O PP négase a entregar os papeis de Marcial Dorado e volve irritar a oposición

Abel Losada, voceiro socialista CC-BY-NC-SA PSdeG

"Cumprir a normativa en vigor e facilitar, en tempo e forma, a información e documentación solicitada polos deputados e deputadas da Cámara". "Darlle traslado da documentación pendente de recibir respecto ás solicitudes realizadas, incluíndo a correspondente á relación existente entre a Administración autonómica co entramado de empresas de Marcial Dorado, dada a súa relación de amizade co actual presidente do Goberno autonómico cando este ocupaba un alto cargo na Consellería de Sanidade". Son os dous preceptos que o PSdeG tentou sacar adiante este martes nunha moción que bateu contra a maioría absoluta do PP e que, ao tempo, fixo retornar o affaire das fotos do narco e o actual presidente á primeira liña do debate político.

Apelando aos artigos do Regulamento parlamentario que obrigan o Goberno a facilitarlle aos grupos os documentos que soliciten nun "en prazo non superior a trinta días", o voceiro socialista, Abel Losada, apelou dende a tribuna á "responsabilidade" e á "dignidade democrática" dos conservadores para "cumprir a lei". "Se é verdade que existe" a documentación que acredita relacións contractuais da Xunta coas empresas de Dorado "queremos que se nos proporcione" e "en caso de que non exista, queremos saber con que criterios se destruíu", resume. A única explicación para ocultar os papeis, di, é quere "blindar o señor Feijóo do único delito posible" neste escenario, "o tráfico de influencias", xa que "todo o demais" vencellado ás fotos "é política".

A iniciativa socialista viña esixir que o Goberno cumpra o Regulamento

Co apoio das voceiras de AGE, Yolanda Díaz, e do BNG, Ana Pontón, que como o seu homólogo socialista censuraron as dificultades ou, directamente, a imposibilidade de acceder aos papeis que piden os seus grupos, a proposta foi freada en seco polo PP, representado por Paula Prado. A voceira conservadora interviu para asegurar que, "á vista dos datos" internos do Parlamento -que a Cámara adoita publicar tras cada período de sesións, aínda que este verán non o fixo-, "concluímos que o Goberno cumpre coa normativa" no referido a achegarlle información á oposición.

"O que si é delito é a inxuria, teñan coidado antes de facer acusacións", advertiu o PP

Segundo Prado a intención da oposición non é que se cumpran as devanditas normas parlamentarias, senón "atopar algo que lles permita alongar" o escándalo das fotos de Feijóo e Dorado. "Como non atoparon nada seguen pedindo máis expedientes, dando paus de cego para ver se nalgún recuncho, nalgún papel, atopan algo para seguir con este debate baleiro". "As fotos non son delito", evidencia a parlamentaria, quen lanza unha pouco velada advertencia ao resto de grupos: "O que si é delito é a inxuria, polo tanto, miren vostedes as súas manifestacións e teñan coidado antes de facer acusacións".

Este foi o contexto no que Losada retornou á tribuna para concluír o debate. Neste punto o socialista, nun esvarón dialéctico, considerou que "está ben que veña falar de corrupción" unha deputada como Paula Prado, que "sendo concelleira en Santiago" rematou "imputada" no caso Pokémon, afirmou, cando en realidade a representante do PP só tivo que acudir ao xulgado en calidade de testemuña. Losada retirou a súa afirmación e lamentou que, en definitiva, os conservadores tenten "tomar por parvos" os membros da oposición, mesmo "votando en contra de cumprir a lei". Prado, pola súa banda, protestou iradamente ante a presidenta, Pilar Rojo, causando un intre de evidente tensión coa súa compañeira de filas.

Abel Losada, voceiro socialista CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.