Medio cento de concellos da provincia de Lugo prepáranse para cobrar ás eléctricas por usaren terreos públicos

Un tendido eléctrico © GNFenosa

Un total de 51 dos 67 concellos da provincia de Lugo veñen de dar o primeiro paso para cobraren ás empresas enerxéticas polo uso de terreos públicos. Este medio cento de gobernos locais veñen de asinar coa Deputación lucense un convenio para dar o primeiro paso na creación e aplicación deste tributo, a contratación dun estudo para "determinar" o impacto que tería nas arcas de cada consistorio.

O presidente da entidade provincial lucense, Darío Campos, rubricou cos municipios a posta en marcha dunha análise "técnica, económica e xurídica" que comezará coa contratación deste traballo para detallar que espazos públicos ocupan as infraestruturas das distribuidoras de luz e gas en cada municipio, tales como tendidos eléctricos ou tubaxes. Os gobernos locais saberán así como "fixar cadansúas taxas municipais ás enerxéticas" e plasmalo en ordenanzas municipais destes 51 concellos aos que, resaltan, poden sumarse outros que o desexen.

"Este é un proxecto novidoso na nosa provincia", admite Campos, quen non obstante resalta que xa existen experiencias previas avaladas polos tribunais. A máis próxima, a de Arteixo, que tras recibir luz verde definitiva do Tribunal Supremo iniciou a comezos deste 2018 a catalogación das liñas eléctricas e prevé recadar uns 120.000 euros anuais coa taxa. Exemplos coma este, así como o de concellos de fóra de Galicia en provincias como Zamora ou Cáceres, di, impulsaron a Deputación de Lugo a propoñer esta "nova fórmula" os concellos lucenses.

Uns 130.000 euros do ente provincial e entre 3.000 e 6.000 por cada concello participante serán base dun proxecto que xa comezou cun estudo previo, realizado xa dende a propia institución. A Área de Cooperación cos Concellos "elaborou un estudo previo que recolle as tipoloxías de liñas eléctricas" e a "lonxitude de ocupación de tendidos eléctricos sobre os bens de titularidade pública municipal". Agora, a empresa que gañe o concurso para realizar o devandito traballo "elaborará o inventario de ocupación e aproveitamento do dominio público municipal de toda a provincia.

A Deputación de Lugo financia o estudo previo á aplicación desta taxa que, lembra, xa foi avalada polo Tribunal Supremo para a súa aplicación en concellos como Arteixo

O Tribunal Supremo, salienta a Deputación lucense, xa deixou claro que estas taxas non gravan "un solo rústico de uso agropecuario", senón "a utilidade que lle reporta" ás empresas eléctricas "o aproveitamento especial do mesmo". Non en van, di a xurisprudencia, o uso dun terreo para o paso de tendidos eléctricos "exclúe as demais" utilizacións posibles e faino ademais para "unha actividade netamente industrial", isto é, "distribuír enerxía eléctrica". Por iso o TS considerou estas taxas como "axustadas ás esixencias legais".

Os gobernos municipais que participan neste proxecto dende o inicio, de diversas cores políticas, son Abadín, Alfoz, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castroverde, Cervantes, Chantada, O Corgo, Cospeito, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Guntín, O Incio, Láncara, Lourenzá, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Riotorto, Rábade, Sober, Taboada, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xermade.

O presidente da Deputación de Lugo, con representantes dos concellos asinantes do acordo © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.