O director de Renfe imputado por Angrois di que nin Adif nin os seus subordinados o avisaron do risco

Lanchares abandona os xulgados de Santiago tras declarar como investigado o 7 de novembro CC-BY-SA Praza Pública

Ningún subordinado de Renfe o informou de que un maquinista xefe avisara un ano e medio antes do accidente de que algo así podía ocorrer na curva de Angrois.  Tampouco Adif lle comunicou o risco por un exceso de velocidade que podía existir na liña de AVE Ourense-Santiago. E a súa decisión de desconectar a bordo dos trens Alvia o sistema de control constante da velocidade porque fallaba debeuse a que o sistema convencional de respaldo, ao seu ver, era máis seguro. Eses foron os tres grandes argumentos empregados este martes polo director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares, na súa declaración no xulgado como imputado polo accidente do tren Alvia que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos e 144 feridos na curva de Angrois á entrada de Santiago.

Antonio Lanchares asegura que a advertencia advertencia que un maquinista xefe fixera un ano antes dun posible accidente como o que ocorreu non se xestionou polas vías adecuadas

No auto da súa citación como investigado, antiga figura do imputado, o xuíz instrutor avanzara dúas grandes cuestións polas que quería preguntar a Lanchares. Por unha banda, a instrución tenta aclarar quen foi o responsable de non analizar correctamente, como obriga a normativa europea, o risco que existía na curva de Angrois, despois de que o director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, tamén imputado, dixese que el se limitaba a validar o que lle transmitía a consultora pública Ineco e apuntase que en todo caso a responsabilidade de Adif sería compartida con Renfe. Por outra banda, Lanchares foi quen pediu a Cortabitarte permiso en xuño de 2012 para desconectar a bordo dos trens Alvia o sistema de control constante da velocidade propio do AVE, o ERTMS, porque fallaba. A avaría prolongouse máis dun ano ata que ocorreu o accidente, no que o maquinista non freou a tempo sen que houbese ningún sistema activo que evitase ou paliase o seu erro humano.

Porén, na súa comparecencia deste martes Lanchares, que durante algo máis dunha hora só respondeu a preguntas do xuíz, o fiscal e o seu avogado, pero non do resto de partes, comezou introducindo unha terceira cuestión que quedara aparcada nos últimos meses na instrución. O director de Renfe, segundo relatan varias fontes presentes na sala, referiuse á advertencia que un ano e medio antes do accidente, aos poucos días de inaugurarse a liña, realizou aos seus superiores un maquinista xefe de Ourense, José Ramón Iglesias Mazaira, de que na curva de Angrois podía producirse un accidente por exceso de velocidade e despiste do maquinista como o que acabou ocorrendo. Segundo dixo Lanchares, esa advertencia non se xestionou polas vías regulamentarias e el nunca foi coñecedor dela, co que fixo responsable ao superior inmediato de Mazaira e subordinado seu, José Luis Rodríguez Vilariño, de que esa “anomalía” detectada quedase sen resolver.

Lanchares asegurou que se recibise a advertencia do maquinista xefe de Ourense a trasladaría a Adif como responsable de seguridade nas vías

No seu momento, tanto Mazaira como Vilariño xa declararan na causa asegurando que comunicaran e avaliaran a advertencia polas vías adecuadas. O segundo tamén dixera que a reenviara aos seus superiores, pero ao longo destes máis de catro anos de instrución nunca se intentou aclarar ata onde chegara esa alerta dentro de Renfe. Este martes, Lanchares asegurou que se a recibise a trasladaría a Adif como responsable de seguridade nas vías.

Sobre a análise de riscos que se tiña que realizar na liña Ourense-Santiago, Lanchares atribuíu a responsabilidade da mesma a Adif e dixo que esa outra empresa pública non o avisou de ningunha “exportación de riscos” por exceso de velocidade aos maquinistas.

O director de Renfe dixo que circular co ASFA convencional era máis seguro que facelo co ERTMS superior avariado, pero o ASFA foi incapaz de evitar o accidente

Lanchares tamén foi preguntado pola súa decisión de pedir a Adif permiso para desconectar o sistema de control constante da velocidade ERTMS a bordo dos Alvia porque fallaba, avaría que se mantivo máis de dous anos. O director de Renfe asegurou que era máis seguro circular ao amparo do sistema de respaldo convencional, o ASFA de control puntual da velocidade, que facelo co ERTMS avariado. Porén, o ERTMS avariado tería limitado a velocidade de viaxe tren e o ASFA demostrouse como insuficiente para evitar o exceso de velocidade na curva de Angrois. En 2014, cando compareceu na subcomisión de mellora do sistema ferroviario creada no Congreso, Lanchares atribuíra ás empresas fabricantes a demora na reparación do ERTMS.

Tanto á súa entrada como á súa saída dos xulgados, Lanchares foi increpado por varias vítimas e familiares de falecidos no accidente.

Técnica de Ineco

Xunto con Lanchares, tamén están citados a declarar tres técnicos da empresa pública Ineco, que avaliou a seguridade do AVE Ourense-Santiago. Este martes, tras a comparecencia do directivo de Renfe, fíxoo Laura López, quen dixo que Adif non lle encargou avaliar a curva e Angrois, mentres que este mércores están citados Salvador Arriaga e Jorge Merino. No auto da súa citación como investigados o xuíz instrutor salientou que “a función de tales técnicos non se limitaba a unha mera función auditora exenta de capacidade decisoria ou propositiva senón que eran ditos técnicos os encargados de efectuar a avaliación de riscos” da liña ferroviaria.

Vítimas de Angrois protestan no exterior do xulgado durante a declaración de Lanchares CC-BY-SA Praza Pública
CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.