O retorno das pantasmas do “voto emigrante”

Sobres e papeletas dunhas eleccións en Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Nunca houbo 382.568 españois, 114.625 deles galegos, que participasen nunhas xerais desde o estranxeiro. Aínda que o poña na páxina web oficial do Ministerio do Interior e adoiten repetilo as principais forzas políticas españolas é mentira. O que si ocorreu nas eleccións ao Congreso dos Deputados de 2008 é que chegaron do exterior 382.568 votos, 114.625 deles galegos, emitidos no nome doutros tantos electores residentes alén das fronteiras. Nunha parte significativa, imposible de cuantificar, esas cifras reflicten o irregular traballo das maquinarias de PSOE e PP na diáspora, nomeadamente no Río da Prata. Abranguía o tráfico de sacas, recollidas masivas e pagadas de papeletas, intervencións ilexítimas de gobernos alleos, participación de persoas xa falecidas e, en xeral, un descontrol descomunal xestionado por empresas de correos estranxeiras. Así está máis que documentado na prensa do momento e recoñeceron destacadas voces deses partidos. E en 2009 a mínima garantía introducida para as eleccións galegas de achegar a fotocopia do DNI fixo caer en máis dun 28% o volume de votos chegados do estranxeiro respecto ao récord de 2005, que foi o equivalente en Galicia do 2008 en España. Así que se o que se quere é tomar como ideal o dato dese último ano, para empezar habería que facerlle un desconto de ao redor do 28%, pois nin se esixía identificación ningunha.

En 2009 a mínima garantía introducida para as eleccións galegas de achegar a fotocopia do DNI fixo caer en máis dun 28% o volume de votos chegados do estranxeiro respecto ao récord de 2005

O debate sobre as cifras de participación na diáspora de 2008 non é, aínda que o poida parecer, unha discusión histórica de carácter técnico. Trátase dun imprescindible exercicio de saúde democrática na medida en que esa cifra de 382.568 votantes españois, 114.625 deles galegos, se toma como referencia para descualificar o máis que deficiente actual modelo de participación electoral do estranxeiro e, o que é moi perigoso, para defender a súa modificación sen unha diagnose asisada do que ocorreu no pasado e sen tampouco sinalar debidamente entre as principais prioridades a de que non se volvan repetir as falcatruadas daqueles anos de espectaculares escándalos. Nestas coordenadas, non moi acordes co tempo de rexeneración democrática que anunciou Pedro Sánchez, moveuse a secretaria de Estado de Migracións, Consuelo Rumí, na súa intervención desta semana ante o órgano de representación da diáspora española, o Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior. Alí se comprometeu a impulsar a derrogación do denominado “voto rogado”, na mesma liña en que xa o fixera días antes no Senado o propio Pedro Sánchez.

Rumí ocupara o mesmo cargo nos tempos de Zapatero, polo que no seu regreso ao Consello da Cidadanía Española quixo empezar explicando que en 2011, cando se reformou por última vez o sufraxio no exterior, non xestionaba a área, senón a de Función Pública. “Yo no estaba de responsable en esta secretaría de Estado. Nunca he estado de acuerdo con el voto rogado. No sé que hubiera pasado... Pero hubiera luchado con uñas y dientes para que esto no se aprobara”, afirmou Rumí en relación a un acordo deseñado ao máximo nivel nas sedes centrais das rúas Génova e Ferraz como un pacto de desarme no exterior entre os dous principais partidos, que se daban tanto medo mutuamente que pactaron desactivar a bomba do sufraxio dos expatriados pola vía de obstaculizar ao máximo o seu exercicio.

É certo que o sistema desanima e que ao redor dun terzo das peticións non se converten en sufraxios, mais se de verdade existise hai dez anos ese corpo electoral activo de case 400.000 votantes da diáspora a súa pegada tería que se reflectir nos números doutro xeito

A reforma xurdiu tras varios lustros de deslexitimación por mor dos recorrentes escándalos do que adoito se segue a chamar “voto emigrante” aínda que só un terzo dos españois do exterior nacesen en España. No seu discurso do pasado luns Rumí dixo que “el requisito del voto rogado es verdad que se ideó porque hubo muchas denuncias en aquellos momentos sobre fraudes en el proceso electoral”. “Para acabar con los fraudes, pues hay muchas medidas… Claro que tenemos que luchar contra el fraude”, engadiu. Porén, deu por boas as cifras de participación dese tempo, pois como referencia dos efectos da reforma sinalou que se pasou dos 382.568 españois que segundo ela votaron nas xerais de 2008 aos 73.361 de 2011.

“Los datos son escalofriantes”, opinou a secretaria de Estado, que omitiu o feito de que en 2011 só houbo 138.037 solicitudes de “voto rogado” e como moito se chegou ás 169.658 de 2016. É certo que o sistema desanima e que ao redor dun terzo das peticións non se converten en sufraxios, mais se de verdade existise hai dez anos ese corpo electoral activo de case 400.000 votantes da diáspora a súa pegada tería que se reflectir nos números doutro xeito. Non hai que esquecer que ata 2011 era máis cómodo participar nunhas eleccións galegas desde Santiago de Chile que desde Santiago de Compostela.

