O cargo de Adif acusado de homicidios por Angrois desvía de novo a responsabilidade a outros departamentos

Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade de Adif, na súa comparecencia no Congreso co seu avogado Dominio Público Congreso dos Deputados

Andrés Cortabitarte, a quen o instrutor propón xulgar como responsable do sinistro en similar grao que o maquinista do tren, apunta agora a outra área da súa empresa tras facelo previamente tamén a Renfe e Fomento

O avogado de Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, vén de recorrer o auto emitido a pasada semana polo xuíz instrutor do accidente de Angrois no que propón rematar a investigación levando a xuízo ao seu defendido como responsable en igual grao que o maquinista do Alvia de 80 delitos de homicidio por imprudencia. O xuíz considérao responsable de non avaliar e paliar os riscos que existían na curva de Angrois, na que non había ningún sistema de seguridade que evitase o fallo humano do maquinista, Francisco José Garzón, que non freou a tempo. No seu recurso, o avogado de Cortabitarte atribúe ao auto do xuíz que o acusa numerosos “erros”, “graves contradicións e incomprensibles omisións”, e ao igual que xa fixera en anteriores ocasións, desvía a responsabilidade a outros departamentos.

Cortabitarte, ex-director de Seguridade de Adif, abandona os xulgados de Santiago en presenza de vítimas do accidente tras declarar o 27 de xullo de 2017 CC-BY-SA Praza Pública

O recurso de Cortabitarte atribúe ao auto do xuíz que o acusa numerosos “erros”, “graves contradicións e incomprensibles omisións”

O recurso insiste, como xa fixera o propio Cortabitarte nas súa declaracións tanto ante o xuíz como no Congreso dos Deputados, en que a responsabilidade de frear antes da curva de Angrois era exclusivamente do maquinista e que “non hai ningunha normativa que obrigue a unha avaliación integral” do risco da liña, en referencia á análise do risco existente en Angrois que o xuíz considera que si era obrigada e responsabilidade de Cortabitarte. Malia negar a necesidade desa análise de riscos, o avogado argumenta que, en caso de ser necesaria, a competencia non sería atribuíble a Cortabitarte “senón á Dirección Xeral de Operacións e Enxeñaría” de Adif. “O xulgado atribúelle responsabilidade nos feitos en virtude dunhas competencias que corresponden a outro”, di o avogado de Cortabitarte, que xa nun recurso previo contra a súa imputación apuntara igualmente a outros departamentos de Renfe e o propio Ministerio de Fomento.

O departamento ao que apunta agora, a Dirección Xeral de Operacións e Enxeñaría, estaba ocupado no seu momento por Alfonso Ochoa de Olza, que á súa vez, nas súas declaracións tanto ante o xuíz como no Congreso, rexeitou calquera responsabilidade e chegou a atribuír á “decisión soberana” de Cortabitarte a autorización que este deu a Renfe para desconectar a bordo dos Alvia o sistema de control da velocidade. Sobre esa desconexión da seguridade nos Alvia, o recurso agora presentado di que foi unha decisión do director de Seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, á que Cortabitarte limitouse a non opoñerse. O recurso tamén di que correspondería igualmente a Renfe, e non ao seu defendido, avaliar os riscos dun despiste como o que sufriu o maquinista. “O material rodante e o risco de fallo humano do persoal de Renfe deben ser mitigados por Renfe”, di.

Xunto co de Cortabitarte, tamén presentaron xa recurso contra o auto do xuíz o avogado do maquinista, que considera que o seu defendido é “outra vítima máis” de Adif e Renfe, e o letrado da plataforma de vítimas, que pide que sexa tamén acusado o director de Seguridade de Renfe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.