O BNG propón un sistema de financiamento de cupo como o de Euskadi ou Navarra

Jorquera, Pontón e Callón, no acto da Coruña CC-BY-SA BNG

"Galiza perdeu 8.464 millóns de euros desde a entrada en vigor do actual sistema de financiamento autonómico en 2009, -o equivalente ao orzamento da Xunta-, e o Goberno central recada 3.000 millóns de euros anuais máis dos que despois inviste no país". Con esta sentenza e estes datos, o BNG quixo resumir as causas que o levan a presentar a súa proposta de financiamento para o país, que pasa por un modelo de cupo ou concerto económico, similar ao de Navarra e Euskadi.

O BNG denuncia que o Goberno central recada 3.000 millóns de euros anuais máis dos que despois inviste en Galicia

O Bloque, de cara ás eleccións xerais do 26 de xuño, presenta tres grandes propostas: unha facenda propia que recade e xestione o 100% dos impostos que pagan os galegos e as galegas, capacidade normativa fiscal plena e unha banca pública para canalizar o aforro do país cara as familias e as empresas.

O portavoz parlamentario do BNG, Franciso Jorquera, resumiu a proposta na intención de "invertir os termos da relación que agora temos co Estado: recadar e xestionar todos os nosos ingresos e impostos e despois facer contas co Goberno central”. Segundo a formación nacionalista, este sistema de cupo "permitiría a Galiza, como xa se fai no País Vasco, que todas e cada unha das empresas que operan aquí tributen na facenda galega o imposto de sociedades, o que suporía uns ingresos adicionais de 1.000 millóns ao ano". Sería unha cifra "que compensaría os recortes feitos por Feijóo en educación e sanidade desde que está na Xunta”.

O Bloqueu aposta por "invertir os termos da relación co Estado: recadar e xestionar os nosos ingresos e impostos e despois facer contas co Goberno central”

O acto de presentación da proposta tivo lugar na Coruña, ante a escultura en memoria de Alexandre Bóveda. Ana Pontón, portavoz nacional, salientou a necesidade de acabar “co falso mito, ca grande mentira, de que somos un país subsidiado, cando é a o contrario, somos solidarios co resto do Estado aportando máis do que recibimos. O Estado español recada máis do que inviste, e o que nos devolve son recortes, paro, precariedade e emigración. Hai que mudar este sistema”.

Carlos Callón, que lidera a candidatura de BNG-NÓS pola Coruña, fixo fincapé na necesidade de que "Galiza teña representación propia no Congreso a través dunha candidatura de país", como van ter Euskadi e Cataluña, ou ninguén “dará a cara por nós”, como quedou demostrado estes meses de lexislatura fracasada, alegou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.