Máis de 8.100 persoas participan nos referendos sobre a monarquía nas universidades galegas

Ringleira para votar nunha facultade da USC © @referendoUSC

Máis de 6.500 persoas participaron este mércores nos referendos sobre a monarquía organizados en varios campus das tres universidades galegas, uníndose así á vaga de consultas que se están a organizar en todo o Estado e que se levaron a cabo xa en diferentes localidades. Estudantes e persoal universitario da Coruña, Ferrol, Ourense e Santiago uníronse durante toda a xornada a unha votación como a que xa se celebrara en Vigo o pasado día 4 e na que depositaran o seu voto case 1.600 persoas. 

Máis de 8.100 persoas participaron nos referendos sobre a monarquía organizados nas tres universidades galegas

En total e en todas as consultas organizadas nas universidades galegas, foron 8.104 persoas --entre alumnado, PAS e PDI-- as que participaron nuns referendos simbólicos nos que máis do 90% (7.324 votos, o 90,37%) optaron por "abolir a monarquía" e instaurar a República.

Na xornada deste mércores, participaron na votación nos campus composteláns da USC case 3.600 persoas, das que o 93% (3.305) optaron por "instaurar unha República que abra procesos constituíntes". Na UDC, a participación foi de 2.064 persoas, con 1.810 votos (87,7%) a favor de "abolir a monarquía" e 1.837 (89%) "a favor de instaurar unha República a través da apertura dunha serie de procesos constituíntes". 

Máis do 90% dos participantes en Galicia optaron por abolir a monarquía e instaurar unha República

No campus ferrolán da UDC, foron 151 os participantes, dos que 127 (84,7%) votaron a favor de abolir a monarquía e 126 persoas a prol da "apertura de procesos constituíntes para decidir o modelo de República". No campus de Ourense da Universidade de Vigo, o número total de votos foi de 713, dos cales 647 (90,7%) optaron por "abolir a Monarquía como forma de Estado e instaurar unha República que abra procesos constituíntes". 

As votacións foron simbólicas pero significativas de comparar a participación coa que se dá, por exemplo, nas eleccións ao reitor nas diferentes universidades e tendo en conta que nin todos os campus nin todas as localidades foron quen de organizar os referendos. 

Nas últimas eleccións a reitor na USC votaran uns 2.700 alumnos (cunha participación do 12,6%) e un total dunhas 5.250 persoas incluíndo PAS e PDI. Na consulta deste mércores sobre a monarquía, na que non houbo urnas o campus de Lugo, a participación situouse nas 3.592, a inmensa maioría delas estudantes, como no resto das universidades. 

A participación non está moi lonxe da que se dá nas eleccións a reitor e cunha mobilización máis activa do alumnado

Na de Vigo, foron unhas 2.300 persoas as que se implicaron nos referendos, cando uns 2.500 alumnos e un total de 4.300 persoas exerceran o seu dereito a voto nos comicios ao reitorado.

 Na UDC participaron máis de 2.200 persoas para posicionarse sobre o modelo de Estado fronte aos 6.250 que votaron para elixir novo reitor en 2015. Por sectores, segundo os datos facilitados pola organización, a participación foi do 12,3% no caso do estudantado, 6,54% no caso do PDI e 3,79% no caso do PAS. No caso do estudantado, a cifra é superarior á das últimas eleccións ao claustro universitario, onde a participación foi do 11,9%.

© @referendumUDC

Máis de 42.000 persoas votaron xa nestes referendos en varias universidades públicas do Estado

A iniciativa dos referendos sobre a monarquía naceu na Universidad Autónoma de Madrid, que xa celebrou a súa consulta o pasado 29 de novembro con máis de 7.000 votos, unha participación que practicamente duplicou a das eleccións ao reitorado na mesma institución. En total, máis de 25 universidades públicas organizaron ou xa celebraron as consultas sobre a monarquía. Polo momento, logo das celebradas na UAM e na Carlos III de Madrid, en VIgo ou en Terrassa, este mércores 12 tamén se celebraron votacións na Complutense de Madrid, en Valladolid e en Embed  Editar delete_forever swap_vert Zaragoza, que xuntaron case 21.500 votos. 

En total, no conxunto das universidades do Estado, xa participaron máis de 42.000 persoas nestas consultas simbólicas, cunha vitoria arrasadora da opción republicana en todos os casos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.