O Goberno central bordea a lei electoral con actos de 'autobombo' en Galicia na precampaña

Pastor e outros cargos, o pasado xoves na Cañiza © Ministerio de Fomento

O pasado 20 de marzo Mariano Rajoy, Ana Pastor e Alberto Núñez Feijóo inauguraban un anaco do que nun futuro será a autovía Santiago-Lugo, o proxecto concibido nos tempos de Felipe González e impulsado nos de Zapatero que adoita saír a pasear en cada período electoral. Aquel acto converteuse, en certo xeito, nunha metáfora da carreira de inauguracións que os diferentes gobernos protagonizan, case ata a caricatura, dende que a reforma da lei electoral de 2011 prohíbe estes actos en período electoral, isto é, dende que se convocan formalmente as eleccións. No entanto, algúns departamentos gobernamentais continúan a convocar eventos de autobombo presentados como "visitas" ou anuncios, no canto de como inauguracións.

Dende que, o pasado 27 de outubro, Rajoy convocou os comicios do 20-D, non foron poucas as ocasións nas que diferentes departamentos ministeriais bordearon a prohibición electoral. No caso galego é sobre todo o Ministerio de Fomento o que vén convocando este tipo de actos tendo como protagonista á ministra, Ana Pastor, que ademais de membro do Executivo é tamén cabeza de lista por Pontevedra, provincia na que xa desenvolveu cinco actos no que vai de mes mentres, paralelamente, o seu departamento realizaba diversos anuncios de investimentos referidos a Galicia.

Así, o propio 27 de outubro Pastor asinaba publicamente convenios para "rexeneración e renovación de 55 áreas urbanas en Galicia" e o mesmo día o Ministerio anunciaba a adxudicación dunhas obras da travesía da N-640a ao seu paso por Vilagarcía. Xa en novembro, a ministra convocou o día 4 unha visita ao Campus de Vigo, onde "percorreu as instalacións" do parque científico e tecnolóxico da institución académica. Ao día seguinte debullou os investimentos do seu Ministerio en materia ferroviaria no Foro Ourense Nueva Velocidad.

Apenas dous días despois, o 6 de novembro, Ana Pastor regresou a Pontevedra para asistir en calidade de ministra á vixésima edición do Premio Joven Empresario de Pontevedra. Na mesma xornada Fomento remitía á prensa un comunicado para advertir da publicación no BOE do "contrato para a redacción do proxecto de trazado e construción" da ampliación da ponte da Pasaxe, na Coruña.

O ministro de Educación visitou un museo que funciona en Santiago dende hai 3 anos

Á semana seguinte, o día 10, entraba en xogo outro ministerio, o de Educación. O seu titular, Íñigo Méndez de Vigo, convocou a prensa en Santiago para protagonizar unha visita ao Museo das Peregrinacións e da Cidade, que funciona no antigo edificio do Banco de España da capital galega dende o verán de 2012.

A ministra de Fomento multiplica as visitas e actos na provincia de Pontevedra, na que é cabeza de lista polo PP para o 20-D 

O día 13 continuaron os anuncios en materia de obras, co Goberno central informando á prensa de que ten previsto "subvencionar con 11,9 millóns de euros a autoestada do mar entre Vigo e Nantes. O día 16 o departamento de Ana Pastor relataba, a través de Adif, que viña de iniciar a perforación dun dos túneles da liña de alta velocidade entre Madrid e Galicia. Noutro comunicado indicaba o mesmo día que viña de adxudicar, por algo máis de 3 millóns de euros, "a rehabilitación do firme" dun treito da autovía A-6 ao seu paso polos concellos de Aranga, Coirós, Oza-Cesuras e Betanzos.

Nesta última semana a titular intensificou un chisco máis a súa axenda galega, nomeadamente, pontevedresa. Así, o pasado mércores reuniuse co equipo directivo do Porto de Vigo e realizou unha visita á súa terminal de contedores. O xoves presentou persoalmente na Cañiza a "campaña de viabilidade invernal da Rede de Estradas do Estado" nun acto aberto á prensa.

Ás portas da fin de semana, este mesmo venres, o Ministerio de Fomento informou de que o Consello de Ministros "autoriza a celebración do contrato das obras" do treito Melide-Arzúa da A-54, a mesma autovía visitada por Rajoy, Pastor e Feijóo en outubro. Asemade, o Ministerio informa, nunha convocatoria destinada só a xornalistas gráficos -sen preguntas- de que o vindeiro luns Pastor "visitará o conxunto catedralicio de Tui, onde o Ministerio acometerá obras de acondicionamento de varias dependencias".

Pastor, esta semana no porto de Vigo © Ministerio de Fomento
Intervención da ministra no foro sobre o AVE en Ourense © Ministerio de Fomento
Méndez de Vigo, con Feijóo no Museo das Peregrinacións de Santiago © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.