de Europa", segundo o alcalde, Abel Caballero, prohibición que quere facer total a partir de febreiro.

Audasa podería esixir compensación polo uso deses dous quilómetros da AP-9 entre Teis e o centro, do mesmo xeito que a Xunta compensa á AP-53 Santiago-Ourense polos seus dous quilómetros que empregan os usuarios da autovía autonómica Santiago-Teo

Pero hai varios inconvenientes para habilitar o acceso á AP-9 en Teis cara o centro. Por unha banda, malia que son só dous quilómetros, ese é un treito de peaxe polo que Audasa podería esixir cobrar a parte proporcional a eses vehículos que se despracen entre o centro e Teis. O cobramento directo aos condutores resultaría complexo, tanto pola dificultade de instalar novas cabinas de peaxe como polo reducido do importe, o que obrigaría á Administración a compensar a Audasa por cada vehículo que realice ese traxecto.

É o que ocorre, por exemplo, no treito de dous quilómetros da autoestrada estatal AP-53 Santiago-Ourense por cuxo uso non pagan os condutores que circulan por alí para enlazar coa autovía autonómica AG-59 Santiago-Teo. Os usuarios non pagan peaxe de xeito directo por eses apenas dous quilómetros, pero si o fai a Xunta, que compensa á AP-53 por cada vehículo que fai ese curto percorrido (123.000 euros neste 2018).

Á súa vez, esa gratuidade para o usuario entre o centro de Vigo e Teis atraería os tráficos que agora empregan as rúas da cidade para realizar ese desprazamento, sobrecargando ese treito final da AP-9 en Vigo e facendo que deixase de ter sentido como vía de alta capacidade de acceso rápido ao centro. A AP-9, na práctica, remataría en Teis, non no centro de Vigo.

Cruzamento en Teis da rúa Bos Aires (esquerda), pola que se pode acceder á AP-9 só en dirección Pontevedra, e Sanjurjo Badía, pola que se accede ao centro da cidade e os seus peiraos pero que o Concello restrinxiu ao tráfico pesado Dominio Público Google Street View

Como solución parcial ao problema do tráfico pesado que circula polas rúas do norte da cidade de Vigo, a Xunta defende liberar de peaxe para os usuarios o treito Redondela-Vigo

Como solución parcial ao problema do tráfico pesado que circula polas rúas do norte da cidade de Vigo, a Xunta impulsou a liberación de peaxe para os usuarios do treito Redondela-Vigo, de xeito que parte deses camións das industrias de Teis e Chapela retrocedan varios quilómetros ata Redondela para acceder alí á AP-9 en dirección aos peiraos do centro da cidade. Porén, esa gratuidade para eses usuarios conseguirase a través da compensación a Audasa cun novo incremento xeras das peaxes no resto da AP-9, segundo veñen de acordar esta semana Fomento e a Xunta. Nese mesmo encontro, as dúa administracións coincidiron en que se o Concello quere facer o novo enlace de Teis, debe ser o Concello quen o deseñe. Á espera de que as administracións concreten as solucións, a veciñanza de Teis e Chapela concéntrase este sábado para urxir tanto esas novas actuacións como o remate das derivadas da recente ampliación da autoestrada inaugurada hai un mes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.