O PP ataca a viaxe de Pedro Sánchez a Cuba tras dúas visitas oficiais de Feijóo á illa

Feijóo, con Raúl Castro en 2016 e Pedro Sánchez, con Díaz-Canel no mesmo recinto esta semana Dominio Público Xunta / Goberno de España

O 7 de decembro de 2013 o xornal Granma, órgano oficial do Partido Comunista Cubano, levaba na súa capa a imaxe do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo daquela vicepresidente da república caribeña, Miguel Díaz-Canel. A publicación subliñaba que "ambos dirixentes constataran o bo estado das relacións bilaterais e de amizade entre os pobos galegos e cubano". Dous anos e medio despois, en maio de 2016, Feijóo regresou á illa en visita oficial e non aforrou eloxios para a "cordialidade" e "interese" para "colaborar" con Galicia por parte do Goberno de Cuba, en proceso de "actualización".

Feijóo viaxou xa dúas veces como presidente a Cuba despois de cargar en 2007 contra Touriño por non ter a "valentía" de aproveitar unha visita á illa para pedir "liberdade e democracia"

Aquela primeira viaxe de Feijóo a Cuba, hai agora media década, producíase exactamente seis anos despois de que outro presidente galego, o socialista Emilio Pérez Touriño, tamén viaxase á illa para celebrar o centenario do himno galego e mais manter encontros con diversos dirixentes cubanos. Quen na altura era líder da oposición galega, Feijóo, cargara con dureza contra o xefe do Goberno e líder do PSdeG por non demostrar, ao seu xuízo, "valentía e determinación" e aproveitar a viaxe para facer "un xesto máis concreto" e ser "claro" en "favor da liberdade, a democracia e os dereitos humanos".

Feijóo, nunha ofrenda floral na Praza da Revolución da Habana en 2016 e Sánchez, no mesmo acto e lugar en 2018 Dominio Público Xunta / Cubahora

Pablo Casado censurou a visita que esta semana fixo Pedro Sánchez a Cuba, na que se produciron imaxes practicamente idénticas ás protagonizadas por Feijóo en 2013 e 2016

Quen viaxou esta semana a Cuba foi outro mandatario do PSOE, o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. E críticas como as lanzadas por Feijóo contra Touriño en 2007, nunca escoitadas contra o presidente galego en 2013 e 2016, reeditáronse dende o propio PP. Así, o líder dos conservadores, Pablo Casado, considerou "cínico" que Sánchez condene o franquismo e a Franco, que está "morto", mentres "visita" a "un ditador", en referencia a Díaz-Canel, que "está vivo e coleando e segue matando xente", proclamou. Nun sentido semellante, outros dirixentes do PP e medios de comunicación afíns a esta formación cargaron tamén contra Sánchez pola súa visita, a primeira dun presidente Español en tres décadas, e tamén por non aproveitala para xuntarse con grupos contrarios ao Goberno cubano, algo que tampouco sucedeu nas viaxes de Feijóo.

Para Casado, "pasear" xunto a Díaz-Canel implica "alardear e apoiar a un ditador"

Con este pano de fondo o álbum oficial da viaxe de Pedro Sánchez deixa imaxes practicamente idénticas ás das dúas visitas de Feijóo. Así, por exemplo, comezou cunha ofrenda floral a José Martí na Praza da Revolución, que preside unha enorme imaxe do Che Guevara, acto ao que tamén acudiu o presidente galego hai dous anos. Sánchez reuniuse co presidente Díaz-Canel no mesmo recinto oficial no que Raúl Castro Recibiu a Feijóo en 2013 e 2016. Igualmente, realizou un paseo a pé polo centro de La Habana co propio Díaz-Canel, que como vicepresidente acompañara a Feijóo polas mesmas rúas en 2013. Para Casado, "pasear" xunto a Díaz-Canel implica "alardear e apoiar a un ditador".

Feijóo, no centro de La Habana en 2013 con Díaz-Canel, daquela vicepresidente; e Sánchez, nas mesmas rúas con Díaz Canel como presidente en 2018 © Xunta/Goberno de España

A viaxe de Sánchez incluíu un acordo en materia de dereitos humanos e diversos contactos comerciais

No que atinxe ao contido das viaxes, a de Sánchez saldouse coa sinatura dun acordo en materia de dereitos humanos e numerosos contactos en materia económica e comercial, así como en compromisos no eido da cultura, entre outros anuncios. Hai dous anos Feijóo asegurara que conversara con Castro sobre o "novo momento político que está vivindo a illa" e, tras condoar daquela o Goberno de España a Cuba uns 1.500 millóns de euros de débeda, manifestara a súa esperanza de que a illa puidese "facer negocios con Galicia" no marco dun "novo período de entendemento e de cooperación entre España e Cuba".

En 1992 Fraga incomodara a Aznar coa súa recepción a Fidel Castro

A visita de Sánchez a Cuba celebrouse despois das dúas de Feijóo, e ambas máis dunha década tras a histórica viaxe de Manuel Fraga á illa e o non menos emblemático percorrido por Galicia de Fidel Castro en 1992. Malia á evidente incomodidade da daquela cúpula do PP, encabezada por José María Aznar, Fraga recibira a Castro en Galicia con honras de xefe de Estado para acompañalo nunha visita que deixou icónicas imaxes como a da multitudinaria festa de ambos líderes en Láncara, concello natal do pai de Fidel.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.