O albanel de Alianza Popular que factura 750 millóns en adxudicacións públicas

O empresario Manuel Taboada, segundo pola dereita, e ao lado o ex-alcalde de Lalín e senador do PP Xosé Crespo nun acto en 2011 Dominio Público Praza Pública

A biografía do construtor Manuel Taboada Gómez encaixa ben na lenda do home feito a si mesmo e do gran soño americano. A súa epopea arrincou en 1988 cando fundou unha pequena empresa cun millón de pesetas de capital (6.000 euros) que reuniu xunto á súa esposa, Elisa Ramos. Ningún dos dous tiña máis que os estudos básicos e aquela sociedade buscaba ir un paso máis alá e facer medrar a cuadrilla de obreiros coa que Taboada empezara realizando chapuzas nas granxas da comarca do Deza e levantando o esqueleto dalgunhas vivendas unifamiliares.

Manuel Taboada, antigo edil en Silleda ben relacionado co PP galego, converteu a súa pequena empresa na construtora que máis contrata coa Xunta

Hoxe Taboada y Ramos é un emporio con filiais en Perú que constrúe autoestradas, xestiona depuradoras e servizos de recollida de lixos, ademais de explotar parques de enerxía eólica. Só entre 1998 e 2016 -o último ano que presentou contas- o grupo empresarial facturou 752 millóns de euros e declarou beneficios por 65 millóns. A iso habería que sumar as contas da súa primeira década que non son públicas. Segundo os datos do rexistro mercantil case todos os seus ingresos proceden das administracións públicas, fundamentalmente das gobernadas polo Partido Popular. O último informe da Federación Galega da Construción sinala que en 2017 foi o primeiro adxudicatario de obras do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, con 13 contratos e un montante de 9,6 millóns. Como nos vellos tempos.

A vida do albanel Manuel Taboada cambiou de golpe nas eleccións municipais de 1987. Aquel ano, tras ser parte da candidatura de Alianza Popular en Silleda, asumiu a concellería de Obras. Aí estableceu amizade con Xosé Cuiña, alcalde daquela do veciño Lalín, e que logo se convertería en capo da política galega durante décadas á sombra de Manuel Fraga. Despois de vencer naqueles comicios locais, Cuiña compatibilizou o Concello coa presidencia da Deputación de Pontevedra, e en 1990 converteuse en conselleiro de Obras Públicas do primeiro Goberno de Fraga.

En 2017 foi o primeiro adxudicatario de obras do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, con 13 contratos e un montante de 9,6 millóns

Taboada tampouco aguantou moito no Goberno municipal. En 1988, co seu amigo xa á fronte da Deputación, constituíu a sociedade xunto á súa muller e a súa raquítica construtora empezou a recibir obras. As máis importantes chegaron da propia Deputación e dos mesmos alcaldes da comarca aos que tratara nas reunións de partido. En 1989 decidiu cambiar definitivamente a política local polos negocios. Renunciou á acta de edil en Silleda e iniciou unha espectacular expansión empresarial. A súa cuadrilla, que ata daquela edificaba chalés na zona, entrou de cheo nos grandes concursos de obra pública. Para gañalos.

Nada máis nacer Taboada y Ramos sumouse ao club dos 500 millóns de pesetas de facturación anual (tres millóns de euros). E ao cumprir os cinco anos, en 1993, xa ingresaba 858 millóns de pesetas (5,1 millóns de euros). Todo iso era posible cun persoal fixo de seis traballadores. Axudáronlle a despegar a adxudicación de obras como o polígono industrial de Lalín (que realizou en tres fases distintas). Logo construíu tamén o de Silleda, onde fora concelleiro.

Pero o mellor estaba aínda por vir. Durante a década dos 90, con Fraga de volta en Galicia empeñado en vertebrala a través dunha ambiciosa rede de infraestruturas que incluíu estradas, autovías, polígonos de empresas e redes de saneamento, chegaron os contratos millonarios. Manaban os cartos dos fondos europeos e en Galicia todo estaba por facer.

