O Congreso aproba o decreto lei que dá luz verde á exhumación de Franco

A exhumación de Franco aprobouse con 172 votos a favor © En Marea

O Congreso aprobou este xoves o decreto lei para modificar a Lei de Memoria Histórica e exhumar os restos de Franco do Valle de los Caídos con 172 votos a favor, 164 abstencións e 2 votos negativos e, malia o apoio, duras críticas de En Marea, que amosou a súa "clara instatisfacción" por un só artigo "insuficiente" e que non inclúe ningunha referencia ao Pazo de Meirás, que si podería incluírse no trámite parlamentario. Dous deputados do PP --Jesús Posada e José Ignacio Llorens-- desligáronse do resto do grupo e votaron en contra. Fontes do grupo parlamentario din que se tratou dun "erro".

O Congreso aprobou o decreto lei para modificar a Lei de Memoria Histórica e exhumar os restos de Franco con 172 votos a favor, 164 abstencións e 2 votos negativos

A vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, defendeu no debate ante o Congreso a convalidación do decreto lei porque "non haberá concordia sen resolución democrática do que foi inxusto durante 40 anos". "Levamos moito atraso para normalizar unha situación que ningunha democracia madura e longa no tempo como a nosa requiriría para non ter unha anomalía extraordinaria que consiste en ter o ditador nun mausoleo de Estado e nun lugar no que pode ser exaltado", dixo a vicepresidenta do Goberno na súa primeira intervención do debate.

"Non haberá concordia sen resolución democrática do que foi inxusto durante 40 anos", dixo Carmen Calvo

Calvo argumentou que a exhumación debe realizarse por "razóns éticas desde os valores democráticos" e o atraso desde a aprobación da Lei de Memoria Histórica "é insustentable": "Querémolo facer coas garantías propias dun Estado de Dereito, que dan as garantías aos afectados, o respecto aos restos mortais que se han de trasladar pero sobre todo o respecto ás vítimas e particularmente aos milleiros de vítimas que temos aínda sen identificar en fosas comúns cun agravio rotundo ás súas familias". Por iso, pediu sacar a España "desta vergoña". "Non hai respecto, non hai honra, non pode haber concordia mentres que os restos de Franco estean no mesmo lugar que os das vítimas", rematou.

O real decreto-lei, ademais dunha nova disposición adicional, engade un único apartado no artigo 16 que di que "no Valle de los Caídos só poderán xacer os restos mortais de persoas fallecidas a consecuencia da Guerra Civil española, como lugar de conmemoración, recordo e homenaxe ás vítimas da contenda". 

En Marea amosou a súa "clara insatisfacción" por un decreto lei "insuficiente" e "dolorosamente inexacto"

Antón Gómez-Reino, portavoz de En Marea, amosou a "clara insatisfacción" da formación cun real decreto "dun só artigo" que lles parece "insuficiente" e "dolorasamente inexacto". "Non houbo contenda senón un golpe de estado antesala dunha brutal represión e de 40 anos de ditadura", dixo na súa intervención na que pediu ao Goberno central "non caer na mentira dos dous bandos" porque "ningún Estado democrático pode igualar os asasinos coas vítimas". Para o parlamentario galego, o PSOE "non ten moita credibilidade" en memoria histórica, pero cargou con máis dureza contra Ciudadanos por "aliarse co fascismo que non é pasado e volve percorrer Europa" e contra o PP e o seu líder, Pablo Casado, que "flirtea" tamén con el. "Non nos veñan con falsa concordia negacionista", dixo. 

Gómez-Reino advertiu da "indignación" que "galegos e galegas" senten por obviarse no decreto lei "o patrimonio roubado polo franquismo", como o Pazo de Meirás

Ademais, Gómez-Reino advertiu da "indignación" que "galegos e galegas" senten por obviarse nesta modificación lexislativa "o patrimonio roubado polo franquismo", como por exemplo "o Pazo de Meirás". "Como pode ser que os privilexios da ditadura e da familia do ditador continúen en democracia? Como pode ser que a familia do ditador siga gozando do que é de todos os galegos e galegas?", preguntouse quen aclarou qeu "Franco, ademais dun ditador, golpista e asasino, era un ladrón".  

"O Goberno equivocou o instrumento elixido"

En canto ao resto de formacións, Ana Oramas, portavoz de Coalición Canaria, criticou as "prioridades" en materia de memoria histórica do Executivo socialista: "Aínda queda xente en cunetas e non estamos a priorizar iso. Netos ou fillos que aínda viven poden recuperar a seus pais". Pola súa banda, Isidro Martínez (Foro) dixo á vicepresidenta, Carmen Calvo, que non conte co seu aval "para esta escalada de dislates que espero que pronto a sufoquen unhas eleccións xerais que leven por diante os responsables".

