O BNG lanza a elaboración dos programas municipais cos concellos que goberna como "marca de calidade"

Ana Pontón, intervindo ante o Consello Nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Dous anos despois da Asemblea Nacional que elixiu a Ana Pontón como nova portavoz nacional e tras as eleccións galegas nas que, fronte ao augurado polas enquisas, deu mantido grupo de seu con seis escanos, o BNG afronta as eleccións municipais de 2019 como unha cita clave para testar a súa actual dirección. Dende esta óptica o Consello Nacional da formación soberanista deu este sábado luz verde ás teses políticas que servirán de base para a elaboración dos programas locais nun proceso electoral cara ao que mostrará os concellos nos que xa goberna como "marca de calidade".

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, sinalou este sábado na intervención inicial do Consello que eses gobernos nos que xa participa ou lidera deben ser unha das principais "fortalezas" cara á cita coas urnas. "Destacan polas súas políticas transformadoras, capaces de xerar benestar social" e "marcan a diferenza porque deixan clara a importancia de ter un proxecto propio para Galiza". As súas liñas políticas, defende, non son "un corta e pega deseñado e pensado dende Madrid".

"Imos por todas e estamos en forma", coida Pontón, quen advertiu así e todo aos membros do Consello Nacional de que "non está todo feito". "Hai que por as pilas na elaboración de propostas programáticas" e na selección de candidaturas, ilustra, para seren quen de transmitir que se o BNG goberna hai "concellos con alternativas porpias, centrados na realidade do país, que non desbaldan recursos públicos en obras megalómanas" e "onde a igualdade de xénero é transversal. Nese sentido, advirte, o que resta de 2018 "é clave para enfrontar con éxito" as municipais.

Pontón: "Somos unha forza á alza e iso vaise notar nas municipais, pero require que deamos o mellor e actuar con apertura ante as persoas que compartan a necesidade de defender Galiza"

Pontón abordou o inicio da elaboración deses programas nun contexto no que, resalta, cómpre ollar ás rúas como "o mellor termómetro do malestar social coa política cruel e centralista que encarna o PP". "Nas rúas de Galiza estamos as persoas que queremos sanidade pública, xustiza sen discriminacións, pensións dignas e igualdade real".

O Bloque, asegura, está "disposto a liderar" o "cambio político" que debe comezar nas municipais. "Somos unha forza á alza e iso vaise notar nas municipais, pero require que deamos o mellor, activar a toda a nosa base social e actuar con apertura ante as persoas que compartan a necesidade de defender Galiza e construír alternativas dende os concellos", conclúe a líder nacionalista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.