O Colectivo Renda Básica logra o apoio unánime do pleno da Coruña

Mobilización a prol da renda básica en Vigo, nunha imaxe de arquivo Dominio Público ODS Coia

Os colectivos a prol da instauración dunha renda básica universal levan anos a defender esta reivindicación en múltiples foros, tanto en mobilizacións sociais como nas institucións. É o caso do Colectivo Renda Básica da Coruña, que vén de lograr o apoio unánime da corporación municipal da cidade a través dunha moción formulada conxuntamente pola Marea Atlántica e o BNG que sumou tamén os votos de PP e PSdeG.

O Colectivo Renda Básica da Coruña amosa a súa satisfacción por este xesto político que, lembran, "fundaméntase" no apoio expresado o pasado xaneiro á renda básica por parte do Consello de Europa, institución que "reclama a posta en marcha dunha renda básica incondicional, universal, individual e suficiente en Europa". Así, detallan, a moción aprobada diríxese ao Goberno central para que "apoie esta mesma resolución" e "desenvolva todas as medidas necesarias para implantar" esta prestación.

Conscientes de que esta aprobación ten, en boa medida, carácter simbólico, o colectivo subliña que a súa intención é a de "abrir o debate público sobre esta idea". "Entendemos que, malia ao estudo e aprobación desta moción, esta non é unha competencia municipal", pero os concellos si "poden fomentar e promover este debate tan necesario" do que "cada vez máis organismos internacionais están a falar". Neste sentido, subliñan, recentemente foi abordado polo secretario xeral da ONU, António Guterres.

"Queremos estender o coñecemento da renda básica entre a poboación" como unha vía para "garantir a existencia material digna e, daquela, asegurar a desaparición de vez da pobreza", explica o colectivo

Unha vez aprobada a moción, indica o colectivo, o seu labor segue adiante. "Queremos estender o coñecemento da Renda Básica entre a poboación e traballar para que esta sexa unha realidade no fun futuro non moi afastado". Trátase, explican, de que "toda a cidadanía" teña "medios suficientes para garantir a existencia material digna e, daquela, asegurar a desaparición de vez da pobreza". Para a entidade, "a aprobación desta moción é un fito histórico" no Concello coruñés e agarda que o goberno local, "seguindo o mandato da moción", siga a "fomentar o debate e amplíe o coñeccemento da cidadanía sobre esta idea".

Os colectivos a prol da renda básica universal veñen formulando nos últimos anos, no caso galego, as súas propostas fronte á vixente Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), aínda pendente de regular por decreto -acumula catro anos de atraso- pero só destinada a persoas con problemas de "subsistencia", de grave pobreza. As persoas en sistuación de grave carencia e non cubertas pola Risga son as destinatarias principais das rendas sociais creadas nos últimos anos por concellos como A Coruña ou Santiago.

Imaxe do Colectivo Renda Básica da Coruña Dominio Público Colectivo Renda Básica A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.