O PP di concordar con que Lugo precisa a hemodinámica que Feijóo promete dende 2011

Solla e Íñiguez, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

Todos os grupos de acordo, só resta facelo. É unha das conclusións que ficou este mércores no Parlamento despois do enésimo debate arredor da necesidade de instalar os servizos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo, desta volta a conta dunha iniciativa de Alternativa Galega de Esquerda. Tras meses de mobilizacións cidadás apoiadas por múltiples colectivos veciñais e políticos da cidade, o voceiro do PP no debate, Jaime Íñiguez, expuso na Comisión de Sanidade do lexislativo galego todo un argumentario a prol desta dotación de servizos, especialmente do de hemodinámica -para tratar infartos-. O popular obviou, así e todo, que este equipamento foi obxecto dunha promesa do presidente da Xunta hai xa dous anos.

"As palabras levounas o vento", lamentou a autora da iniciativa, Eva Solla, quen lembra ademais que, tras a promesa presidencial -realizada a comezos de 2011, coincidindo coa inauguración do centro hospitalario-, o Parlamento aprobou en novembro do mesmo ano "unha moción para que se puxese hemodinámica en seis meses". "Debido ao aumento do malestar veciñal e das denuncias que fixemos os grupos, o PP saíu ao paso dicindo que estaban a traballar niso, parafraseando o amado líder -ironiza, en referencia a José María Aznar-" e prometendo que a unidade estaría en marcha antes do verán. "Xa estamos no entroido, quedan catro meses para o verán" e os servizos non chegan.

A carencia da unidade provoca que os doentes de Lugo tarden o dobre en seren atendidos se sofren un infarto

"Hai pouco -lembra Solla- a Sociedade Española de Cardioloxía alertaba de que a mortandade en Lugo" a causa de infartos "duplicaba" a outras provincias. Este dato, subliña, coincide con outro do Hospital da Coruña, onde adoitan ser trasladados os pacientes infartados de Lugo: "unha persoa infartada en Lugo tarda o dobre en ser atendida" que unha que resida na provincia coruñesa. "Basta de prazos incumpridos e de enganar a veciñanza de Lugo, estamos a falar da diferenza entre vivir ou morrer", advirte.

A iniciativa de AGE, que tivo o apoio de PSdeG e BNG -ambos grupos veñen presentando tamén iniciativas no mesmo sentido dende hai meses- tentou ser emendada polo PP, cunha redacción que Solla considerou "máis restritiva" porque só se refería á hemodinámica e non aos outros servizos pendentes. Íñiguez, voceiro conservador, concorda en que "o período máximo que pode transcorrer" desde que unha persoa sofre un infarto ata que é atendida "non debe exceder de 120 minutos", porque "se transcorre máis tempo" aumenta "a mortalidade e a morbilidade". A iniciativa de AGE tivo os votos a favor de socialistas e nacionalistas, pero non os do PP.

Solla e Íñiguez, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.