De facer chapuzas en granxas a súa empresa pasou a construír autoestradas e xestionar infraestruturas e renovables: en 18 anos facturou 752 millóns

A irrupción de Taboada y Ramos na repartición das obras levantou certo rebumbio nos escasos medios de comunicación críticos co fraguismo. En 1995 El País preguntou a Cuiña polo crecemento exponencial da firma do seu amigo e o conselleiro e número dous da Xunta -que ademais era secretario xeral do PP- asegurou que o éxito se explicaba polas políticas expansivas do Goberno galego que servían para potenciar ás empresas locais. De paso, o conselleiro esgrimiu unha normativa interna pola cal os directores xerais de Obras Públicas eximíano a el de calquera responsabilidade na adxudicación de contratos. O empresario Taboada, pola súa banda, contou ao xornal que todo eran  faladurías: "Hai tempo que non vexo a  Cuiña".

"De facer nichos en cemiterios ás autovías"

Durante a súa amizade con Cuiña a construtora iniciou un crecemento que chega ata hoxe

A espectacular transformación que viviu daquela Taboada e Ramos asombrou á veciñanza case tanto como á competencia no sector. Antonio, un dos clientes que contratara á súa cuadrilla nos oitenta para levantar a estrutura da súa vivenda, lembra agora por teléfono como foi aquel cambio: "Tratábase dunha empresa de albanelería. Traballaba o dono xunto a algún familiar. Ían todos nunha pequena furgoneta. Aquí levantaban o armazón das vivendas, alí facían nichos de panteóns nos cemiterios...  Diso pasaron en pouco tempo a gañar contratos para facer estradas e autovías. Que salto que deu, foi unha tolemia. Empezaron a verse retroexcavadoras, apisoadoras  rotuladas co nome de Taboada y Ramos..."

Ao mesmo ritmo que os gobernos do PP foron multiplicando os seus plans de infraestruturas, engordaba a conta de resultados de Taboada y Ramos. Galicia viviu unha era de maiorías absolutísimas do PP, que controlaba a Xunta, as deputacións provinciais e a gran maioría dos concellos. Eran anos de expansión do orzamento público, a miúdo con cargo ás axudas europeas. Estradas, obras de rede de sumidoiros, polígonos empresariais, pontes, depuradoras... Taboada y Ramos fixo de todo. En 1998 bateu o seu  récord, aínda en pesetas, 2.000 millóns de facturación (12 millóns de euros). Ao ano seguinte, foron 3.395 millóns (20,2 millóns de euros). En 2004, xa co euro instaurado, 34 millóns. En 2010 ingresou case 70. Aquel foi un ano propicio para a construtora. Lémbrao aínda hoxe a propia páxina web da empresa: "A compañía recibiu un importante respaldo no ano 2010, ao resultar seleccionados pola Xunta de Galicia [con Feijóo á fronte] un total de catro anteproxectos de novos parques eólicos, cunha potencia conxunta asignada de 96 megawatts".

Cando Cuiña caeu en desgraza no partido en 2003, o empresario xa se gañara a confianza do recentemente nomeado presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán

Portas cara a dentro, durante as dúas últimas décadas os traballadores foron testemuñas das excelentes relacións que Taboada -sempre discreto nas aparicións públicas e coa prensa- soubo manter nos despachos dos dirixentes mellor colocados do PP galego. Cando Cuiña caeu en desgraza no partido en 2003, o empresario xa se gañara a confianza do recentemente nomeado presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, que mandou neste organismo durante doce anos ata 2015 que se foi a presidir a Federación Galega de Fútbol.

