O penúltimo capítulo da lexislatura galega remata sen grandes acordos

Vista dun pleno durante un intre do debate © Parlamento de Galicia

Só resta un capítulo, que comezará a vindeira semana co inicio da tramitación dos Orzamentos Xerais para 2016. O Parlamento de Galicia botoulle este venres o ferrollo ao derradeiro debate de política xeral da lexislatura coa aprobación de medio cento de propostas de resolución e sen que xurdisen del acordos de relevancia. 

Como era previsible, o PP sacou adiante en solitario propostas de resolución que reproducen literalmente os anuncios lanzados polo presidente da Xunta na primeira sesión do debate. Sen concretar máis do que fixera Alberto Núñez Feijóo os deputados populares aprobaron crear un 'cheque bebé' para "cada neno ou nena que naza a partir do 1 de xaneiro de 2016" coa previsión de que chegue ao 80% dos nacementos. Fixeron o propio coa rebaixa da IRPF ou coa promesa de "impostos cero" para a transmisións de fincas no rural.

Alén das resolucións conservadoras, que segundo a súa vicevoceira, Marta Rodríguez, van "trasladar a cidadanía os efectos da recuperación", os únicos pactos previos entre grupos producíronse entre o PP e o Mixto, en senllas transaccións que derivaron en propostas esencialmente declarativas, unha de apoio ao sector lácteo e outra, de impulso da Área Metropolitana de Vigo. Adicionalmente, os populares deron o seu apoio a dúas propostas de AGE -sobre o apoio a Alcoa e a sanidade universal- e unha do BNG en apoio aos mariñeiros galegos que traballaron en Noruega e esixen as súas pensións, aprobadas por unanimidade igual que tres iniciativas do Mixto -aumentar orzamentos sociais, condena da violencia machista e transparencia na contratación pública-.

Os conservadores sacaron adiante en solitario as promesas de axudas lanzadas por Feijóo para o ano electoral

Asemade, aos votos do PP sumáronse os do PSdeG en tres iniciativas, unha sobre incorporación de auxiliares administrativos nos colexos, outra sobre formación en igualdade e unha terceira a respecto dos programas de prevención do cancro, á que tamén se sumou o resto da oposición agás Xosé Manuel Beiras. Tamén saíu adiante a proposta na que o Grupo Socialista esixía que, ao contrario do acontecido en anos anteriores, as resolucións que emanen do propio debate sexan cumpridas pola Xunta, e as iniciativas a prol da intermodalidade dos portos, das "garantías" para o voto emigrante e da promoción turística.

O PP accedeu á aprobación de 10 iniciativas da oposición e transaccionou dúas co Grupo Mixto

Neste escenario, quedaron polo camiño iniciativas da oposición como a que reclamou por enésima vez abrir unha investigación sobre o accidente de Angrois -reclamación compartida por AGE e BNG, na que os socialistas se abstiveron-, o rexeitamento da xestión do Goberno no novo hospital de Vigo, apoiada por toda a oposición, ou a reclamación dunha nova política industrial formulada dende o PSdeG. 

Posicións dos grupos

Durante todo o debate as vicevoceiras dos grupos parlamentarios lamentaron a que consideran falta de "vontade" para chegar a acordos por parte do PP. Os conservadores, lamenta Ana Pontón dende o BNG, chegaron a esta cita parlamentaria coa única intención de "salvar os mobles" e non de "salvar as galegas e galegos". O grupo que sustenta a actual Xunta, censura a nacionalista, non buscou os pactos, senón simplemente que a oposición "aplaudise" os postulados do goberno.

A oposición reitera que o ciclo de Feijóo rematou e censura que o PP se centre na "propaganda"

Como en anos anteriores, a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, combinou a presentación das propostas do seu grupo co relato do "glosario" co que, di, resume a xestión de Feijóo á fronte dun goberno "esgotado". Nesta ocasión, a parlamentaria de Alternativa asociou á figura do presidente termos como "Berlín, capital da Galicia de Feijóo", "Lugo", como "cidade dos tractores que soñan cun leite que dea de comer aos galegos e galegas", ou "Xallas", no que considera unha mostra do aproveitamento dos recursos naturais do país. 

Dende o PSdeG a deputada Carmen Gallego deu por iniciado o "cambio" en Galicia que, di, aspira a liderar o seu partido, tras os anos do "presidente do paro, da pobreza e da renuncia a exercer o autogoberno dunha nacionalidade histórica". Os socialistas, di, non apoiaron o groso das propostas do PP porque "xa abondaron seis anos de propaganda".

Unha das votacións unánimes no pleno © Parlamento de Galicia
Bancadas da oposición durante as votacións © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.