O 'non' definitivo de Pemex ao porto da Coruña pon o ramo ás promesas incumpridas da Xunta

Vista xeral do porto exterior de Punta Langosteira, en Arteixo © Porto da Coruña

No final do verán de 2012, a poucas semanas das eleccións autonómicas, Feijóo bordeou a lei electoral para solemnizar o encargo de dous floteis de Pemex para os estaleiros galegos. O acordo, con sinatura e retransmisión televisiva en directo, formaba parte dunha "alianza estratéxica" entre Goberno galego e a petroleira mexicana da que viña meses advertindo a Administración con dosificados anuncios. Xa en maio, adiantábase a construción de catorce remolcadores e a xeración de 2.500 postos de traballo, e en agosto, o presidente galego daba conta da solicitude da empresa azteca para construír unha terminal de hidrocarburos no porto exterior da Coruña, cun investimento de case 60 millóns nunha superficie de 30.000 metros cadrados. Case cinco anos despois, o conto mexicano rematou de vez e fíxoo no punto onde empezara. A petroleira confirmoulle oficialmente por carta á Autoridade Portuaria que non haberá terminal ningunha en Lagosteira, algo do que xa fora avisando en novembro. Daquela, tamén cancelara o flotel extra previsto en Vigo. Polo medio, quedaron no limbo o resto dos numerosos anuncios do Executivo de Feijóo: tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, a renovación de parte da frota, dous quimiqueiros e os remolcadores. Construíronse os dous floteis -non sen unha fonda polémica- e a firma latinoamericana quedou co 51% do estaleiro Barreras. O resto, foise co vento. 

Pemex confirma oficialmente á Autoridade Portuaria que non instalará a terminal na que prevía investir 60 millóns de euros

Pemex confirmou por carta a cancelación do proxecto en punta Lagosteira á Autoridade Portuaria, que filtrou a carta a algún medio. Argumenta os seus graves problemas financeiros e a maior facilidade para acceder aos derivados do petróleo nos EUA, pola redución de prezos, como causas polas que abandona a idea de crear na costa de Arteixo unha das súas bases loxísticas en Europa. A chegada da empresa azteca ao porto exterior estaba prevista para 2014, logo adiouse a 2016 e a finais dese ano dábase por conxelado. Con todo, non hai moitos meses, o presidente do Porto da Coruña, Enrique Losada, aludía ao "aval vixente" depositado para manter "viva" a iniciativa da petroleira. 

O 'non' de Pemex confirma unha morea de promesas que quedaron en nada: tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio, renovación da frota, dous quimiqueiros ou remolcadores

Pero xa morrera, malia que Pemex mantén que habería unha posibilidade de retomar o proxecto no caso de que a súa saúde financeira mellorase ou do que se produza unha mudanza no sector petroleiro. Non é a primeira vez que un prometido e grande investimento no porto exterior da Coruña queda en nada. Tan só uns meses antes do anuncio da empresa mexicana, Rajoy apadriñou na Moncloa a sinatura dun acordo entre a firma chinesa Beijing 3E e a Autoridade Portuaria da Coruña polo que a firma investiría 270 millóns na dársena para crear unha planta de valorización enerxética de residuos. Feijóo e o daquela alcalde coruñés, Carlos Negreira, consideraban que a iniciativa convería Lagosteira na "esperanza branca do emprego en Galicia" e nun "centro de enerxía estratéxico". Un ano despois, o proxecto quedaba paralizado. 

Rajoy apadriñara un acordo para outro investimento de 270 millóns dunha empresa chinesa que tamén foi cancelado

Todo, mentres o porto exterior agarda a imprescindible conexión ferroviaria, que terá un gasto estimado duns 130 millóns de euros e que non estará operativo, ata finais de 2020 ou principios de 2021, unha década despois da finalización da infraestrutura, tal e como advirte o Tribunal de Cuentas nun duro e contundente informe no que constata "irregularidades" e sobrecustos do 27% en punta Lagosteira. Ademais, Portos do Estado advirte de que o calado actual é "insuficiente para os requerimentos dos operadores de graneis líquidos interesados na dársena exterior” e xa hai un proxecto para melloralo. 

O porto exterior da Coruña fita agora, sobre todo, a Repsol, que representa máis da metade do tráfico na dársena herculina. Pero segue coa gran materia pendente do seu traslado ás instalacións de punta Lagosteira. Malia ser un dos principais destinatarios das novas instalacións, non acadou un "compromiso oficial" coa Autoridade Portuaria para cambiar a súa ubicación ata 2013. O acordo implica unha compensación para a empresa de 25 millóns de euros e afecta ao 60% do tráfico total de hidrocarburos. "O resultado -describe o Tribunal de Cuentas no seu informe- é que dez anos despois do inicio das obras e máis de catro despois da súa finalización, aínda non se logrou o obxectivo principal do proxecto", retirar o transporte de mercadorías perigosas do centro da Coruña, "e o petróleo e os produtos petrolíferos refinados seguirán transportándose durante bastantes anos" a través do oleoduto que atravesa a cidade.

O porto exterior queda agora pendente de Repsol, que aínda non se trasladou a Lagosteira, e da conexión ferroviaria e a mellora do calado

Por outra banda, a empresa Deep Water Oil Transhipment Hub xa solicitou solo para construír unha terminal de hidrocarburos de algo máis de 45.000 metros cadrados, pero tan só é unha petición. Repsol é a única aposta firme e aínda sen consagrarse dun porto exterior que xa non espera por Pemex.  

Cunhas obras para Langosteira contratadas por 370 millóns pero que acabaron custando case o dobre, o porto exterior acabou por ser, polo momento, moito máis caro do previsto e moito menos efectivo e produtivo do prometido polas administracións. Algo semellante ocorreu coas promesas que a Xunta espallou da man de Pemex, nomeadamente en época preelectoral. O pasado mes de novembro, a empresa mexicana avisou de que non tiñan previsto tampouco comprar barcos en Galicia e que, de precisar algún, recorrerían a un aluguer ou leasing ante a súa difícil situación económica, que impide calquera investimento importante. Feijóo, na súa última intervención parlamentaria sobre o tema, desculpaba a empresa, comprendía as cancelacións e aseguraba que as promesas non dependían do Goberno galego. Os anuncios solemnes, pola contra, si. 

Feijóo, co conselleiro delegado de Pemex en España © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.