Máis de 1.400 persoas votan por "abolir a monarquía" no campus universitario de Vigo

Votación no referendo sobre a monarquía na Universidade de Vigo © UVigo

Case 1.600 persoas participaron este martes no referendo sobre a monarquía organizado por estudantes na Universidade de Vigo, que se uniron así á convocatoria de consultas semellantes impulsadas xa en máis de 25 universidades de todo o Estado. En total, foron 1.584 os votos emitidos, dos que o 91% amosouse a favor de "abolir a monarquía como forma de Estado e instaurar a República". 

Case 1.600 persoas participaron nun referendo no que o 91% apostou por "aboliar a monarquía" e "instaurar a República"

Foi o alumnado o colectivo que máis participou nun referendo que habilitou urnas en seis facultades e escolas do campus vigués e no que tamén participaron profesores, investigadores e outro persoal da comunidade universitaria. Á primeira das preguntas, 1.435 votaron a favor de instaurar a República, 124 optaron polo non, mentres que 25 votaron nulo. 

O 97% dos favorables á abolición da monarquía apostan tamén pola "apertura de procesos constituíntes para decidir que tipo de República"

Á segunda cuestión, que no caso de votar afirmativo á primeira preguntaba sobre a idoneidade "da apertura de procesos constituíntes para decidir que tipo de República", o 97,2% optou tamén polo si (1.395 votos), fronte aos 31 que votou non e os nove votos nulos. Foi o 88% do total dos participantes o que optou por seren consultados tamén para definir que tipo de modelo de Estado republicano se insturaría. 

Unha muller vota durante o referendo sobre a monarquía organizado no campus universitario de Vigo / © UVigo

Os organizadores da consulta compareceron en rolda de prensa ao rematar a xornada para destacar a importante participación, advertindo de que non quedou moi lonxe o número de votantes nas últimas eleccións a rector na Universidade de Vigo. "Isto demostra o grande interese da iniciativa, á que a xente se achegou con entusiasmo", dixeron. 

Ademais, chamaron a tomar nota sobre uns resultados que demostran que "gran parte da comunidade universitaria aposta por abolir a monarquía", algo que deberían ter en conta tamén, segundo dixeron, "os defensores deste réxime do 78". "Nós xa nos pronunciamos e queremos decidilo todo", remataron. 

Os campus de Santiago, A Coruña e Ourense celebrarán o referendo o vindeiro mércores 12 de decembro

A consulta na Universidade de Vigo é as primeiras das organizadas en Galicia logo de numerosas asembleas en diferentes campus do país. Estudantes das tres universidades galegas uníronse a unha iniciativa que se espallou axiña por todo o Estado e na que tivo xa unha importante participación en centros universitarios doutras localidades.

Os campus compostelán e os ferrolán e coruñés, da Universidade de Santiago e da Universidade da Coruña, celebrarán a consulta o vindeiro mércores 12 de decembro, ao igual que o campus ourensán da Universidade de Vigo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.