Jorquera e Sanmartín encabezarán as candidaturas do BNG para as alcaldías da Coruña e Santiago

Francisco Jorquera e Goretti Sanmartín, candidatos do BNG ás alcaldías da Coruña e Santiago CC-BY-SA Praza Pública

As asembleas locais do BNG deron este venres o seu visto bo a quen encabezarán as candidaturas da formación ás alcaldías da Coruña e Santiago, Francisco Jorquera e Goretti Sanmartín. O primeiro volvería así á primeira liña política tras deixar a portavocía do BNG no Parlamento Galego ao rematar en 2016 a pasada lexislatura e pasar a presidir a Fundación Galiza Sempre, mentres que a segunda xa viña sendo concelleira en Santiago e vicepresidenta da Deputación da Coruña.

As asembleas locais da formación deron este venres o seu visto bo aos nomes do ex-portavoz parlamentario e da vicepresidenta da Deputación da Coruña

A elección de Jorquera e Sanmartín implica un paso atrás dos seus antecesores á fronte dos grupos municipais do BNG nas dúas cidades, Avia Veira na Coruña e Rubén Cela en Santiago. A primeira pasará a ocupar o segundo posto da lista por tras de Jorquera mentres que Cela deixa a primeira liña política por motivos persoais.

A cabeza de lista do BNG está tamén decidida en Pontevedra, onde o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores aspira á reelección, ao igual que en Lugo, onde repetirá o actual portavoz municipal, Rubén Arroxo. A gran incógnita segue a ser a de Vigo, onde na actualidade o BNG non conta con ningún concelleiro. O mesmo ocorre en Ourense, sen representación e tamén sen candidato ou candidata aínda decididos.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.