O PP perde máis de 200.000 votos e a esquerda é maioritaria en Galicia

Papeletas nun colexio electoral de Compostela CC-BY-SA Praza Pública

O PP venceu nas eleccións europeas deste domingo en Galicia co 35,2% dos votos pero descendeu en case quince puntos o seu apoio con respecto aos últimos comicios europeos de 2009. Gaña o Partido Popular pero a esquerda, máis diseminada ca nunca, é maioritaria no país nunha xornada electoral na que a sorpresa foi Podemos, que acadou o 8,3% dos votos e situouse como cuarta lista máis votada por riba do BNG. 

O PP gaña as eleccións pero descende en 15 puntos e perde máis de 200.000 votos

A dereita, sumándolle ao PP os votos de UPyD e VOX en Galicia, obtería menos do 40% dos votos, mentres que as principais forzas de esquerda (PSdeG, AGE, Podemos, BNG e Compromiso por Galicia) superarían o 48%. Xunto a Primavera Europea ou o Partido X, a esquerda superaría o 50% do apoio no país. 

Porque o PP perdeu máis de 200.000 votos en Galicia con respecto aos de 2009 nuns comicios, os de hoxe, nas que a participación foi algo máis alta á daquela. Situouse finalmente no país no 45,47% fronte á 43,34% de hai cinco anos, máis de dous puntos superior. Ademais, o PSdeG obtén o 21,7% de apoio, caendo case trece puntos con respecto á anterior convocatoria europea e perdendo preto de 200.000 votos, ao pasar dos máis de 400.000 de 2009 aos case 220.000 desta xornada. A caída do bipartidismo foi clara

A suma de PSdeG, AGE, Podemos e BNG en Galicia supera en 100.000 votos ao PP

De feito, a suma dos que agora serían as catro principais forzas progresistas (PSdeG, AGE, BNG e Podemos) sumarían en Galicia uns 488.000 votos, fronte aos menos de 355.000 do Partido Popular. Se o extrapolamos á actual representación parlamentaria, socialistas, Alternativa e Bloque tamén superarían o Partido Popular en 50.000 votos, ao superar os 400.000. 

Os resultados son positivos para a esquerda en global e para Podemos en particular, pero non tanto para o resto de forzas progresistas. O BNG perde algo máis dun punto porcentual de apoio, ao pasar do 9,08% ao 7,9%, déixase uns 25.000 votos con respecto ás últimas eleccións europeas e ve como Podemos o supera, aínda que os case 325.000 votos que obtivo a súa coalición con Bildu no conxunto do Estado permite a esta obter un representante na Eurocámara e que Ana Miranda poida sentar, cando menos un tempo, no Parlamento europeo. 

Lidia Senra e Ana Miranda estarán no Parlamento Europeo

Tamén estará alí Lidia Senra. A representante de AGE na candidatura da Esquerda Plural, número cinco na lista estatal, entrará na Eurocámara ao obter a coalición liderada por IU seis escanos. En Galicia, Alternativa superou os 100.000 votos e volveu superar o Bloque, aínda que ve como se lle achega Podemos. 

A porcentaxe de voto a BNG e AGE cae lixeiramente con respecto ás autonómicas de 2012 tras a irrupción de Podemos

A formación que a nivel estatal lidera Pablo Iglesias foi a gran sorpresa. E a súa irrupción afectou a todos. Se comparamos os resultados coas últimas eleccións autonómicas de 2012, na que a participación foi case vinte puntos superior, AGE perde 3,5 puntos no apoio, mentres que o BNG cae en algo máis de dous. O PSdeG medra un pouco, ao pasar do 20,5% dos votos ao 21,73%, mentres que o PP baixa dez puntos, do 45,7% ao 35,2%. 

Papeletas nun colexio electoral de Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Golpe ao bipartidismo, tamén no Estado

No conxunto do Estado, o PP gañou as eleccións pero caeu a 16 escanos desde os 24 que tiña desde 2009, mentres que o PSOE pasou de 23 a 14. Entre os dous, perderon 17 escanos. A sorpresa, tamén a nivel estatal, deuna Podemos, que entrou na Eurocámara con cinco eurodeputados e situouse como cuarta forza política en número de votos. O golpe ao bipartidismo foi tal que entre populares e socialistas deixáronse máis de cinco millóns de votos en España

Cunha participación do 45,85%, fronte ao 44,9% de hai cinco anos, nin o PSOE nin o PP alcanzaron o 30% dos votos (26% o PP e 23% o PSOE). Con case o 100% escrutado, os dous grandes partidos sumaron menos do 50%, a porcentaxe maís baixa dunhas europeas e lonxe, moi lonxe, do 73,4% dos últimos comicios xerais. Esquerda Plural, onde se inclúe Anova, acadou o 10% dos apoios e pasa de dous a seis escanos, mentres que Podemos quedou preto do 8%. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.