O alcalde de Vilardevós, condenado por acosar un traballador por ser “socialista”

José Luis Pérez, ex alcalde de Vilardevós, e o secretario xeral do PSdeG en Ourense, Raúl Fernández © PSOE

O Xulgado do Social número 4 de Ourense estimou a demanda dun militante socialista e traballador do concello de Vilardevós contra  ao alcalde  Manuel Cardoso pola “súa conduta discriminatoria” contra o operario municipal derivada da súa filiación política e obriga ao “acosador, Manuel Cardoso a restituír ao traballador nas súas responsabilidades.

A resolución xudicial do 9 de marzo de 2012 declara probado que estas actuacións discriminatorias e vexatorias do rexedor viñeron precedidas de anuncios públicos das súas intencións, incluso durante o período e campaña  electoral. Na sentencia recóllense expresións do que é hoxe o máximo responsable do consistorio, de que o afectado estaría “con mono e casco” e que tan pronto tomara posesión faría “limpeza” no concello.

Na sentencia recóllense expresións do que é hoxe o máximo responsable do consistorio, de que o afectado estaría “con mono e casco” e que tan pronto tomara posesión faría “limpeza” no concello

O demandante presta servizos para a administración local dende o 1 de outubro de 1991 con categoría de oficial 2º.  A pesar de que o seu traballo estaba perfectamente delimitado, dende que o novo equipo de goberno tomou posesión, as súas funcións foron reducidas e o seu desempeño profesional degradado. O operario facía “labores de poda e limpeza de xardíns, sumidoiros e similares”. Deixou de traballar na custodia e control de todo o material municipal para o mantemento das instalacións públicas, plantación de xardíns, apertura das portas do edificio e a propia sentencia recolle nos feitos probados como se cambiou a pechadura da entrada para que no puidera abrirse por parte do encargado habitual.

O xuíz conclúe que todas estas modificacións no desempeño profesional do traballador son consecuencia directa dunha discriminación por razóns de ideoloxía e para dar cumprimento á promesa feita na campaña de que “estaría traballando con mono e casco”.


Reacción socialista

Tras coñecer a resolución xudicial o ex alcalde socialista, José Luis Pérez, mostrou a súa satisfacción polo recoñecemento da xustiza e asegurou que o vindeiro día 27 pedirán a dimisión do rexedor. Pérez entende que este pronunciamento “mancha o nome do presidente da Xunta porque sempre di que o seu pai é de alí e o que debe facer como mínimo é unha chamada á orde”. 

 

O ex alcalde socialista, José Luis Pérez entende que este pronunciamento “mancha o nome do presidente da Xunta porque sempre di que o seu pai é de alí e o que debe facer como mínimo é unha chamada á orde”

Tampouco se librou das críticas o alcalde de Verín, Juan Miguel Jiménez Morán, xa que “este señor é dos que apoiou a Jiménez na súa loita con Baltar e isto demostra que se pode dicir non son de Baltar pero son de Jiménez, que é o mesmo, porque tanto monta, Baltar como Jiménez”. Para o ex alcalde “estamos ante unha mostra de como en Ourense os populares se cobran a disidencia política”.

Tampouco se librou das críticas o alcalde de Verín, Juan Miguel Jiménez Morán, xa que “este señor é dos que apoiou a Jiménez na súa loita con Baltar

O secretario xeral do PSdeG-PSOE en Ourense, Rául Fernández, entende que “estes comportamentos son deleznables e de moita baixeza”. Fernández cree que “son sintomáticos do nivel de democracia que temos na provincia de Ourense”.

O pasado xudicial do alcalde condenado polo Xulgado do Social rexistra máis condenas desta mesma orde xurisdicional e segundo relatou o ex alcalde de Vilardebós, “ata o momento leva 6 condenas favorables aos traballadores e só unha onde saíu beneficiado a institución que preside”. Ademais o ex rexedor anunciou que “o PSdeG-PSOE presentará unha querela ante a orde xurisdicional penal contra o actual alcalde por acosar ao traballador rehabilitado polo Xulgado do Social”

José Luis Pérez, ex alcalde de Vilardevós, e o secretario xeral do PSdeG en Ourense, Raúl Fernández © PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.