O atropelo dunha rapaza por un tren en Ourense remata con Adif exculpada malia a súa obriga de valar as vías

Vía do tren sen valado paralela á rúa Noriega Varela no centro de Ourense Dominio Público Google Street View

A Audiencia Nacional e o Tribunal Supremo veñen de eximir de responsabilidade a Adif, o organismo público que xestiona as infraestruturas ferroviarias en España, no caso dun atropelo sucedido en 2010 nun treito urbano de Ourense sen valar que provocou unha minusvalía do 79% a unha moza de 17 anos que subiu á vía cuns amigos para facerse fotos. Todos os tribunais que avaliaron o caso admitiron que Adif vulnerou a súa obriga legal de protexer cun valo o treito da vía que atravesa a cidade, pero rexeitan que o organismo público teña que indemnizar á vítima. As sentenzas dan por feito que a única causa do sinistro foi a irresponsabilidade da moza.

Diferentes sentenzas dan por probado que a empresa pública vulnera a lei que obriga a pechar as liñas en treitos urbanos pero exímena de responsabilidade polos sinistros que neles se producen

Adif non é responsable dos atropelos de trens, por moito que incumprise sistematicamente a súa obriga legal de valar as vías nos traxectos urbanos. Así o veñen mantendo diferentes tribunais -desde o Supremo ata a Audiencia Nacional, pasando polos xulgados do contencioso administrativo- nos casos de sinistros en que as vítimas ou as súas familias decidiron preitear contra a Administración para reclamar indemnizacións por non establecer medidas de protección nos trazados que pasan polas cidades.

O atropelo de Ourense sucedeu o 16 de xaneiro de 2010. Segundo figura no atestado, María, que daquela tiña 17 anos, accedeu ás vías do tren na zona en que estas discorren paralelas á rúa Noriega Varela, no centro da cidade e xunto ao instituto, sobre as 16:35 horas en compaña de sete amigos coa intención de facer unhas fotografías das pontes que cruzan o río. A moza e os amigos cruzaron por unha zona sen valar, subiron un pequeno noiro e camiñaron varios metros polo lateral da vía. María foi atropelada polo convoi 13.963 que fixo soar as sirenas para tentar avisar aos mozos. Como consecuencia do accidente, a adolescente sofre unha minusvalía do 79%. Un tribunal médico cifrou en 849.360,55 euros as súas secuelas.

Os diferentes fallos dos tribunais responsabilizan os peóns atropelados e os pais no caso de menores que accederon sos ás vías

O fallo da Sala do Contencioso Administrativo da Audiencia Nacional replica os argumentos do xulgado central do Contencioso Administrativo número 11 que desestimara a petición da familia e escribe: "Non se discute que os mozos accederon ás vías por un lugar no que non había valo e que levaba tempo así, descoñecéndose quen violentaría os valos que faltaban nun pequeno treito, zona pola que pasaba o tren está acreditada, pero o certo é que pese ao incumprimento que pesaba sobre Adif no Real Decreto polo que se aprobou o Regulamento de Ordenación dos Transportes Terrestres, esta deficiencia non foi a causa eficiente na produción do accidente, debendo terse en conta que é de común coñecemento a prohibición de transitar polos espazos reservados ás vías do ferrocarril".

A sentenza da Audiencia Nacional sostén que non se dá "a inescusable relación de causalidade" entre o o incumprimento da obriga legal de valar a vía e o atropelo. "No desgraciado sinistro foi elemento principal, eficiente e decisivo o propio comportamento da persoa lesionada [...] sen que posibles defectos no valado existentes no lugar enerven tal dedución, tendo en conta que, insistimos, o factor determinante dos acontecementos ha de fixarse na propia conduta da vítima, que libre e voluntariamente acepta e asume un risco evidente para a súa integridade física".

Atropelo similar en Burgos por un tren Monforte-Corbera

Noutro caso en Burgos no que morreron dous nenos de 14 e 15 anos a Xustiza tamén admitiu que as vías non estaban pechadas pero exonerou igualmente a Adif

O Tribunal Supremo ratificou hai unhas semanas a sentenza da Audiencia Nacional que fora recorrida en casación pola familia da moza atropelada e determinou que non existe responsabilidade algunha do Estado nas lesións sufridas tras o sinistro. A xurisprudencia que esgrimiron os tribunais no caso de Ourense cita outro atropelo similar que tivo lugar en Burgos o 12 de setembro de 2007. Aquela tarde desde un parque axardinado que había nas antigas instalacións do Diario de Burgos saltaron ás vías dous nenos 14 e 15 anos, a través do que debía ser un muro de ladrillo que separaba as vías e que se atopaba derrubado. Os dous morreron atropelados por un tren de mercadorías que cubría o traxecto entre Monforte e Corbera Alta. As súas familias preitearon para reclamar unha indemnización ao Estado e esgrimiron mesmo un escrito que unha comunidade de propietarios presentara ao Concello de Burgos seis anos antes do accidente para reclamar que se reparase o valo que facía de separación coas vías. A reclamación na vía do contencioso administrativo dirixiuse tamén contra Adif e a aseguradora do tren.