Desde UPN, Salvador Armendariz lamentou que o Executivo utilizase a fórmula do decreto lei para realizar a exhumación: "O Goberno perdeu moitas razóns que tivese ao equivocar o instrumento normativo elixido. Non foi urxente en 23 anos de gobernos socialistas menos vai ser en 43 anos de democracia. Con só ler o decreto desmóntanse os argumentos".

O deputado de ERC, Joan Tardá, comezou a súa intervención remarcando a súa "confianza" na vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo. Iso si, lembrou que a súa antecesora no cargo, María Teresa Fernández de la Vega, asegurou nun acto en 2004 que o Goberno anularía "a sentenza de Lluís Companys e de todos os demócratas caídos baixo a barbarie da ditadura". "No ano 2018 estamos igual, temos o pasado que temos", lamentou.

"Esperamos moito do seu compromiso", apelou a Calvo, a quen lembrou que se comprometeu a que durante o trámite parlamentario procederían "a traballar para conseguir a anulación das sentenzas dos tribunais franquistas". Aquí lembrou que o Parlament de Catalunya xa fixo o propio por unanimidade, "cos votos a favor de PP e Ciudadanos". Así, explicou cales son os "obxectivos" de ERC nun decálogo, no que destacan propostas como o recoñecemento xurídico das vítimas ou a asunción de responsabilidade de Estado para levar a cabo as políticas de exhumación de fosas ou un estudo sobre a violencia política durante a Transición.

"A cortina de fume de Franco non tapa a súa incapacidade"

José Manuel Villegas tomou a palabra por parte de Ciudadanos para xustificar a súa abstención argumentando que se trata dunha solución "insuficiente" cun instrumento "inadecuado" porque desenterrar o cadáver de Franco "non é prioritario nin urxente para a maioría dos españois". "Quen ten unha necesidade urxente é Pedro Sánchez. Ten a necesidade urxente de lanzar unha cortina de fume que tape as vergoñas do seu goberno".

O dirixente de Ciudadanos dirixiuse directamente ao presidente do Goberno: "Señor Sánchez, voulle dar unha mala noticia: a cortina de fume do cadáver de franco non dá para tapar a súa incapacidade, a súa debilidade e a súa incompetencia".

Unidos Podemos avisa ao Goberno de que o voto a favor "non é un cheque en branco"

"Xa era hora", foron as palabras da intervención de Eva García Sempere, parlamentaria de Unidos Podemos, que celebrou a aprobación do decreto, pero apuntou que o voto a favor do seu grupo parlamentario "non é un cheque branco". Ademais, relacionou algúns dos aspectos que "faltan" no texto sometido a votación. "Debería deixar claro que o Valle si se toca, se desacraliza e se resignifica", resolveu. 

Adriana Lastra foi a encargada de responder a todos os grupos parlamentarios. A dirixente socialista reprochou ás formacións contrarias que se amparen no decreto lei "como escusa" e, dirixíndose a Ciudadanos --que se absterivo--, pediulles que non se absteñan da democracia". A Pablo Casado, líder do PP, preguntoulle se considera que a xente da súa xeración é contraria á exhumación: "Vostede pensa que a xente da nosa xeración non está de acordo con esta posición? Vostedes pensan que non se pode falar disto pola concordia? Non nos falen de concordia coa ditadura ou co fascismo. Entre españois, si".

PP: "Non os imos a acompañar nesta aventura"

Jorge Fernández Díaz foi o encargado de tomar a palabra por parte do PP. "A forma non é un trámite que hai que cumprir, é unha garantía de democracia", dixo sobre os reais decretos aprobados nos primeiros meses. Tamén criticou que outros gobernos socialistas non tomasen estas medidas antes. "Rectificar permanentemente é de ignorantes", dixo ao Goberno sobre as variacións na súa postura sobre o Valle de los Caídos.

"Dáme vergoña que en España se fale dunha Comisión da Verdade", asegurou Fernández Díaz (PP)

"Dáme vergoña que en España se fale dunha Comisión da Verdade", apelou Fernández Díaz, argumentando que "a bibliografía sobre a Guerra Civil é unha das maiores que hai en relación con calquera feito histórico na historia da Humanidade". 

"A dificultade que tiveron para dicir que se van abster e que finalmente non van dicirlle aos españois e españolas que un ditador non pode estar enaltecido. Que dificultade máis grande tiveron algúns, mesmo cambiando de posición. E conclúo: como non pode ser doutra maneira, co meu agradecemento a quen nos vai acompañar, e co meu respecto aos que non o van a facer", rematou Carmen Calvo ao analizar as diferentes posicións no debate. 

O ditador Francisco Franco, inaugurando o 'Valle de los Caídos' en 1959 Dominio Público Imaxes do No-Do

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.