O apoio á folga feminista chega á presentación da campaña da Xunta polo 8M

Presentación do cartel gañador, con Alfonso Rueda e Román Rodríguez © Xunta

A folga convocada polos movementos feministas para o vindeiro 8 de marzo, Día da Muller, foi respondida polo PP dende a confrontación. Tras uns primeiros días nos que diferentes cargos conservadores optaron por ignorar a convocatoria ou limitarse a "respectala", a pasada semana a dirección do partido difundiu entre os seus cargos un argumentario que descualificaba a folga por considerala "elitista" e poñer en risco o "modelo de sociedade occidental". No caso galego o PPdeG tamén censurou a folga por "ideolóxica" e chegou á conclusión de que é "o máis machista que se pode facer".

Con este pano de fondo e apenas vinte e catro horas despois de que o BNG presentase a súa campaña para o 8M baixo o lema Até a cona, un retruque ao cartel elixido pola Xunta para o pasado Día contra a Violencia Machista, o Goberno galego amosou cal será a súa campaña. A imaxe está deseñada desta volta por alumnado dun instituto público, o IES Val do Asma de Chantada, cuxo traballo titulado Iguais e libres foi seleccionado entre todos os presentados dende 44 centros de todo o país. O estudantado de 4º da ESO que elaborou o cartel foi recibido na sede da Xunta en San Caetano e alí, ante o vicepresidente Rueda e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, unha das autoras chamou a participar na folga.

Lara, unha das mozas que deseñou o cartel gañador, explicou que, ao seu xuízo, a folga feminista debe ser secundada tamén no ensino ."Cremos que está ben que as rapazas faltemos para que se note a nosa ausencia" e así "digan; ás veces cando están pasa isto e cando non están, o outro". "Queremos -sintetizou- que haxa unha diferenza entre estar presentes ou non".

"Cremos que está ben que as rapazas faltemos para que se note a nosa ausencia", resaltou unha das estudantes autoras do cartel

Os comunicados oficiais a respecto da campaña da Xunta obviaron este chamamento e limitáronse a subliñar que este certame amosa que a Xunta "segue implicando á mocidade galega na procura de igualdade real entre homes e mulleres" e nas accións contra a violencia de xénero. A contorna do PPdeG, non obstante, si aproveitou a presentación da campaña oficial para censurar a do Bloque. "Este está mellor que o cartel de Ana Pontón", resumiu o seu secretario xeral, Miguel Tellado.

Neste contexto e despois de que o propio Rueda criticase tamén a campaña do Bloque por utilizar, ao seu xuízo, o 8 de marzo para "confrontar" co Goberno, a responsable de acción feminista da formación soberanista, a deputada Noa Presas, considerou este xoves que o cartel xa serviu para "desenmascarar o neomachismo e o paternalismo do PP". "Iso -mantén- é o que lle molesta ao señor Rueda".

Cartel da Xunta para o 8M, deseñado por alumnado do IES Val do Asma de Chantada Dominio Público Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.