O Estado encarga un informe á súa asesoría xurídica na busca da fórmula para recuperar Meirás

Javier Losada, reunido con representantes da CRMH da Coruña © Delegación do Goberno en Galicia

Advertiuno o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e confirmouno o delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada. O Executivo de Pedro Sánchez activou o primeiro dos pasos para a recuperación para o público do Pazo de Meirás, logo da petición unánime do Parlamento de Galicia do pasado verán, e encargou un informe á asesoría xurídica do Estado co que busca a mellor fórmula legal para afrontar a reversión das Torres ao patrimonio estatal

O delegado do Goberno en Galicia confirma que o Estado xa encargou un informe á asesoría xurídica para avaliar todos os aspectos xurídicos de cara á devolución

É un informe que será "complementario" aos traballos xa realizados e que abordará "todos os aspectos xurídicos máis aló das accións desenvolvidas desde a Deputación da Coruña e do acordo do Parlamento de Galicia", segundo explica a Delegación do Goberno.  O estudo do organismo provincial avala a nulidade da transmisión do Pazo de Meirás aos Franco, mentres que o de expertos encargado pola Cámara céntrase en que as Torres foron espazo institucional durante máis de 30 anos e que por "forza de uso" vira en patrimonio público da Administración. En ambos casos úrxese á demanda civil. 

Segundo fontes coñecedoras do proceso activado polo Estado, o informe xurídico encargado ten como base os documentos tanto da Deputación como do Parlamento, pero o Goberno central entende que, sobre todo este último, son máis un resumo pericial da situación, polo que cómpre avanzar nunha proposta de demanda contra os Franco. Ademais, o Executivo de Sánchez solicitou tamén un estudo a Facenda para afondar na seguridade xurídica e patrimonial das accións que levará a cabo.

"Os informes deben de estar xa moi avanzados", aseguran as mesmas fontes, que aclaran que o que pretende a avogacía do Estado é asegurarse todo o máximo que se poida o éxito da demanda e evitar unha posible vitoria da familia Franco nos tribunais.  

Javier Losada aclarou durante unha reunión con representantes da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) que é "vontade" do Executivo abordar esta recuperación da memoria histórica, que ten como "máxima expresión a retirada dos restos de Franco do Valle de los Caídos" pero que o obxectivo é "seguir avanzando noutros casos concretos" como o de Meirás. 

O obxectivo do Executivo de Sánhez, segundo Losada, é "avanzar paso a paso, desde o rigor, coa máxima cautela e todas as garantías xurídicas en cada acción encamiñada a facer efectiva a recuperación da memoria histórica". Esta petición de cautela coincide coa expresada polo PSdeG nos últimos días, cando se descolgou das novas reclamacións dos diferentes grupos do Parlamento para urxir o Estado que activase xa a demanda civil e ante os anuncios de especulación de parte da familia dos Franco co inmoble. No entanto, nos colectivos pola recuperación da memoria e implicados na reversión das Torres non hai tanta paciencia.

O Goberno central di centrarse en "avanzar paso a paso, desde o rigor, coa máxima cautela e todas as garantías xurídicas" na recuperación do Pazo

Xa o pasado martes, o líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, anunciou en Radio Galicia o encargo deste informe á Asesoría Xurídica do Estado para coñecer todas as posiblidades que se abren para poder recuperar as Torres de Meirás. Tras a xuntanza de Losada e a CRMH esa mesma tarde, a Delegación do Goberno insistiu nunha nota de prensa no inicio do proceso para a recuperación do Pazo e logo de que a oposición en Galicia acusase o PSOE de demoralo de máis.

Vista lateral do Pazo de Meirás, en Sada / CC-BY-SA Praza Pública

O alcalde de Sada, Benito Portela, urxira tamén á presentación axiña da demanda civil e advertira da espera que o Estado mantiña por un estudo detallado sobre as posibilidades legais pero tamén das posibilidades de que os Franco especulasen co inmoble, como así se confirmou. 

A visita de representantes da CRMH ao delegado do Goberno tiña tamén a intención de darlle a coñecer a iniciativa que a entidade, xunto a outros colectivos sociais, sindicais e políticos, levará a cabo o vindeiro 10 de novembro, cunha marcha desde Sada a Meirás na que se volverá reclamar a devolución ao patrimonio público do Pazo de Meirás

Precisamente, este mércores o PP rexeitou unha proposición non de lei en comisión que pedía o apio de todas as forzas políticas para as 19 persoas que participaron na ocupación simbólica hai máis dun ano no Pazo de Meirás e que comezaron a ser xulgados a pasada semana tras a denucia da familia Franco. 

O PP vota en contra dunha proposta do BNG para apoiar as 19 persoas xulgadas pola ocupación simbólica de Meirás

O  portavoz do PP, César Fernández Gil, anunciou o voto en contra por considerar que o contido da iniciativa nacionalista debía ser resolta nos xulgados ao que o grupo nacionalista respondeu acusando o PP de “tibios, contemporizadores e pouco claros” á hora de condenar o franquismo. Mentres, os populares acusaron o PSdeG de rachar a "unanimidade" da Cámara logo de non votar a semana pasada unha declaración institucional para reclamar ao Goberno que acelerase o proceso para recupera as Torres. 

Ademais, no debate no Parlamento Europeo sobre o auxe do discurso de extrema dereita en Europa, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, lembrou que as 19 persoas encausadas séntanse no banco dos acusados pola ocupación simbólica do Pazo para reclamar a súa devolución e volveu pedir a "ilegalización da Fundación Francisco Franco por apoloxía do fascismo". 

A Xunta pro Devolucion do Pazo reúnese este venres

A punto de que rematen os tres meses que a lei outorga para que a Xunta poida exercer o dereito de tanteo sobre o Pazo de Meirás, a Xunta pro Devolución do Pazo reunirase este venres na Deputación da Coruña con idea de "acelerar todas as posibilidades para impedir que a familia Franco burle a lei e blinde a propiedade do inmóbel".

Segundo informa a Deputación, a Xunta pro Devolución do Pazo reunirase con carácter de "urxencia" para analizar a nova situación creada "despois de que un dos descendentes de Francisco Franco rexistrase na Xunta a comunicación que mostra a súa intención de venda do inmoble, condición que a lei marca para dar oportunidade ao Goberno galego a exercer o dereito de tanteo ao se tratar dun Ben de Interese Público".

A Deputación pide "activar todas as institucións implicadas para impedir unha nova fraude e que os Franco blinden a propiedade que obtiveron por medio dun grande espolio"

O neto de Franco tería presentado, segundo lembra o organismo provincial, a comunicación o pasado 7 de xullo, co cal "o prazo de tres meses está a piques de rematar", data na que "a familia quedaría de mans libres para unha posible venda da propiedade, do que xa demostraron vontade cando o Pazo formaba parte do catálogo dunha inmobiliaria de Santander".

"Hai indicios abondo para pensar que os netos de Franco queren reeditar o contrato de compra-venda ficticio feito polo ditador para conseguir un documento de propiedade privado do Pazo de Meirás mais, neste caso, á inversa, intentando facer unha venda ficticia que o poña en mans dunha empresa do seu dominio", lembra a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, que urxe desta maneira "a activar todas as institucións implicadas para impedir unha nova fraude e que a familia Franco blinde a propiedade que obtiveron por medio dun grande espolio".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.