O acceso ao Gaiás anunciado hai 15 anos cortará cinco meses carrís da AP-9 inaugurados en xaneiro por Rajoy

Feijóo, Rajoy, Pastor e De la Serna, na inauguración da ampliación da AP-9 ao seu paso por Santiago Dominio Público @marianorajoy

Durante os seus días de descanso en Pontevedra no pasado Nadal o presidente Rajoy aproveitou para inaugurar dúas ampliacións da autoestrada AP-9: o 30 de decembro ao seu paso pola ponte de Rande e o 3 de xaneiro no seu treito de circunvalación de Santiago. Oito meses despois os traballos no primeiro treito aínda non remataron e seguen a producir afeccións ao tráfico mentres que o segundo, si rematado, verá agora como varios dos seus novos carrís volven desaparecer. Fomento anulará ata febreiro parte desa ampliación compostelá da AP-9 para acometer o seu enlace coa Cidade da Cultura, actuación anunciada hai 15 anos pero que sucesivos gobernos en Madrid e Galicia non foron quen de acompasar cos tres anos que duraron os traballos de ampliación da autoestrada.

Malia que as obras de ampliación da autoestrada en Santiago se prolongaron durante tres anos, Fomento non foi quen de empezar o seu enlace coa Cidade da Cultura ata tres meses despois do seu remate

En concreto, desde este luns 10 de setembro e ata o 19 de febreiro as obras do enlace co Gaiás manterán cortados catro carrís da AP-9 ao longo de catro quilómetros: en sentido sur a calzada pasará de catro a dous carrís ao longo de dous quilómetros e en sentido norte de cinco a tres carrís nun espazo similar.

Durante a colocación o pasado abril da primeira pedra do enlace coa Cidade da Cultura, o propio presidente Feijóo lembrou que el mesmo anunciara esa actuación en 2003 cando era conselleiro. A obra foise postergando entre outros motivos polo medo dos técnicos a que o tráfico que utilizase ese enlace colapsase os daquela xa sobrecargados dous carrís por sentido da AP-9. Porén, as negociacións entre Xunta, Fomento e Audasa para acometer esa conexión non foron quen de acompasarse coa longa tramitación e execución da ampliación da AP-9, cuxa primeira pedra se colocou en febreiro de 2015 e cuxos case tres anos de obras supuxeron importantes afectacións ao tráfico.

Agora, tras oito meses de tráfico normalizado nunha AP-9 que ao seu paso por Santiago pasou a dispor nalgún treito de ata cinco carrís por sentido, e unha vez superado o verán, período con máis tráfico, a autoestrada volverá estreitarse en sentido sur durante cinco meses ata os seus antigos dous carrís.

De la Serna e Feijóo na colocación da primeira pedra do acceso á Cidade da Cultura desde a AP-9 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.