O PP esfórzase en facer ver que Ciudadanos "é socialista"

Rivera e Rajoy, en La Moncloa © Diego Crespo / Pool Moncloa

Cando Alberto Núñez Feijóo aspirou á Xunta por primeira vez unha das preocupacións electorais do PP galego era UPyD e, ante o temor de que o partido de Rosa Díez puidese apañar votos na tradicional parroquia da dereita, acentuou o seu perfil conservador e realizou movementos inéditos, como a peculiar cruzada contra unha suposta "imposición" do galego. Case media década despois agora o temor non é maxenta, senón laranxa, e afecta ao partido da gaivota no conxunto do Estado, que nos últimos meses xa despregou diversas tácticas para facerlle fronte ao partido de Albert Rivera, dende o desdén ata o eloxio máis ou menos moderado. A última aposta é afirmar que Rivera é "socialista".

As enquisas máis recentes sobre as eleccións xerais do 20-D, tanto as publicadas como algunhas que manexan internamente os partidos, falan dun crecemento de Ciudadanos que sitúa o partido como terceira forza a nivel estatal e, no caso dalgúns inquéritos, competindo polo segundo posto co PSOE. No caso galego, existen estudos demoscópicos que indican que C's podería obter entre 1 e 2 deputados, coa vista posta especialmente na provincia da Coruña -Rivera fará campaña en Santiago o 15 de decembro-, malia non contar con apenas estrutura e ter só 16 concelleiros en todo o país, algúns dos cales engrosan tamén as candidaturas ás xerais nas circunscricións galegas.

Nas filas do PP existe o temor de que parte dos seus votantes pasen ao partido de Rivera, que fará campaña en Galicia

Este é o escenario no que, o pasado domingo, Rivera foi entrevistado no programa El objetivo, en laSexta. Ademais de esvarar en diversas respostas -por exemplo, dixo ignorar o seu propio programa en materia medioambiental, non foi quen de concretar a súa postura a respecto das intervencións militares en Siria e lanzou afirmacións sobre a cobertura sanitaria das persoas migrantes que non se corresponden coa verdade-, o líder de Ciudadanos afirmou tamén, como xa fixera noutras ocasións, que non prevé que os escanos que o seu partido poida conseguir apoien unha eventual investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno de España.

Esa afirmación de Rivera serviulles aos populares para, na mañá deste luns, lanzar unha campaña a través de Twitter baixo a etiqueta #RiveraEsSocialista na que, obviando os postulados coincidentes entre PP e Ciudadanos en diferentes ámbitos, instan a non apoiar a Ciudadanos o 20D porque, manteñen, iso suporía darlle soporte a un "pacto de perdedores" que sustentaría un Goberno presidido por Pedro Sánchez, igual que apoia o do PSOE en Andalucía.

Varios perfís corporativos e de dirixentes do PP galego uníronse tamén a esta campaña, que a primeiras horas da tarde roldaba xa os 8.000 chíos. Así, por exemplo, segundo o dirixente de Novas Xeracións e deputado no Parlamento galego Javier Dorado, "non ten nada de malo", pero debe "saberse" que Ciudadanos, que sustenta gobernos do PP en autonomías como Madrid, Murcia ou La Rioja, é "socialista". Nun sentido semellante, o voceiro do PPdeG, Miguel Tellado, define tamén a Rivera como "socialista" sen "disimulos".

"Pedimos que publicamente se decante, para que ninguén se chame a enganos. É razoable, non?", indicou Tellado a través da rede social durante o desenvolvemento do pleno de orzamentos na Cámara galega. Nun sentido semellante a vicevoceira popular na Cámara galega e candidata a senadora pola Coruña, Paula Prado, difundiu a través do seu perfil un vídeo que asegura demostrar que "votar a naranjito" equivale a situar "otro ZP en La Moncloa". Mentres, dende Ciudadanos retrucouse a estes chíos dando por demostrado que son "de centro".

Rivera e Rajoy, en La Moncloa © Diego Crespo / Pool Moncloa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.