O NPC bota a andar co reto de coordinar a diversidade

Cartaz da asemblea © Asembleas Nacionalistas

O tren botou a andar na primavera e atopa a súa primeira estación determinante no inicio do verán. Tras meses de traballos, avatares, ritmos diversos e perspectivas diferentes as persoas perticipantes nas asembleas do Novo Proxecto Común (NPC) xúntanse este sábado en Compostela para botar a andar unha nova organización, "de afiliación individual" e enmarcada na esquerda e no nacionalismo "como expresión política do galeguismo". Algúns dos que se achegarán ao Palacio de Congresos de Galicia formaron parte previamente do BNG, outros manteñen a súa militancia en siglas xa históricas como a Frente Popular Galega (FPG) ou en organizacións máis mozas como o Movemento pola Base (MpB) ou o propio Encontro Irmandiño (EI), a formación liderada por Xosé Manuel Beiras que lanzou a creación das primeiras asembleas locais e comarcais.

Tras ese impulso inicial os membros do EI salientan que o seu papel non foi máis relevante que o do resto de participantes. "Só temos adoptado unha postura a respecto das asembleas: facer todo o aquilo que propicie o nacemento e continuidade das propias asembleas como un ámbito amable, cooperativo e incluínte", explica o irmandiño Luís Eyré. En conversa con Praza Pública explica que sobre as "cuestións concretas"  que estarán sobre a mesa da asemblea -principios políticos, principios organizativos estatutos- os integrantes do Encontro non teñen "unha posición" como organización e a súa participación será "a nivel individual". "O único imperativo" para eles e elas, di, é que "a criatura naza froito da ordenación dunha serie de asembleas que se autoorganizan". Sobre isto, tamén dende o EI, Martiño Noriega valora o proceso desenvolvido ata agora como algo "positivo", quizais "mais lento, pero con máis garantías" e que desemboca "nun paso máis na construción dun novo referente político" no que "se reflicte a participación".

Eyré: "O único imperativo é que a criatura naza froito da ordenación dunha serie de asembleas que se autoorganizan"

Esa coordinación semella, a priori, un dos primeiros retos que a nova organización -o seu nome está aínda por definir- terá por diante. Neste sentido outro dos participantes nas asembleas, o filólogo Antón Dobao, sinala que "todos os pasos que se dean para reorganizarse" no seo da esquerda, "para acumular forzas" con "instrumentos diferentes" son "moi positivos". A Asemblea constituínte, di, non é máis ca o "comezo" dun proceso ao que chegan persoas con "culturas políticas diferentes" e "tradicións diversas", pero que "teñen máis cousas en común ca diferenzas". "Poñelo todo sobre a mesa e construír a partir disto xa é un enorme paso adiante" porque, na súa opinión, "ás veces a esquerda estivo máis veces preocupada de dividirse que de poñer as cousas sobre a mesa". Dende o seu punto de vista "ningunha" das visións que existen no proceso asembleario "debe ser excluída". Ben ao contrario, di, cómpre "crear ámbitos en que todas esas culturas se recoñezan e onde se integre a xente disposta a traballar en procesos políticos de unidade e de liberación, porque se a política serve para algo, será para iso".

Abalo: "Cómpre recuperar a auténtica política de fronte popular"

Nun sentido semellante tense manifestado tamén, en pasadas semanas Mariano Abalo, concelleiro en Cangas do Morrazo e unha das cabezas visibles da FPG, para quen existe unha necesidade de "recuperar a auténtica política de fronte popular, de coincidencia de todas as foras progresistas que non estan por que se eliminen os dereitos democráticos e as liberdades máis esenciais". No actual contexto, alerta Abalo, "calquera desculpa vale", xa sexa para colocar "tecnócratas" á fronte dos gobernos ou para outros propósitos, asegura. "Se mañá a OTAN ten que intervir en Lisboa, en Madrid ou en Compostela, vano facer", ilustra, polo que "é o momento de aglutinar forzas para defender os dereitos máis elementais".

Nesa procura da confluencia estarán tamén presentes membros do MpB, formación dende a cal Rafael Dopico destaca que a súa "decisión", dende "o principio do proceso" foi "non actuar como grupo" en ningún punto do proceso, xa fose para "presentar documentos colectivamente" ou para "posicionarse publicamente". "Entendemos que o proceso se ten que desenvolver doutro xeito", di Dopico, xa que os movementos en clave grupal "resultan totalmente negativos" para o nacemento da nova organización, di. "Imos participar en pé de igualdade" e "as valoracións" chegarán "despois da asemblea", di.

Confluencia con Compromiso

Dobao: "Eu son partidario de que sexa un acordo o máis amplo posible, netamente de esquerdas e a partir de acordos programáticos"

Un dos interrogantes que estará sobre a mesa da asemblea constituínte e que terán tamén entre as mans as persoas que formen a dirección da nova forza é a posibilidade de confluír con outros grupos e, nomeadamente, con Compromiso por Galicia (CxG). Así, por exemplo, Eyré subliña, dende o "optimismo" a respecto do futuro do proceso, que será "a nova organización a que teña que valorar" o rumbo a tomar e, aínda que "a unidade non é un valor sagrado", a "acumulación de forzas é moi útil". "A miña postura persoal é que calquera acordo ten que ser arredor dun proxecto político concreto" e "non nominalista", salienta.

Noriega: "Hai que facer o esfoerzo de explorar"

Tamén Dobao coida que "o que saia da asemblea terá que traballar" na procura de posibles confluencias. "Eu son partidario de que sexa un acordo o máis amplo posible dentro da esquerda", tamén de cara a futuros procesos electorais. "Pensaría incluso nos sectores que proveñen de tradicións como o Partido Comunista de Galicia", di, nun contexto no que, dende o seu punto de vista, os pactos terían que ser "netamente de esqeurdas, con toda a variedade e pluralidade posible, con todas as culturas" e, "por suposto, a partir de acordos programáticos". "O que non tería sentido -afirma- sería pensar en termos de reparto de escanos ou de reprodución de instumentos políticos".

Que as "cuestións programáticas" deben ser a base de posibles acordos é tamén a opinión de Noriega, para quen é esencial "afastarse da cuestión das cotas". "Mal faríamos de cara ao futuro se volvésemos reproducir procesos de cotas ou intereses" nun contexto no que se cadra, admite, "o proceso ao mellor se polarizou en exceso" e "puido haber un déficit de vasos comunicantes". En todo caso, di, a "situación aínda está aberta" e "alén das dinámicas de partes hai unha maioría de persoas que agardan por un resultante" que "non sei se englobará á totalidade, pero hai que facer o esforzo de explorar".

Cartaz da asemblea © Asembleas Nacionalistas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.