A Audiencia Nacional tamén daquela deu a razón ao xestor de infraestruturas ferroviarias. Á hora de expoñer as súas conclusións os maxistrados escribiron: "Existe unha zona axardinada cuxo acceso se realiza desde a rúa San Pedro de Cárdena por unha pasaxe na que hai instalada unha porta corredeira metálica e na que parte do muro lindeiro ao trazado ferroviario atópase derrubado. Esta zona non pode considerarse como zona habitual de paso, xa que aínda que é posible acceder á zona de vías pola parte de muro da zona axardinada que se atopa, cando se chega ao muro existente na rúa Rivatamora cuxa altura é duns 3 metros, hai que escalala e a continuación descender para poder acceder á citada rúa". Tamén neste caso a xustiza determinou que a ausencia de valos non foi a causa fundamental da morte dos dous adolescentes e rexeitou as reclamacións económicas da familia ao Adif.

En todos os casos os xuíces chegaron á mesma conclusión: constátase que Adif non asumiu o seu deber legal de pechar os tramos urbanos pero non se pode establecer unha relación causal entre ese incumprimento e os accidentes, que atribúe a imprudencias dos peóns

"Aínda que quedou acreditado que no punto do atropelo o valado de protección da vía era deficiente ...esta inobservancia tivo unha influencia secundaria e irrelevante na produción do accidente, carecendo de entidade bastante para fundamentar nela un título de imputación, sequera concorrente ....debe terse en conta que é de común coñecemento que non pode transitarse polos espazos reservados ás vías do ferrocarril e ademais diso ha de sinalarse que no presente caso esa prohibición facíase patente a través da existencia dun certo valado que, aínda que incompleto, poñía de manifesto que o feito de acceder a tales vías non estaba permitido", razoan os seis maxistrados que ditaron sentenza.

Con ese argumento, a Audiencia Nacional determinou que, "aínda que existía falta de cerramento total das vías ao seu paso polo lugar dos feitos, constaba un valado na zona antedita que aínda que non era totalmente infranqueable, reforzaba coa súa presenza a prohibición de transitar polos espazos reservados ás vías. E con todo os menores, desatendendo esta prohibición, introducíronse no devandito espazo".

O razoamento, que a falta de medidas de protección de Adif que segundo a normativa debe cumprir en treitos urbanos das vías férreas non implica que este organismo público deba indemnizar ás vítimas de atropelos porque a causa fundamental do accidente é a imprudencia dos atropelados, véno repetindo a Sala do Contencioso da Audiencia Nacional nos últimos anos. Este diario accedeu a sete sentenzas que calcan esta argumentación, que ademais foi avalada polo Supremo.

En todos os casos os xuíces chegaron á mesma conclusión: constátase que Adif non asumiu o seu deber legal de pechar os tramos urbanos dos percorridos dos trens pero non se pode establecer unha relación causal entre ese incumprimento e os accidentes, que atribúe a imprudencias ou descoidos dos peóns. E ese é o argumentario que manexou habitualmente a Avogacía do Estado, que defende os intereses de Renfe e Adif como organismos públicos que son, en todos os preitos aos que tivo que acudir.

No caso de Ourense, o Supremo rexeitou a petición dos avogados da vítima de que establecese un criterio xeral á hora de analizar a influencia dos fallos de protección de Adif nos sinistros

A sentenza que ditou o Xulgado Central do Contencioso-Administrativo número 4 no caso do atropelo de Burgos mantén ese mesmo criterio no caso de que as vítimas sexan nenos e subliña que nese caso non é a Administración senón os pais os que teñen a obriga de protexelos: "Non cabe dúbida de que os menores tiñan xuízo e discernimento -nada permite considerar o contrario- para advertir por si mesmos o risco que representaba utilizar un acceso ás vías por lugar non permitido. En todo caso, a minoría de idade dos falecidos non ten por efecto, en principio e para casos como o presente, acrecentar correlativamente os niveis de atención e de responsabilidade das Administracións Públicas senón que é marco que o ordenamento xurídico reserva para os deberes inherentes á patria potestade".

No caso do sinistro de Ourense, os avogados da vítima solicitaron no seu recurso de casación ao Supremo que establecese un criterio xeral á hora de analizar a influencia dos fallos de protección de Adif nos sinistros. O alto tribunal na súa providencia determinou que non é materia de casación e ratificou o fallo da Audiencia Nacional que exonera o xestor de infraestruturas de indemnizar á vítima.

Punto no que remata o valado da vía paralela á rúa Noriega Varela de Ourense Dominio Público Google Street View

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.