O PP galego apoia a Cospedal, terceira no conxunto estatal e polo tanto eliminada da carreira sucesoria

Cospedal e Feijóo no día de campaña que a primeira fixo en Galicia Dominio Público @mdcospedal

María Dolores de Cospedal, co 39% dos votos, foi este xoves a candidata preferida polos afiliados do PP galego nas primarias da formación para a elección do novo presidente estatal do partido. Ela foi, dos seis candidatos, a que máis eloxios recibiu por parte do líder galego, Alberto Núñez Feijóo, que no entanto evitou facer explícita a súa preferencia. Porén, Cospedal quedou a nivel estatal en terceiro posto, co 25,8% dos votos, e polo tanto eliminada na carreira pola sucesión de Mariano Rajoy, a cuxa segunda fase pasan en primeiro lugar Soraya Sáenz de Santamaría, co 36,9% dos votos a nivel estatal, e Pablo Casado, co 34,2%. En Galicia Sáenz de Santamaría si foi a primeira en Ourense, provincia na que ela mesma proclamou en campaña que lle gustaría “gañar como gaña Baltar”.

A ata agora secretaria xeral do partido, pola que Feijóo amosou máis simpatía, obtén en Galicia o 39% dos votos, fronte ao 25,8% no global estatal, no que gaña Sáenz de Santamaría cun 36,9% por diante do 34,2% de Casado

En Galicia, segundo os resultados provisionais que transcenderon a última hora deste xoves, Cospedal foi a gañadora en todas as provincias por diante de Casado agás en Ourense, onde Sáenz de Santamaría foi a primeira por diante de Cospedal. No global da comunidade Cospedal obtivo 1.559 votos (39,25%), por 1.161 de Casado (29,23%) e 1.106 de Sáenz de Santamaría (27,84%). Moi por detrás, García-Margallo obtivo 84 votos, García-Hernández 36 e Cabanes 7. En Ourense, pola contra, Sáenz de Santamaría obtivo 206 votos, por 177 de Cospedal e 94 de Casado, volvendo a demostrar que a provincia que controlan os Baltar funciona de xeito independente ao resto do PP galego.

Cospedal foi a gañadora por diante de Casado en todas as provincias galegas agás en Ourense, onde Sáenz de Santamaría foi a primeira por diante de Cospedal

Fronte a estes resultados en Galicia, no conxunto estatal Sáenz de Santamaría foi a vencedora, co 36,9% dos votos, fronte ao 34,2% de Casado e o 25,8% de Cospedal, que obtivo así en Galicia máis de 13 puntos por riba da súa media estatal. En total, participaron 58.305 votantes, con só 84 votos nulos.

En Galicia, dos supostos 101.100 afiliados que viña computando o PP, inscribíronse para participar nesta elección interna un total de 4.564 persoas, pouco máis do 4%, dos que á súa vez votaron 3.979, o 87% dos inscritos, participación similar á estatal. Con esas cifras, o peso do PP galego sobre o total de inscritos a nivel estatal para votar reduciuse ao 7%, o máis baixo da historia dos populares. Algo máis alto será o seu peso na segunda fase deste proceso electoral, a do congreso de delegados a celebrar os días 20 e 21 de xullo, onde serán os compromisarios elixidos tamén hoxe, de xeito paralelo á votación directa aos seis candidatos, os que terán a última palabra sobre cal dos dous finalistas será o novo presidente do PP estatal pero xa sen ter que manter o sentido do voto expresado polos afiliados nesta primeira fase. Alí, os representantes do PP galego, 279 electos este xoves e 48 natos polos cargos que ocupan, suporán o 10% do total de 3.134 compromisarios.

Feijóo gardouse de desvelar de xeito expreso a súa aposta de entre os seis candidatos presentados ata que se superase esta primeira votación por parte dos militantes

O presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, que o pasado 18 de xuño anunciou a súa decisión de non competir nesta carreira por facerse coa presidencia dos populares, votou neste proceso este xoves pola tarde na agrupación popular de Vigo. Previamente Feijóo xa advertira de que non desvelaría a súa aposta de entre os seis candidatos presentados ata que se superase esta primeira votación por parte dos militantes, aos que este mércores apelou a votar con “liberdade de voto” e “en conciencia” o que considerasen mellor para o partido.

Segundo Feijóo, que durante a campaña electoral interna posou con todos os candidatos que pasaron por Galicia, sería a partir de agora, tras falar “cos compromisarios e cos dirixentes”, cando o PP galego pode tomar a decisión de apoiar abertamente a un dos dous finalistas elixidos este xoves. Porén, Feijóo tamén advertiu de que “no caso de que non haxa maiorías e non haxa nada claro, o que diremos é nada”. O presidente galego considerou conveniente para o partido que os dous que resultasen finalistas “deberían buscar un acordo para que non sexan os compromisarios en segunda volta os que sinalen o que debe ser presidente” porque “pode haber pouca diferenza e non creo que sexa o mellor”.

Durante a campaña Feijóo salientou que non esquecía que Cospedal lle amosara o seu apoio expreso antes de que el anunciase a súa decisión de non competir

Malia eses coidados por non explicitar a súa aposta ata que se pronunciasen os afiliados, durante a campaña Feijóo si salientou que non esquecía que Cospedal lle amosara o seu apoio expreso antes de que el anunciase a súa decisión de non competir neste proceso. Unha mensaxe directa de agradecemento a Copedal que se engadiu á súa afirmación, na entrevista con Jordi Évole en La Sexta cando foi preguntado por ela, de que sería positivo para España que a gobernase unha persoa con experiencia nun executivo autonómico, como o foi ela en Castela-A Mancha. Pola contra, durante as visitas a Galicia de Sáenz de Santamaría e Casado, Feijóo amosouse máis distante con ambos.

Baltar con Sáenz de Santamaría durante a campaña desta en Ourense Dominio Público PP Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.