O plan de Caballero para que o PSdeG "lidere o cambio na sociedade farta do control asfixiante do PP"

Gonzalo Caballero, intervindo ante o Comité Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

O pasado novembro, un ano despois de chegar á secretaría xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero foi elixido candidato do partido á Xunta nunhas primarias nas que non tivo rivais. Nunha entrevista con Praza.gal inmediatamente posterior á proclamación da súa candidatura, Caballero reiterou que ter "definida e planificada" unha "estratexia para acadar o cambio político en Galicia".

"Feijóo mantén que a estabilidade que el representa é o mellor para Galicia, pero só é a estabilidade da agonía"

"Iremos dando pasos, anunciándoos e marcando nós a axenda; rematou o tempo no que a axenda nola marcaban dende fóra" porque "temos a nosa propia estratexia de recuperación electoral e cambio en Galicia", afirmaba o líder socialista nun ton que esta fin de semana volveu empregar ante o Comité Nacional do partido, máximo órgano entre congresos. 

A xuízo de Caballero, a actual conxuntura permite ao PSdeG poñerse a "meta" de "liderar o dinamismo e a forza de cambio" entre "a sociedade galega que xa está farta do control político asfixiante do PP". Cómpre, cre, que os socialistas confronten o discurso da "estabilidade". "Feijóo -dixo- mantén que a estabilidade que el representa é o mellor para Galicia, pero só é a estabilidade da agonía, da perda de peso e de oportunidades de futuro". Estable porque "nada se move"

Un intre do Comité Nacional do PSdeG deste 22 de decembro CC-BY-NC-SA PSdeG

O líder do PSdeG reitera a súa intención de incorporarse ao Parlamento para presidir o Grupo Socialista, pero polo momento non concreta cando o fará

Pero, "fronte ao discurso oficial, que é un traxe a medida para Feijóo", o certo é que "Galicia perde poboación e os servizos públicos deterióranse" coa sanidade como "caso paradigmático". Por todo isto, ao seu xuízo, os socialistas galegos deben contrapoñer esta "estabilidade da agonía" coa axenda social que, ao seu xuízo, está a despregar o Goberno de España dende que o preside Pedro Sánchez, con medidas como a suba do salario mínimo aprobada no último Consello de Ministros, "a posta en marcha dun plan de emprego xuvenil ou a volta á sanidade universal".

As enquisas, segundo Caballero, "prognostican a perda da maioría absoluta do PP" e o PSdeG poderá estar en condicións de liderar un cambio pola esquerda. Por iso, asegura, "non nos preocupa se Feijóo se volve presentar ou non", porque "o que nos preocupa é Galicia".

Entrada ao Parlamento

Sobre a mesa do Comité Nacional do PSdeG estivo tamén a pregunta que máis recorrentemente lle é formulada a Caballero, tanto dende dentro como dende fóra do partido, dende o seu acceso ao liderado. Cando entrará no Parlamento?

Na súa intervención ante o Comité o secretario xeral asegurou estar disposto a asumir esas "responsabilidades institucionais", a incorporarse á Cámara como presidente do Grupo Socialista e facer ver tamén no Pazo do Hórreo que hai unha "alternativa a Feijóo". Non concreta, polo momento, a data en que o fara´.

Para que Caballero se converta en membro do lexislativo tería que renunciar un dos catro representantes do PSdeG elixidos pola provincia de Pontevedra en 2016, candidatura na que o actual líder ocupara o quinto posto. Trátase de Abel Losada, Patricia Vilán, Julio Torrado ou María Pierres.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.