O Bloque amosa a súa forza na rúa e volve chamar á "unidade" do nacionalismo

Manifestación do Bloque na praza da Quintana CC-BY-NC GZFoto

O Bloque volveu amosar neste Día da Patria a súa forza na rúa enchendo as rúas de Compostela e a praza da Quintana nun novo 25 de xullo reivindicando "a soberanía" de Galicia e situando o nacionalismo como "esperanza de futuro". Co lema En pé por Galiza. Soberanía, democracia, dereitos, milleiros de persoas acompañaron unha manifestación festiva do Bloque no que as proclamas pola independencia e maior autogoberno para o país mesturáronse co apoio ao pobo palestino ou aos procesos soberanistas de Cataluña ou Escocia.

Vence chama a "sumar forzas" para crear "un gran proxecto" nacionalista de esquerdas

Representantes de ducias de colectivos sociais, como os preferentistas, emigrantes retornados ou plataformas feministas, acompañaron a multitudinaria marcha da Alameda. Antes de partir, o voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, volveu chamar a "sumar forzas" para conformar "un gran proxecto" nacionalista e de esquerdas, en clara referencia a Anova ou Compromiso por Galicia. O portavoz do BNG instou a conseguir que todas as forzas soberanistas estean "unidas" arredor das "reivindicacións de país e nación".

Tamén o portavoz parlamentario do Bloque, Francisco Jorquera, amosou a "plena disposición" da súa formación a "tender pontes" para lograr a recomposición do nacionalismo. En declaracións á Cadena Ser durante a marcha, o voceiro deixou clara a intención da forza nacionalista de "dar pasos adiantes de cara á unión" do soberanismo galego, pero advertindo sempre da necesidade de que esta hipotética unión sexa conformada por organizacións coa súa base de decisión no país. Vence insistiu tamén na necesidade de que "cada un desde a singularidade" contribúa "con xenerosidade" a construír "un gran polo nacionalista".

Entre proclamas pola "independencia" ou berros de "Galiza ceibe, poder popular", "Galiza mañá, república será" e "Palestina vencerá", milleiros de persoas encheron a praza da Quintana á espera de escoitar os discursos políticos. Foi unha manifestación multitudinaria na que o Bloque puxo todo logo do descenso de apoio electoral nas últimas convocatorias.

Xa nos discursos, e acompañados por representantes do Frente Popular para a Liberación de Palestina, o SNP escocés, CUP ou Bildu, os nacionalistas cargaron contra as políticas económicas do PP. Alberte Mera, líder de Galiza Nova, denunciou a emigración dos mozos galegos. "Faltan máis de 100.000 mozos por culpa do Partido Popular", dixo.

"Galiza está ao límite, pero non está rendida; non nos resignamos, os nacionalistas estamos en pé", di Vence

Ademais, Vence, que empezou denunciando o "xenocidio" e o "apartheid" que sofre o pobo palestino pola agresión "sionista" de Israel, cargou contra a "recentralización" que deixa "contra as cordas" a Galicia, tras censurar os recortes do PP na Xunta e no Estado. "Galiza está ao límite, pero non está rendida; non nos resignamos, os nacionalistas estamos en pé", asegurou, logo de insistir na necesidade de "ampla unidade arredor dun proxecto nacionalista". Por iso, dixo, o Bloque "tende a man" a "todos os que queiran sachar na agra aberta do nacionalismo".

Pero tamén deixou claro que "é necesario galeguizar o debate" e "rachar toda clase de supeditación a forzas estatais". Ante iso, avanzou que o BNG aposta por "abrir as portas" mediante un proceso de asembleas abertas de cara ás eleccións municipais, pero baixo a máxima de "ruptura co españolismo". Tamén aclarou que o Bloque non é partidario dun modelo de "espontanidade cidadá desorganizada", xa que cre que iso non chega para derrotar un PP "cun exército" disciplinado". "Este país faise desde a autoestima, pero tamén nas urnas", dixo, tras teimar na "unidade de acción" do soberanismo.

O Bloque "tende a man" para lograr unir o nacionalismo pero baixo a máxima de "ruptura co españolismo"

Tamén quixo censurar Vence a situación que vive Galicia co alto nivel de desemprego, a emigración, os recortes no ensino e na sanidade, o desmantelamento de sectores claves, o "acurralamento" do idioma galego o o feito de que haxa 18.000 nenos galegos "sufrindo infralimentación". Todo por culpa, segundo o Bloque, polas políticas levadas a cabo polo PP.

Vence tamén tivo un recordo para as vítimas do accidente de Angrois e reclamo unha comisión de investigación como "o mellor homenaxe", ademais de que "se establezan dunha vez" as medidas de seguridade axeitadas. Por último, cargou contra a visita dos reis de España a Compostela. "Non somos súbditos, xa vai sendo hora de que entremos no século XXI", finalizou.

Pola súa banda, Anova levou a cabo tamén o seu acto político na praza 8 de marzo de Compostela. O seu voceiro, Xosé Manuel Beiras, lamentou que todas as forzas políticas nacionalistas non se puidesen poñer de acordo para celebrar unha manifestación conxunta. Na convocatoria da formación nacionalista tamén tiveron presenza numerosos representantes de colectivos sociais, como Stop Desafiuzamentos.

Compromiso por Galicia levou a cabo o seu acto no Panteón dos Galegos Ilustres, mentres que as organizacións independentistas Causa Galiza e Nós-UP saíron tamén ás rúas reivindicando a soberanía plena de Galicia.

HABERÁ AMPLIACIÓN E MÁIS INFORMACIÓN ESTA TARDE

Manifestación do Bloque na praza da Quintana CC-BY-SA I. M.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.