O PSOE formaliza a petición de investigar Angrois en vésperas do cuarto aniversario do sinistro

As vítimas de Angrois reclaman unha comisión de investigación ante o Congreso, nunha imaxe de arquivo Dominio Público Plataforma Víctimas Alvia 04155

O PSOE consuma a súa rectificación sobre a investigación de Angrois. Fíxoo este mércores no Rexistro do Congreso e a apenas cinco días do cuarto aniversario do sinistro que o 24 de xullo de 2013 provocou a morte de 80 persoas e feridas a outras 144 que viaxaban nun tren Alvia. A coordinadora dos deputados do PSdeG no Congreso, Pilar Cancela, e o voceiro socialista en materia de Fomento, César Ramos, foron os encargados de formalizaren as peticións que xa confirmaran ás vítimas e que a Executiva Federal do partido ratificou no inicio desta semana: unha solicitude de creación de comisión de investigación no Congreso para depurar "responsabilidades políticas" e unha proposición non de lei para instar o Ministerio de Fomento a reabrir as pescudas técnicas a través da CIAF, tal e como reclamou recentemente a Comisión Europea, organismo que como a Audiencia da Coruña ratificou que o primeiro informe oficial sobre o sucedido careceu de toda independencia.

O ditame do tribunal coruñés que ordenou a reapertura da instrución xudicial e o duro informe comunitario son os que obrigaron hai agora un ano a PP e PSOE a mudaren o seu discurso sobre Angrois para admitiren a necesidade dunha nova investigación técnica e en ambos documentos apoian agora os socialsitas o que admiten como unha mudanza de posición. "O PSOE -di Ramos- non vai ter problema en cambiar de opinión se hai elementos que así o piden". "O que estamos facendo -agrega Cancela- é cumprir aquilo ao que nos comprometemos coa plataforma de vítimas", que veñen reclamando a investigación política sobre o accidente dende escasos meses despois do descarrilamento.

Pilar Cancela: "O que estamos facendo é cumprir aquilo ao que nos comprometemos coa plataforma de vítimas"

Neste contexto, Cancela réstalle importancia ao feito de que a solicitude tramitada en vésperas do aniversario do accidente a realice o PSOE en solitario e non da man do grupo de Unidos Podemos-En Comú-En Marea, na liña do suxerido esta mesma semana tras a xuntanza das direccións parlamentarias de ambas formacións. "Non imos utilizar nin imos permitir crear un debate político artificial sobre o consenso ou a falta de consenso neste tema", sinala a tamén presidenta da xestora do PSdeG. "Mantivemos conversas con En Marea e estamos absolutamente de acordo; imos traballar conxuntamente para responder ás peticións das vítimas" e "isto non vai ser motivo para non buscarmos puntos de encontro". Se non houbo acordo en 2016, cando o PSOE votou en contra da proposta defendida daquela por En Marea, di, foi por apenas " unha frase" na que se "achacaban responsabilidades políticas" ao PSOE antes de abordar a propia investigación. "Superamos esa etapa, concordamos", resume.

En Marea admite que preferiría unha proposta conxunta, pero resalta que "imos cooperar para chegar ao que piden as vítimas"

Dende En Marea admítese que a súa opción preferida sería que a solicitude fose conxunta, se ben a nova voceira rotatoria da formación no Congreso, Yolanda Díaz, asegura tamén que a forma non primará sobre o fondo e aposta por resaltar a "satisfacción" polo "cambio de posición do PSOE". "É certo -di Díaz- que En Marea tentou que esta iniciativa fose presentada de maneira conxunta", pero "finalmente comunicóuseme que decidían presentala sós" e "respectámolo". "Estou segura de que, de aquí en diante, imos cooperar e traballar xuntos sobre o fundamental, que é depurar as responsabilidades" para chegar "ao que pide" a plataforma de vítimas: "transparencia, reparación e xustiza", asegura.

O BNG ve "vergoñento" que o Parlamento galego siga sen poder investigar o sucedido e o PPdeG advirte de que non vai "aceptar" que a esquerda o acuse de "non apoiar" as reclamacións das vítimas, que reclaman a apertura da comisión dende 2013

Tras esta mudanza definitiva por parte do PSOE desaparece definitivamente un veto que ata agora frustrou os diversos intentos para investigar o accidente dende o ámbito político tanto no Congreso como tamén no Parlamento de Galicia, formulados sen éxito en ambos lexislativos polo BNG, AGE, IU e, na presente lexislatura, por En Marea e o propio Bloque. Dende a formación soberanista, precisamente, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, reiterou este mércores que saúda a rectificación socialista, pero lamenta que non se estenda tamén ao Pazo do Hórreo. Dende o seu punto de vista vai resultar "vergoñento" que o Congreso poida finalmente investigar o sucedido en Angrois e o Parlamento galego, non, máis aínda tendo en conta que a oposición ten agora a posibilidade de activar unha comisión de investigación por lexislatura aínda que a maioría absoluta que ostenta o PP se opoña.

A posición dos populares, en calquera caso, segue sendo a que reiterou tamén na mesma xornada o seu secretario xeral, Miguel Tellado. Como xa fixera Feijóo nas últimas semanas o número dous do PPdeG obvia que é a plataforma de vítimas a que reclama senllas investigacións, a política e a técnica, e considera que a comisión parlamentaria sobre o accidente só servirá para "interferir no proceso xudicial". Se o PSOE, di en clave de descualificación, decide agora apoiar a investigació política é por motivos "ideolóxicos". Mentres, advirte, os conservadores galegos non van "aceptar" que ningunha formación os acuse de "non apoiar" as vítimas, porque o fixeron "dende o minuto un".

Representantes do PSOE no Congreso, tras rexistraren as peticións Dominio Público PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.