O PNG dá un paso fóra do Bloque para "sumar forzas no proxecto que Galiza precisa"

O PNG o 25 de xullo CC-BY-SA PNG

O Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista camiña fóra do BNG. A decisión, previsible para a contorna do Bloque, leva data do 17 de marzo. Un congreso extraordinario convocado exclusivamente para decidir se ficar ou non baixo as siglas da formación frentista deu o 'si' a un cambio de rumbo, de estratexia ou, cando menos, de estrutura. O PNG aprobou "por maioría" e tras unha "decisión aberta" a escisión do BNG, ao igual que xa o fixeron Máis Galiza e o Encontro Irmandiño. 

"A nosa decisión é a de non renunciar á independencia política"

"A nosa decisión é a de non renunciar á independencia política", apuntou o secretario xeral do PNG, Xosé Mosquera, a Praza Pública. "Apostamos decididamente por un gran proxecto político novo", incidiu. Un paso que xa non se dá sobre o baleiro que, se cadra, había tras a saída do Encontro Irmandiño. A formación que dirixe Xosé Manuel Beiras liderou unha sucesión de acontecementos que darán lugar, como engadiu Mosquera, a unha "gran forza para Galiza".

"Chamado social"

"O sentido da decisión é a de dar un paso sen condicionantes nen ataduras, aberto, para a conformación desa gran forza" que, ao entender de Mosquera, non existe en Galicia. A nova formación é "precisa" para que "Galiza poida facerse dona de si mesma". Preguntado pola confluencia de movementos que, parece, aclaran o bruído inicial entre os nacionalistas galegos, Xosé Mosquera si cree que había un "chamado social" favorable á decisión que veñen de tomar. "O noso é un paso adiante que responde, en certo xeito, a unha demanda social nun proceso que xa comezou hai seis ou sete meses", subscribiu a este xornal. 

Respecto do que queda atrás, Mosquera puntualizou que a súa intención non é a de "dividir", senón a de "sumar forzas para un proxecto galeguista, progresista e nacionalista". "E temos moitas forzas", sentenciou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.