Máis de 10.000 afiliados do PSdeG elixen un novo secretario xeral despois de 19 meses sen el

Gonzalo Caballero e Juan Díaz Villoslada CC-BY-SA Praza Pública

Gonzalo Caballero e Juan Díaz Villoslada compiten nas primarias deste domingo para suceder a José Ramón Gómez Besteiro, dimitido en marzo de 2016

O 18 de marzo de 2016, hai 19 meses, o PSdeG quedou sen secretario xeral, coa dimisión aquel día, tras a súa imputación na operación Pulpo, de José Ramón Gómez Besteiro, que ocupaba o cargo desde 2013. Este domingo, 19 meses despois, un total de 10.234 militantes socialistas galegos poderán elixir en primarias nos 182 centros de votación habilitados o seu novo líder, que deberá ser ratificado nun posterior congreso, de entre dous candidatos: Gonzalo Caballero e Juan Díaz Villoslada.

Durante o ano e medio en que o PSdeG estivo sen secretario xeral, o partido foi dirixido por unha xestora elixida no seu momento pola daquela dirección central do partido en Madrid encabezada por Pedro Sánchez. Cando Sánchez caeu, a xestora estatal que dirixiu o asturiano Javier Fernández retiroulle á súa homóloga galega as competencias para convocar as primarias e o congreso posterior que renovasen a dirección autonómica. Esas competencias fóronlle devoltas á xestora galega o pasado xullo e concrétanse nas primarias que agora se celebran.

No que coinciden Caballero e Villoslada é en defender a necesidade de unir a esquerda en Galicia para loitar contra o PP

A estas eleccións internas concorren finalmente dous candidatos, o deputado autonómico e ex-xerente da Universidade da Coruña Juan Díaz Villoslada (Ourense, 1965) e o economista profesor na Universidade de Vigo Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975), a cuxa candidatura se uniu o pasado luns o ata aquel momento terceiro aspirante, Xoaquín Fernández Leiceaga, portavoz no Parlamento de Galicia. Mentres Caballero e Leiceaga se presentan a si mesmos como os candidatos das bases e a Villoslada como o dos baróns, especialmente da Coruña e Lugo, este critica que os outros dous levan máis tempo ca el na política e preséntase como a auténtica renovación fronte aos pactos ao seu ver espurios.

No que coinciden Caballero e Villoslada, tras os malos resultados do PSdeG nas municipais de 2015 e as autonómicas de 2016, superado polas mareas, é en defender a necesidade de unir a esquerda en Galicia para loitar contra o PP. Pero é o primeiro quen se amosa máis explícito sobre a necesidade de aproximarse a En Marea. Tamén coinciden os dous en presentarse a si mesmos como próximos ao secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, nunhas primarias nas que non hai representante do sector crítico coa dirección estatal do partido. Ese sector en Galicia estaría encabezado polo alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, tío de Gonzalo Caballero pero enfrontado politicamente con el desde hai anos. Caballero senior esforzouse en transmitir en público que el non está interesado no que poida pasar co PSdeG senón que a súa preocupación é o PSOE, pero está por ver por quen se decantará a agrupación socialista viguesa, a máis numerosa de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.