O Concello da Coruña cancela o encontro coa veciñanza deste sábado por orde da xunta electoral

'Dillo ti' en Palavea © Concello da Coruña

O Concello da Coruña viuse obrigado a suspender o encontro participativo coa veciñanza que este sábado estaba previsto realizarse no Centro Ágora ás 12 do mediodía logo da decisión da Xunta Electoral de Zona de cancelalo tras ser denunciado polo PP. O evento, denominado Dillo Ti e que leva meses celebrándose nos diferentes barrios da cidade, foi denunciado polos populares ao entender que vai en contra do establecido na Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (Loreg).

A xunta electoral decidiu suspender o encontro horas antes de celebrarse logo dunha denuncia do PP

​A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, xa anunciou que o goberno local recorrerá a decisión da Xunta Electoral e lamenta "que o PP denunciase de forma premeditada sen deixar apenas tempo de reacción, cando o acto estaba xa marcado e anunciado dende había semanas nesa ubicación". "Non se venden anuncios electorais nin logros deste executivo, respóndese á cidadanía, falamos das súas inquedanzas e das súas necesidades, o que nos serve para tomar o pulso dos barrios, para coñecer situacións das que ao mellor non temos constancia, ou poder indicar que determinadas situacións xa están a ser abordadas dende o Concello”, engadiu. 

Segundo aclara o goberno da Marea Atlántica, a Xunta Electoral de Zona da Coruña informou ao Concello da recepción vía correo electrónico tan só unhas horas antes da celebración do encontro ­­dunha denuncia por parte do PP do encontro participativo. O organismo electoral acordou a suspensión da do Dillo Ti tendo en conta "a perentoriedade do prazo e a inmediatez do acto”, aínda que aclara que ao ser “unha cuestión de interpretación e froito dunha decisión dunha corporación pública, non procede a imposición de sanción ningunha”. Xa que logo, non aceptou a petición do PP de abrir un expediente sancionador á administración local

O órgano electoral suspende o acto pero non acepta a petición do PP de abrir expediente sancionador ao Concello

A Xunta Electoral considera que o Dillo Ti entra dentro dos actos prohibidos pola lei electoral tras a convocatria de eleccións, incluíndoo naqueles "organizados ou financiados, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteñas alusións ás relacións ou aos logros obtidos". A Xunta Electoral ordenou a suspensión do acto nunha reunión de urxencia o venres á tarde tras recibir a denuncia do PP sobre as 6 da tarde, 18 horas antes da celebración do acto. 

O PP denunciou as "evidenes connotacións electoralistas" e a xunta electoral analizou a documentación sobre anteriores encontros. A xunta electoral entende que tampouco "parece que sexa imprescindible para a salvagarda do interese público ou para o desenvolvemento dos servizos públicos" que se realice este evento. 

Os populares denunciaron o acto 18 horas antes de que se celebrase

Delso amosou a súa disconformidade coa decisión do ente electoral, e lamenta "os prexuízos" que a denuncia do grupo popular poidan ter causado na cidadanía que tiña pensando acudir ao deste sábado. “Pedimos desculpas por todos os contratempos derivados desta denuncia do PP, que parece que non comprende que se trata dun acto de grande utilidade que brinda á cidadanía a oportunidade de participar directamente nas decisións do goberno local, e de poder falar de ti a ti cos e coas membros do Executivo”, engadiu, tras destacar o “éxito de público e participación” que acadan estes encontros.

O Dillo Ti foi celebrado xa nos centros cívicos de San Diego, Palavea, Os Mallos e Monte Alto e que botaron a andar o pasado 30 de xaneiro. “Pedir a parálise da celebración deste evento, ademais con tan escaso tempo de reacción, é solicitar que se lle cercene á cidadanía a posibilidade de participación”, insistiu Claudia Delso. 

Xa o pasado mes de maio, PP e PSOE sumaran os seus votos na Comisión Informativa de Participación para pedir a supresión destes encontros participativos, que critican por consideralos "actos políticos". A Marea votara en contra e o BNG abstivéraase. A formación nacionalista, malia que nunca viu "nada de malo en que o alcalde e o goberno municipal vaian aos barrios”, si censurara tamén que "non estivese articulado ningún mecanismo de retorno"  nin que "servise para consultar a veciñanza sobre as actuacións nos barrios en cuestión senón para anunciar actuacións". Tamén denunciara o que consideraban un excesivo gasto na organización dos encontros. 

Dillo Ti é unha das canles e ferramentas -xunto a A Porta Aberta, o Escano Cidadán ou o propio 010- ás que o Goberno local quixo dar protagonismo, para que "as inquedanzas" da cidadanía "estean sempre presentes", procurando "espazos de proximidade co Goberno local”, como destacara a concelleira Claudia Delso na súa presentación.

O primeiro 'Dillo Ti', no Centro Cívico San Diego © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.