Madrid pide 18 anos de cadea para o ex secretario de Organización do PPdeG

Pablo Crespo CC-BY-SA Marta Jara

Os letrados da Comunidade de Madrid aseguran que Alberto López Viejo, ex conselleiro de vicepresidencia con Esperanza Aguirre, concertouse entre 2004 e 2008 co líder da trama Gürtel, Francisco Correa, para conseguir que a organización dos actos institucionais ou conmemorativos aos que asistise a ex presidenta da autonomía fosen adxudicadas ás empresas seleccionadas con Correa a cambio da súa comisión.

Por iso, piden 22 anos de cadea para Alberto López Viejo e tamén 18 para Correa e para Pablo Crespo, ex secretario de Organización do PP de Galicia e outro dos líderes da trama de corrupción, tal e como desvela a Cadena Ser. A xustiza xa asumira tras a investigación dos papeis de Bárcenas as conexións co presunto financiamento ilegal do PP galego por parte da trama Gürtel a través de Crespo a finais dos anos 90.

Os letrados da Comunidad de Madrid piden 18 anos de cadea para Pablo Crespo, número dous da Gürtel

Agora, neste primeiro escrito de acusación o goberno autónomo madrileño pide 18 anos de cadea para Pablo Crespo, número dous da trama, por suborno, malversación, falsidade e fraude. É idéntica á pena que solicita para o líder da Gürtel, Francisco Correa. En total, os letrados da Comunidad acusan 14 dos 43 procesados polo xuíz Pablo Ruz na denominada época I da Gürtel, que abrangue o período comprendido entre 1999 e 2005, porque se trataría dos únicos que intervirían na suposta fraude ao Goberno autonómico.

Pablo Crespo, un dos principais implicados e líderes da Gürtel, atópase en liberdade condicional e os papeis de Bárcenas relacionárono co suposto financiamento irregular do PP en Galicia, que tería ingresado máis de 20 millóns das antigas pesetas. Quedan aínda as peticións de condena que reciba o ex secretario de Organización dos populares galegos por supostas irregularidades cometidas tamén nos anos 90. O caso é que entre 1999 e 2005 Crespo foi conselleiro de Portos de Galicia (2003-2005), sendo Núñez Feijóo conselleiro de Política Territorial.

O ex secretario de Organización do PPdeG foi conselleiro de Portos de Galicia durante a época na que tería cometido estes delitos

Ademais, e segundo este escrito do executivo madrileño, Alberto López Viejo conseguiu a penetración da trama Gürtel en case todas as concellerías do Executivo autónomo, cun total de 348 actos contratados por 8,7 millóns e todos os eventos "institucionais ou conmemorativos aos que asistise" Esperanza Aguirre, sen o coñecemento desta ou dalgún alto cargo máis na Comunidade.

Os avogados piden 22 anos de cadea para López Viejo, ademais de multas superiores aos cinco millóns de euros por delitos de suborno, malversalición, falsidade dcumental, fraude á administración pública e tráfico de influencias.

Pablo Crespo CC-BY-SA Marta Jara

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.