O PP fica só no primeiro pleno sen cidadanía, suspendido polas protestas

A presidenta e membros da Mesa, tras a suspensión do pleno CC-BY-NC-SA CIG

O veto multiplicou as protestas. Este martes estaba convocado no Parlamento de Galicia o pleno de Orzamentos, o primeiro no que os grupos políticos non podían convidar libremente a cidadanía a presenciar a sesión a causa da prohibición da presidenta, Pilar Rojo. Como anunciaran vinte e catro horas antes, os grupos da oposición optaron pola unidade de acción e PSdeG, AGE e BNG deixaron só ao PP. A ausencia foi o inicio dunha sucesión de protestas -e tamén dalgún incidente- que tiñan como obxectivo denunciar o que consideran un "secuestro" da institución parlamentaria.

"Se extralimita, secuestra a vontade popular", pon "a toda Galicia baixo sospeita", reprochou dende o seu escano o socialista Abel Losada antes do abandono. "Está conculcando o reflexo do pluralismo" na Cámara, sinalou Francisco Jorquera, do BNG. "Os que están fóra son tan cidadans coma vostede", se os "pon baixo sospeita de seren vándalos", será a presidenta quen incorre en "vandalismo", sinalou Xosé Manuel Beiras, líder de AGE. "Isto non é obxecto do pleno", repuxo a presidenta.

Só Jorquera, Beiras e o socialista Pachi Vázquez quedaron nos seus escanos mentres o resto de deputados e deputadas da oposición os abandonaban. A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, expuña o seu discurso orzamentario só para os seus mentres comezaban os movementos na tribuna do público. AGE e BNG convidaran ás súas instalacións parlamentarias a persoal de Navantia e da Universidade de Santiago e dispuxéronse a tentar que puidesen presenciar o pleno. Primeiro tentouno Alternativa con catro traballadores do naval, e non deron pasado. Despois achegáronse Carlos Aymerich e Montse Prado (BNG) con representantes da USC e do propio naval e conseguírono.

AGE e BNG lograron o acceso de persoal de Navantia e da USC, que protestou dende a tribuna de convidados

Muñoz seguía a debullar o seu proxecto económico cando membros de AGE como Yolanda Díaz ou Juan Fajardo regresaron á tribuna cos seus convidados. Dous conserxes parlamentarios, remisos a actuar fisicamente, limitáronse a lembrarlles a prohibición de Rojo. Poucos minutos despois o que a presidenta di querer evitar co seu veto elevouse á enésima potencia. "Onde están, que non se ven, as promesas do PP?", "queremos traballar e non emigrar!", corearon os traballadores de Navantia. Ao seu carón, Díaz e Fajardo xa puxeran as camisolas coa reclamación dun dique flotante para Ferrol. "Universidade, pública e de calidade!", "non aos recortes en educación!", engadiron os representante do PAS e PDI da universidade compostelá.

Suspensión do pleno e ameaza de sancións

Foi neste contexto no que Pilar Rojo resolveu facer o mesmo que apenas un mes atrás, cando quen protestaba eran persoas afectadas polas preferentes. A conservadora optou por suspender o pleno "ata novo aviso", aviso que nunca chegaría malia que a sesión foi reanudada dez minutos despois, de novo con Muñoz a falar só para os seus. Simultaneamente, nos corredores do Parlamento o servizo de comunicación da Cámara impedía que a prensa recollese declaracións das persoas que viñan de protagonizar a protesta. "Hai liberdade de expresión, ata na Alemaña nazi se podía falar!", censurou Xosé Manuel Beiras a un membro do gabinete da Presidencia.

"No tengo por qué conocer a los diputados nin saber gallego", repúxolle un axente aos deputados do BNG

Nun clima a medio camiño entre a confusión e tensión axentes da Policía tentaban impedir o acceso á Cámara de tres deputadas e un deputado do BNG -Ana Pontón, Tereixa Paz, Carme Adán e Cosme Pombo- que saíran do recinto para acompañar os manifestantes do naval no exterior -"yo no tengo por qué conocer a los diputados ni saber gallego", alegou o axente- e que xa presentaron unha queixa ante a Mesa da Cámara por "abuso de autoridade". Pola súa banda, a presidenta convocaba a prensa de urxencia no seu despacho para ofrecer a súa primeira valoración do sucedido, un "grave atentado contra unha alta institución do Estado".

Rojo séntese "reafirmada" na súa decisión tras o que considera un "grave atentado a unha alta institución do Estado"

"Non se respectou o marco constitucional e estatutario e o máis lamentable é que fosen deputados e deputadas desta Cámara os que vulnerasen e provocasen feitos que son absolutamente ilícitos", asegurou Rojo no que tentou que fose unha comparecencia sen preguntas. A xefa do lexislativo séntese "reafirmada nas decisións" de prohibir os convites e, "con todo o que ten acontecido" este martes, xa advirte de que "adoptaremos as medidas que se estimen oportunas e comunicaremos no momento adecuado", deixando a porta aberta a sancións non só ás persoas que protestaron, senón tamén aos deputados e deputadas que os acompañaron.

O hemiciclo, só co PP e os voceiros da oposición CC-BY-SA Merixo
Protesta na bancada de convidados CC-BY-NC-SA CIG
CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.