O PP quítalle a alcaldía ao BNG en Boimorto co voto dun tránsfuga do PSOE nun tenso pleno

Mini, á saída do pleno da moción de censura CC-BY-SA @anamirandapaz

Nun salón de plenos ateigado, con boa parte da veciñanza pedindo explicacións e apoiando o xa ex rexedor, o PP apoiouse nun tránsfuga socialista para consumar a moción de censura en Boimorto e desaloxar da alcaldía Xosé Luís Rivas, Mini (BNG). "Por canto te vendiches?", preguntaban cidadáns ao edil adscrito ao grupo mixto pero que se presentou na lista do PSdeG como número 3, José Balado, e que decidiu, menos de tres meses despois das eleccións, facilitar o cambio de goberno. 

Nos pasados comicios do 24M, o Partido Popular obtivo en Boimorto 687 votos, sumando o 44,35% dos sufraxios e 5 edís fronte aos 538 votos do PSdeG e 4 edís e os 297 do Bloque, con 2 representantes. Un acordo entre socialistas e nacionalistas, que sumaban o 54% dos votos, deu a alcaldía a Xosé Luís Rivas, que ofreceu virar o rumbo de pouco "entendemento" dos últimos anos cara a un goberno "transparente" e "xeneroso". A aventura durou menos de dous meses, xa que os populares decidiron nese tempo que desaloxarían o rexedor do Bloque. 

O PP desaloxou o BNG da alcaldía nun tenso pleno no que Rivas foi apoiado pola veciñanza presente

Foi un pleno moi tenso no que o popular Gonzalo Concheiro converteuse no novo alcalde de Boimorto, con berros de fondo de "fóra, fóra" ou de "Balado peseteiro". O xa ex alcalde, Xosé Luís Rivas, acusou o PP de comprar un tránsuga nunha sesión na que estivo acompañado por varios dirixentes do BNG, entre eles o seu voceiro nacional, Xavier Vence. 

Na súa intervención, Rivas asegurou que "ante un individuo así", en referencia a Balado, "os partidos democráticos deberían illalo por traizoar a vontade popular e queu a súa opinión neste concello sexa nula porque manca a democracia". No entanto, lembrou, o PP pasou a contar co voto "dun home que combateu os populares con virulencia durante a campaña". 

"A xente non entende que se trafique cos seus votos; son vostedes verdugos da convivencia e da estabilidade democrática", dixo o xa ex alcalde aos concelleiros do PP

Ademais, e segundo o concelleiro do BNG, o argumento da "inestabilidade" do grupo de goberno "produce risa". "Eramos un equipo de goberno unido e funcionando", engadiu, tras acusar o PP de ser "verdugos da convivencia e da estabilidade democrática". "Actúa cunha irresponsabilidade maiúscula; saben a fenda que están a crear na xente", preguntou cara ás bancadas populares, tras advertirlles que "a xente non entende que se poida traficar cos seus votos". 

"Piden que goberne a lista máis votada porque ninguén os quere de socios, porque son moeda falsa que meteron este país na desesperación mentres din que estamos avanzando", engadiu entre aplausos Mini, que vovleu cualificar de "irresponsable" o novo alcalde, cuxo "primeiro deber é velar pola convivencia pacífica". 

"A postura do PP foi e é a mesma. Queremos gobernar Boimorto e agora podémolo facer porque un concelleiro do grupo mixto apoiou o noso programa", dixo o novo alcalde, Gonzalo Concheiro, entre as risas e os reproches de moitos veciños. Mentres, o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, acusou a Feijóo de ser "cómplice" desta moción e do transfuguismo e de consumar unha "fraude electoral". 

Rajoy apoia a moción de censura porque cre que "non ten sentido" que non goberne a lista máis votada

Por outra banda, a poucos quilómetros de alí, en Ordes, o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, apoiaba a moción de censura porque "en democracia tenque gañar o que ten máis apoio da xente". "O PP gañou as eleccións en Boimorto cunha gran claridade", dixo o xefe do Executivo, tras aclarar que "non ten sentido" que non exerza a alcaldía "quen recibiu o 40% dos votos", pero si outra forza "cun 10%". 

"Será moi explicable desde o punto de vista de técnica xurídica, de lexislación electoral, pero desde o punto de vista do sentido común, non ten o máis mínimo sentido", rematou. 

Mini, á saída do pleno da moción de censura CC-BY-SA @anamirandapaz
Moción de censura en Boimorto Dominio Público @obloque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.