O PSdeG chora o falecemento do histórico José Luis Rodríguez Pardo

José Luis Rodríguez Pardo Dominio Público Arquivo Carta de España / Ministerio de Traballo

Loito no PSdeG. O histórico militante socialista José Luis Rodríguez Pardo faleceu este martes aos 81 anos entre numerosas mostras de dor do partido no que foi primeiro secretario xeral, pero tamén de numerosas persoas vinculadas ao eido político e cultural do país.

Rodríguez Pardo, avogado de profesión, foi un dos principais representantes da póla máis galeguista do PSdeG, ao que chegou procedente do antigo Partido Socialista Galego, en cuxa fundación participara tras participar no Consello da Mocedade. Durante o franquismo participou no impulso de colectivos culturais moi activos na loita contra a ditadura, como a compostelá O Galo ou a coruñesa O Facho e, posteriormente, tamén impulsaría a posta en marcha da asociación ecoloxista Adega.

A traxectoria política de Rodríguez Pardo estivo marcada, a finais dos anos 70, pola súa aposta de achegamento do PSG ao daquela emerxente PSOE de Felipe González xunto con militantes como Ceferino Díaz ou o que despois sería presidente da Xunta, Fernando González Laxe. Nesta liña, nos primeiros anos da autonomía Rodríguez Pardo tornou en primeiro secretario xeral da federación galega do PSOE, o PSdeG, e foi tamén un dos representantes deste partido na elaboración do Estatuto dos Dezaseis, o primeiro texto estatutario galego que nunca chegou a ser.

Rodríguez Pardo colaborou en diversas iniciativas culturais e de oposición á ditadura, participou na fundación do antigo PSG e participou na redacción do Estatuto dos Dezaseis

Tras ser deputado na primeira lexislatura do Congreso, Rodríguez Pardo foi membro do Senado ata 1986. Foi parlamentario na Cámara galega na primeira lexislatura do Goberno de Fraga e despois, presidente do Consello Xeral da Emigración, dependente do Goberno central, ata finais dos anos 90 do século pasado. Unha vez fóra da política activa no eido institucional e partidario Rodríguez Pardo continuou colaborando en diversas iniciativas sociais e culturais, como a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ou o IGADI, e colaborando en medios de comunicación como o desaparecido Xornal de Galicia.

A nova do seu falecemento deu lugar a numersosas mostras de condolencia, especialmente no ámbito dos socialistas da Coruña, pero tamén no resto do partido e noutras formacións. "Os e as socialistas sentimos a perda de José Luis Rodríguez Pardo, socialista e galeguista", sinalou o actual líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen lembrou o seu "apoio para o partido" hai apenas unha semana. "Despedímolo recoñecendo o seu compromiso vital", resalta.

Rodríguez Pardo, na súa fotografía institucional como deputado da I Lexislatura do Congreso Dominio Público Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.