"Era imposible competir con eles", di a competencia

"Apareceu unha empresa sen moita estrutura nin unha gran profesionalidade, coa que era imposible competir nas adxudicacións públicas de determinadas administracións", di un directivo da competencia

Un directivo dunha empresa da competencia relata a este diario como viviu aquela época: "Apareceu unha empresa sen moita estrutura nin unha gran profesionalidade, coa que era imposible competir nas adxudicacións públicas de determinadas administracións, en especial da Deputación de Pontevedra. Teño serias dúbidas da súa estrutura aínda hoxe, a pesar das adxudicacións que recibe. Se un estuda a etapa das súas adxudicacións da Deputación de Pontevedra sobre todo ata 2009, pódese ver que algunhas empresas arrasaban nos concursos públicos. Taboada e Ramos era unha delas. Era un escándalo, os demais iamos ás licitacións para que quedase constancia de que estabamos vivos. Sabíase que non se podía acceder salvo a contratos moi pequenos que se repartían a outras empresas para tratar de lexitimar un pouco a institución".

Un empregado que traballou nos anos de expansión preto do despacho de Taboada sostén que a construtora investía importantes cantidades de diñeiro en ter contentos a cargos públicos, funcionarios e técnicos de distintas administracións. "Todas as semanas había festas en restaurantes onde se convidaba a enxeñeiros, a alcaldes, concelleiros e outros cargos públicos. Na forma na que se relacionaba con eles, ás veces Taboada parecía o xefe de todos eles. E na contabilidade figuraban compras de obras de arte, cadros de pintores galegos. Acudíase sempre ás poxas no Hostal dos Reis Católicos. E logo algunhas desas obras utilizábanse como agasallos e atencións", sostén este  ex-traballador.

Inauguración da polémica Autovía da Costa da Morte, en cuxa construción participou Taboada y Ramos [Xunta de Galicia]

Durante os próximos 25 anos explotará xunto a outras tres empresas a autovía da Costa da Morte, unha das infraestruturas máis polémicas do Goberno de Feijóo, que perdoou ás construtoras a execución de parte da infraestrutura.

Nos últimos anos, o conglomerado empresarial abriu negocio en Perú a través dunha das súas filiais e penetrou no sector das concesións públicas. Durante os próximos 25 anos explotará xunto a outras tres empresas a autovía da Costa da Morte, unha das infraestruturas máis polémicas do Goberno de Feijóo, que perdoou ás construtoras a execución de parte da infraestrutura.

Sen ter ningunha experiencia no sector, o Concello de Lalín durante o mandato de Xosé Crespo adxudicoulle en 2010 o servizo de recollida de lixos por vinte anos dentro dunha UTE coa firma  Geseco. E baixo a mesma fórmula accedeu á concesión de tres depuradoras en diferentes puntos da costa galega. 

Polo menos un fiscal e unha xuíz rastrexaron algúns dos movementos da construtora e tomaron declaración a testemuñas que alertaron de manobras estrañas nalgunhas adxudicacións, pero a Xustiza non achou probas sólidas para abrir unha investigación.

Manuel Taboada asegura que non existe ningunha irregularidade e que todo é froito de décadas de traballo

Manuel Taboada asegura que non existe ningunha irregularidade e que todo é froito de décadas de traballo. Por teléfono, este venres mostrouse molesto ante as preguntas de este diario. "A miña empresa leva 20 anos crecendo. Que o ano pasado aparecese como a que máis facturou á Xunta non quere dicir nada. Ingreso menos que hai quince anos. Hai unha empresa que vén de recibir un contrato de 20 millóns da Xunta, xa non somos os que máis ingresamos. Cada un pode tentar establecer os vínculos que queira, pero eu empecei a traballar en 1974 e estiven na política dous anos a partir de 1987. Dedícome á obra pública desde antes de coñecer a Cuiña. E fun nas listas de AP, pero por que ía influír iso. Había moitos concelleiros de AP que non saíron adiante como fixen eu. Inflúe o traballo, e a sorte. Esta empresa ten moitos anos detrás".

Cando se lle pregunta cal é a facturación total da empresa desde que a fundou hai 30 anos, Taboada alega que non se lembra. E que se comprou tantos cadros é porque el é un amante da pintura.

Feijóo na visita a unha das obras de Taboada y Ramos na Autovía do Morrazo Dominio Público Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.