O PP evita a Gürtel e Baltar na campaña, pero non a investigación da Patos

Edificio dos xulgados en Vigo CC-BY-SA HombreDHojalata

A investigación do caso Patos de tráfico de influencias e concesións ilegais de contratos públicos coarase finalmente na campaña electoral galega. O vindeiro mércores 21 de setembro está chamada a declarar ante a xuíz que instrúe o caso a xefa territorial da Consellaría de Traballo e Benestar, María Rita Peón, sospeitosa de recolocar de forma irregular un funcionario, así como de ser responsable de varios procedementos incorrectos na adxudicación de varios contratos e obras.

Deste xeito, o Partido Popular non poderá evitar o protagonismo que este caso poida acadar a só catro días da celebración das eleccións do 25S. A investigación da Patos afecta a importantes cargos populares tanto da administración autonómica (María José Bravo Bosch, ex delegada da Xunta en Vigo, que prestou declaración o pasado mes de novembro), provincial (José Manuel Figueroa, ex vicepresidente da Deputación e concelleiro en Vigo, que declarou en febreiro) e local (nos concellos de Nigrán, Ponteareas e Santiago, ademais da cidade olívica).

Coa fixación das eleccións ao Parlamento galego no 25 de setembro, Alberto Núñez Feijoo si esquivou o inicio do primeiro xuízo polo caso Gürtel, que comezará o 4 de outubro e no que un total de 40 acusados (entre eles Francisco Correa, Ana Mato e Luís Bárcenas) serán procesados e no que tamén declarará, por exemplo, Esperanza Aguirre. A vista oral do xuízo chegará ata o 20 de decembro, coincidindo en boa parte coa campaña e a precampaña das eleccións xerais, no caso de haber repetición do comicios.

De igual xeito, o PP evitou o impacto na súa campaña electoral en Galicia do xuízo contra José Manuel Baltar polo presunto ofrecemento de emprego a cambio de sexo, na que se lle imputan supostos delitos de suborno e tráfico de influencias. Será o 29 de setembro, catro días despois dos comicios, cando José Luis Baltar declare en calidade de investigado na causa contra o seu fillo. Esta declaración, fixada en principio para xuño, fora adiada, atendendo a xuíza as alegacións presentadas polo avogado do exlíder do PP de Ourense.

 

O PSOE de Vigo e o caso Patos

Para o mesmo 21 de setembro están fixadas tamén as tomas de declaración a dous funcionarios do Concello de Vigo

O caso Patos tamén salpica ao PSOE de Vigo. E, de feito, para ese mesmo 21 de setembro están fixadas as tomas de declaración a dous funcionarios do Concello da cidade olívica. Trátase de Gilberto Moldes, técnico da área de Parques e Xardíns, investigado por varias actuacións que beneficiaron á empresa Cespa. E de Álvaro Crespo, enxeñeiro coordinador da área de Fomento, a quen se lle imputan actuacións irregulares en varias adxudicacións de obras e a recepción de agasallos por parte de Eiriña, a empresa do construtor Enrique Alonso Pais.

 

Edificio dos xulgados en Vigo CC-BY-SA HombreDHojalata
Feijóo, respondendo ás preguntas sobre o caso Baltar © Conchi Paz
Francisco Correa Dominio Público Imaxe de Cuatro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.