O PSdeG acusa a Elena Candia de "exercer" de "delegada da Xunta"

Unha imaxe da xuntanza entre Nuñez Feijoo e Elena Candia © Xoán Crespo

O pasado luns o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e a presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, mantiveron unha xuntanza, a primeira de carácter oficial dende que a popular accedeu de forma inesperada á presidencia do ente provincial. Un día despois o PSdeG-PSOE valorou de forma moi negativa o encontro, sinalando a través do voceiro provincial socialista, Darío Campos, que a reunión "foi unha auténtica tomadura de pelo cara aos lucenses".

Campos criticou que na xuntanza Núñez Feijoo e Candia "non abordaron ningunha das preocupacións dos veciños da nosa provincia. Candia non falou sobre Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear; sobre as prazas nas residencias públicas da Deputación que a Xunta si concede a entidades privadas; sobre os cartos que o Goberno galego adebeda aos lucenses en materia de servizos sociais e políticas activas de emprego; sobre o 1º centro de recría de gando vacún público en España ou sobre as 49 peticións dos cidadáns ao Executivo autonómico nos Presupostos Participativos”.

O voceiro socialista concluíu que “Candia calou e voltou coas mans baleiras" e que "non exerceu de Presidenta da Deputación de Lugo, senón que exerceu de Delegada da Xunta, competindo coa desaparecida Raquel Arias, ao permanecer calada sobre as preocupacións dos lucenses e sobre os proxectos do organismo provincial”.

Para Campos, Candia "non exerceu de Presidenta da Deputación de Lugo, senón que exerceu de Delegada da Xunta"

Campos lembrou que durante os últimos seis anos o presidente da Xunta non quixo reunirse con Gómez Besteiro como presidente da Deputación de Lugo: "Gómez Besteiro enviou a Núñez Feijóo ata 10 cartas, solicitándolle un encontro, onde e cando quixera, no que abordar as principais preocupacións dos lucenses. Feijóo nunca respondeu, vetando esta reunión con Besteiro". Campos engadiu que “é unha vergoña que, durante anos, Feijóo non quixera falar con Besteiro sobre as preocupacións dos lucenses, discriminando, claramente, aos veciños desta provincia só por intereses partidistas, posto que agora si recibe a Candia”.

Campos engadiu que “é unha vergoña que, durante anos, Feijóo non quixera falar con Besteiro sobre as preocupacións dos lucenses, discriminando, claramente, aos veciños desta provincia só por intereses partidistas"

O voceiro engadiu que “din que falaron de lealdade institucional. A que lealdade se refiren? A lealdade institucional de Feijóo, que durante anos non respondeu ás reiteradas peticións de Besteiro para para abordar conxuntamente os verdadeiros problemas dos lucenses e darlles solución?. Ou a lealdade institucional de Elena Candia, que paralizou obras que o Goberno progresista da Deputación deixou en fase de contratación para mellorar os accesos viarios provinciais a praias de Concellos da Mariña de todas as cores políticas?”.

Unha imaxe da xuntanza entre Nuñez Feijoo e Elena Candia © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.