Para facer efectiva a nova reforma do voto exterior que está nas mans das Cortes Xerais, a secretaria de Estado de Migracións sinalou tres liñas de actuación: “La supresión de la obligatoriedad de solicitar el voto rogado. Mejorar sensiblemente la información clara sobre el proceso de voto desde el exterior por parte de la administración. Impulsar todas aquellas actuaciones para extender el voto”. Non hai ningunha referencia, polo menos directa, a esas moitas medidas que segundo Rumí se poden tomar para combater a fraude, unha realidade que Sánchez coñece ben porque el formou parte do equipo de José Blanco na campaña galega de 2005, na que o PSdeG rexistrou un máis que sorprendente crecemento na diáspora. Trátase das garantías que Fraga Iribarne reclamou á desesperada nesas eleccións, mentres que antes, cando o seu partido gobernaba en Madrid, lle parecían excesivas as poucas que había.

En realidade o que falta no que expuxo Consuelo Rumí é o que precisamente cómpre facer, unha reforma integral do voto exterior español, que empece polo censo. O censo é a esquecida clave deste tipo de sufraxio, non só polo seu carácter de base de todo proceso electoral, senón porque o descontrol empezou precisamente por el, cando en 1995, a petición do equivalente ao actual Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior, se aprobou a inscrición de oficio dos residentes no estranxeiro. Trátase dun procedemento excepcional que, se saiba, existe en moi poucos países, como Perú, no que se combina co voto en urna, ou Italia, no que hai outro mecanismo de contención, o das circunscricións específicas para o exterior. O normal en case todo o planeta é que o expatriado teña que pedir a súa alta, incluso para cada proceso electoral ou facendo unha renovación cada certos anos.

En caso de que se volva reactivar a participación existe o risco de que rexurda toda a industria da fraude nos países do Río da Prata

Cando aínda había que solicitar a incorporación o censo exterior español alcanzou como máximo o medio millón de electores. Inmediatamente despois duplicouse, froito da incorporación de todos os apuntados nos consulados, o que incluíu varios milleiros de mortos. Logo as sucesivas nacionalizacións de descendentes de emigrantes e, en moita menor medida, o rebrote do éxodo durante a crise levaron automaticamente o censo ata os case dous millóns do 1 de xaneiro, entre os que hai 448.245 galegos, cifra que se pode disparar outra vez coa nova lexislación de nacionalidade. O regreso á obrigatoriedade da inscrición, a poder ser cunha renovación cada por exemplo cinco anos, conduciría a unha cifra moito máis realista, ademais de introducir un filtro do verdadeiro interese, que non se faría case sen prazos materiais como na actual chapuza do “voto rogado”. Porén, tamén cómpre abrir, polo menos, o debate de quen debe ter dereito ao sufraxio, de se hai que esixir un tempo de residencia no país de orixe como fai Suecia.

A prioridade debería ser garantir a participación da primeira xeración de residentes no estranxeiro, con plenas garantías democráticas e sen que volva haber burbullas artificiais e fraudulentas

A outra cuestión esencial é a do método de emisión do voto. O postal, o que existe en España desde 1976, non dá garantías, a non ser en principio que haxa volumes irrelevantes como o da actualidade. En caso de que se volva reactivar a participación existe o risco de que rexurda toda a industria da fraude nos países do Río da Prata. Por iso, e porque con voto en urna nas eleccións ao Congreso tería que haber unha para cada provincia, o preferible sería un voto electrónico presencial, nos consulados, con prazos amplos.

Trátase dunha cuestión moi sensible para Galicia. Nas últimas autonómicas de cada 100 votos só o 0,7% foi emitido no estranxeiro. Cos niveis anteriores á reforma do 2011 esa porcentaxe estaría entre o 7% e o 10%, segundo se tome como referencia cando xa había a norma do DNI ou cando non existía. Trátase de proporcións astronómicas, próximas á do Afganistán da guerra contra os talibáns. A prioridade debería ser garantir a participación da primeira xeración de residentes no estranxeiro, con plenas garantías democráticas e sen que volva haber burbullas artificiais e fraudulentas.

 

Diante do Feijóo que fixo da CRTVG un “ABC falado”, Cospedal acusa a Podemos e PSOE de querer imitar o PP en TVE

 

A utilización da diáspora como unha reserva que se abre e pecha segundo intereses electorais comezou na Transición, cando Adolfo Suárez inaugurou esta tendencia. Dese tempo tamén data o modelo, instaurado por un presidente do Goberno que fora director de TVE, de converter os medios públicos nun instrumento da forza do poder, práctica que se estendeu ás canles autonómicas. En Galicia, logo de que o bipartito de PSdeG e BNG incumprise as súas promesas na materia, acabou da man de Feijóo e Mar Sánchez Sierra na conversión da CRTVG nunha especie de “ABC falado”, pois os profesionais e comentaristas dese xornal ou saídos del controlan a información política. Porén, María Dolores de Cospedal falou onte de Feijóo como o seu modelo, mentres acusaba a PSOE e Podemos de pretender manipular a televisión pública, ao tratar de arrebatarlle ao PP o control para que o siga facendo. Non se lle ocorreu mellor exemplo que o de Informe Semanal, programa que nos últimos anos afundiu o prestixio que tivo noutrora. Pero o máis triste é que Sánchez e Iglesias estean ante a tentación de non rachar co modelo de Suárez.

Emigrantes retornados, na antiga terminal do aeroporto de Lavacolla © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.