Mineira de Corcoesto recrúa a vinganza contra a Xunta nun litixio que xa custou 600.000 euros públicos

Protesta contra a mina de Corcoesto © Salvemos Cabana

A multinacional que pretendía un polémico macroproxecto mineiro en Corcoesto non se detén na súa vinganza contra a Xunta. Logo de que o Goberno galego cancelase a súa iniciativa, a firma canadense Edgewater deu inicio a unha batalla legal que incluíu un recurso de reposición e outro contencioso administrativo contra a denegación do permiso de explotación, outro máis ante a UE e unha demanda de arbitraxe pola presunta ruptura de tratados internacionais. Solicitara, entre outras cousas, 20 millóns de euros polo investido para impulsar a mina a ceo aberto, pero no recurso contencioso lanzara xa graves acusacións contra a Administración galega, asegurando que a contorna do presidente pedira unha mordida --"dólares nunha maleta Samsonite"-- para darlle visto e prace ao proxecto, tal e como publicara Praza.gal. A cousa non acaba aí. Na denuncia de arbitraxe, a empresa ponlle cifras e nomes a esa presunta petición de suborno: 1,5 millóns de euros a repartir entre Alberto Núñez Feijóo; o ex-conselleiro de Medio Ambiente e xefe da oposición en Compostela, Agustín Hernández; o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces; e outros altos cargos do Executivo. Graves acusacións sen máis probas que as palabras do presidente da compañía, George Salamis.

Edgewater ponlle nomes e cifras ás acusacións de corrupción que fixera contra a Xunta hai anos

Veno de adiantar o diario dixital infoLibre, que aclara que as graves acusacións por parte de Edgewater aparecen na documentación que a avogada da Xunta presentou no recurso de apelación que pide que se reabra a causa para xulgar a empresa canadense por calumniar e difamar o Goberno galego. A Audiencia Provincial rexeitou as intencións da Administración. Cualifíca as acusacións de "indubidablemente impropias", pero aclara que "non implican unha imputación certa, directa e eficaz" polo que se exclúen "da súa valoración na esfera penal". E reafirma o arquivo do caso do mes de maio anterior. 

A empresa di na demanda de arbitraxe que un intermediario pediulles 1,5 millóns de euros para repartir entre cargos da Xunta

Foi un dos recursos presentados pola Xunta na batalla legal á que tamén se lanzou logo de que se rachase o idilio que mantiña con Edgewater durante os primeiros anos de relación. Tan intensa que Feijóo falara da "grande oportunidade" da megamina e protagonizara un vídeo da propia compañía, que celebrou abertamente a vitoria do PP por maioría absoluta nas eleccións autonómicas de 2012. 

Pero as inconsistencias técnicas e económicas do proxecto, unidas á fortísima mobilización na súa contra, obrigaron a Xunta a frealo. A alianza rachou e a empresa embarcouse nunha demanda contra a Administración cun impacto nas arcas públicas que xa supera o medio millón de euros. Os últimos 400.000 saíron de fondos inicialmente destinados a investigación, desenvolvemento e innovación, tal e como adiantou Praza.gal

Non era a primeira vez que os gastos derivados da demanda pola mina de Corcoesto acababan sendo sufragados con fondos inicialmente previstos para outros gastos da Xunta. Como informou este diario, no outono de 2016 a propia Consellería de Economía viuse na obriga de "realizar un depósito inicial de 150.000 dolares" na Corte de Arbitraxe da Haia no marco da demanda internacional. Eses cartos foron transferidos dende a partida concibida para financiar o ticket eléctrico, as axudas para pagar o recibo da luz a familias con escasos recursos económicos das que o 40% do seu orzamento acabou sufragando outros gastos da Administración. A factura da demanda de Corcoesto suma xa, daquela, cando menos 589.316 euros.

A Xunta destinou 400.000 euros de I+D+i e uns 150.000 do ticket eléctrico para a batalla legal contra Mineira de Corcoesto

Mentres, Edgewater apunta directamente á Xunta. E de maneira dura. No documento presentado na demanda de arbitraxe, o presidente de Edgewater, George Salamis, di: "En outubro de 2014, un alto cargo de Sacyr díxome que teríamos que pagar 1,5 millóns para obter o permiso para o desenvolvemento do proxecto de Corcoesto e que estes fondos distriburíanse entre altos cargos da Xunta, incluíndo o presidente Feijóo e o señor Tahoces". 

A web de Edgewater segue a amosar detalles do proxecto de Corcoesto e un vídeo co apoio de Feijóo á mina / Captura tirada o 20/3/2018

Ademais, advirte de que foron uns intermediarios, dos que non dá nomes, os que terían solicitado eses "pagamentos ilícitos" para repartir entre diferentes cartos entre os que tamén inclúe a Agustín Hernández. 

Hai agora dous anos, logo da filtración de varios documentos a diferentes medios, fixérase público un correo electrónico que o propio Salamis enviara ao xerente da filial Mineira de Corcoesto, Lluís Boixet, no que aseguraba que non "alcanza a ver" que pode "facer de maneira distinta" para salvar o proxecto a parte de "pagarlles $$$ aos políticos". "Isto tería sido fácil e calquera pode facelo, pero non encaixa cos principios fundamentais de acordo aos cales facemos negocios", diría o máximo responsable da firma mineira en novembro de 2014, días despois daquel suposto intento de suborno que lle advertira un cargo de Sacyr. 

No seu recurso, a Xunta acusa a Edgewater de levar a cabo unha "estratexia xurídica e mediática" para "descualificar" o Goberno galego e pregúntase "como se pode defender, en efecto, un responsable público de tales acusacións". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.