NÓS saca peito co importante apoio do mundo cultural á súa candidatura

Acto de apoio do mundo da cultura a NÓS-Candidatura Galega © NÓS

NÓS saca peito co apoio da cultura. Preto de 400 persoas deste mundo e do activismo social apoian xa a Candidatura Galega, que este sábado presumiu do manifesto no que numerosos persoeiros destacados deron a cara a prol dunha lista que "ten o plan de defender os intereses deste país e das súas clases populares, conseguir que nos deixe de pasar pola porta unha e outra vez a Historia”. 

Unhas 400 persoas do mundo cultural e do activismo social amosan o seu apoio público a NÓS

Así o dixo Quico Cadaval, dramaturgo que oi encargado de presentar este manifesto xunto á xornalista Concha de la Fuente e cuxa lectura correu a cargo da editora Helena Pérez, do actor Federico Pérez, e de Tereixa Novo, de Fuxan os Ventos.  “Sen poder político propio, sen estruturas nacionais soberanas, sen autoorganización, a nosa Terra esvaece e ningún problema noso terá solución. Tampouco estará garantida a pervivencia e vivencia da nosa lingua e cultura. É polo que damos o noso apoio a Nós-Candidatura galega para as próximas eleccións xerais”, recolle o texto.

Ademais, Suso de Toro deixou claro que, na opinión dos asinantes, o poder político que Galicia teña logo das eleccións xerais dependerá dos votos queu acumule NÓS, que definiu como unha candidatura "contra todo poder establecido" e feita desde a base. Ao tempo, Cadaval tirou de retranca para destacar a importancia de que o país teña representación propia nas Cortes de Madrid. "Tiran moi ben as cañas e é un pobo hospitaleiro, pero hai moitas persoas que a cambio da felicidade de vivir nesa cidade fai o que lle mandan", advertiu. 

“Sen poder político propio, sen estruturas nacionais soberanas, sen autoorganización, a nosa Terra esvaece e ningún problema noso terá solución

Na presentación deste manifesto, que segue a acumular apoios, varios persoeiros insistiron na necesidade da importancia de que Galicia teña grupo parlamentario propio que "combata as políticas antisociais e colabore na consecución de políticas que favorezan os sectores máis castigados pola crise". "E demandamos un grupo parlamentar de obediencia galega que reclame poder e soberanía para a nación galega”, explica o manifesto. 

Porque “queremos o noso país e desexamos o mellor futuro para a nosa xente nel”, - argumentan as persoas asinantes-, “desexamos que o noso país teña unha candidatura que nos represente desde a soberanía, que defenda alí os nosos intereses económicos, sociais, culturais, que demande e ache solucións aos nosos graves problemas de todo tipo”.

O manifesto da Cultura de apoio a NÓS-Candidatura Galega insta a “non perder outra oportunidade histórica”, como a que se abre a partir do 20D, aposta por confiar nas propias forzas. “Sabemos que temos recursos, materiais e intelectuais. Confiamos nas nosas forzas e na nosa determinación”, di o texo apoiado por importantes referentes da cultura, da música, da literatura, artes escénicas, do ámbito académico e da investigación.

Pillado, Fernández Paz, Marica Campo, Xabier P. Docampo, Ledicia Costas, Guadi Galego ou Margarita Ledo apoian o manifesto

Entre os asinantes atópanse, entre outros: Francisco Pillado, Agustín Fernández Paz, Bieito Iglesias, Mercedes Queixas, Marta da Costa, Marica Campo, Xavier P. Docampo, Anxos Sumai, Xavier Queipo ou Ledicia Costas, que comparten sinatura con músicos como Alonso Caxade, Guadi Galego, Ugia Pedreira, Tino Vaz, Xurxo Souto, integrantes dos grupos Quempallou e Nao ou de Das Kapital. Igualmente, ilustradores como Kiko da Silva, Pepe Carreiro, ou Xosé Lois Rodríguez O Carrabouxo. Suso Díaz, Margarita Ledo, Encarna Otero, Leandro Lamas, Luísa Marquez, Manuel Lourenzo, Suso de Toro. 

O acto contou coa presenza dos cabezas de lista pola Coruña e Pontevedra, Carlos Callón e Carme Adán respectivamente, e do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence. Ademais, e case a un tempo, en Ourense, Noa Presas, número 1 da lista pola provincia, levou a cabo un reparto informativo no que proclamou que NÓS é "a única alternativa 100% galega, que aspira a ter un grupo parlamentar propio que defenda os intereses de Galiza e das maiorías sociais, sen dependencias nin obediencias estatais, nin de outros partidos nin da Complutense”.

Acto de apoio do mundo da cultura a NÓS-Candidatura Galega © NÓS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.