O risco de incendios en Galicia polo cambio climático aumentará ata niveis críticos neste século

Área afectada por un dos incendios en San Cristovo de Cea Dominio Público MAPAMA

O risco de incendios seguirá aumentando en Galicia durante este século por mor do cambio climático. As mudanzas meteorolóxicas obrigan a modificar a estratexia contra as lapas, tal e como advirte o informe de expertos encargado por Portugal e como asume a Xunta. O novo lume --máis incontrolable, máis perigoso e máis daniño-- afectou con especial virulencia o país e todo o noroeste da Península neste ano, en boa parte por un tempo cambiante, anómalo e extremo que agrava as propicias condicións dos montes, desordenados, con moito combustible e vexetación ao pé de núcleos de poboación. 

"As proxeccións climáticas apuntan a un aumento do risco meteorolóxico de incendios en Galicia ao longo do século XXI", di o informe

As previsións non mudan. "As proxeccións climáticas apuntan a un aumento do risco meteorolóxico de incendios en Galicia ao longo do século XXI", advirte Meteogalicia no Informe sobre a incidencia do cambio climático nos incendios forestais elaborado a petición da comisión de estudo da política forestal e dos incendios que se levou a cabo no Parlamento durante os últimos meses. E isto, "asumindo un escenario de emisións nin demasiado optimista nin pesimista". 

Así, o informe destaca que "de non producirse cambios, as proxeccións indican que a finais do século este risco estará preto ou por riba do valor considerado crítico" e tan só hai dúas zonas que non alcanzarán estes valores: "a costa das Rías Altas e a Mariña lucense". 

A finais de século, o risco climatolóxico de incendios "estará preto ou por riba do valor considerado crítico" agás nas Rías Altas e na Mariña

O documento baséase no FWI (Fire Weather Index), índice empregado pola Consellería do Medio Rural e habitualmente no mundo para medir o grao de risco dos incendios. Ten en conta a temperatura, a humidade, as precipitacións, a velocidade do vento, a seca ou o combustible dispoñible nas áreas estudadas. Neste caso, MeteoGalicia realizou unha análise adicional respecto das proxeccións de temperatura máxima e das chuvias no verán, ao seren "as dúas variables meteorolóxicas que afectan de xeito máis significativo ao FWI". 

Os resultados das análises conclúen que en Galicia "o patrón espacial do incremento de risco é similar ao patrón do seu valor absoluto en clima presente", é dicir, que se prevé "o maior incremento en Rías Baixas e o menor na Mariña lucense". É unha conclusión coherente con outros informes sobre a evolución futura do anticiclón das Azores e que advirten da maior frecuencia de situacións "cuña" nos veráns galegos por mor dos ventos de nórdés: unha humidade relativa alta na costa norte e baixa na sur para a época.  

Analizando a evolución climática, o informe destaca que se chegará a valores FWI "por riba ou moi preto do valor crítico de 50 a finais de século" en todo o país, agás nas Rías Altas e na Mariña, o que "de ningún modo quere dicir que non se poidan producir incendios individuais" na costa lucense, "onde o risco con situacións de vento sur seguirá sendo moi elevado" aínda que menos frecuente. 

Incremento do valor climatolóxico observado do risco meteorolóxico de incendios no período 2071-2100 respecto ao valor observado na análise do clima presente (1971-2000)

O que se analiza é o incremento do valor climatolóxico observado do risco meteorolóxico de incendios no período 2071-2100 respecto ao valor observado na análise do clima presente, o do período entre 1971 e o ano 2000. 

O informe elaborado por Meteogalicia destaca que os resultados do incremento do risco de incedio en Galicia e o norte de Estado en xeral, agás a costa cantábrica, "é un dos máis elevados de toda Europa do Sur", xa que o risco nas zonas máis áridas xa na actualidade achégase ao valor máximo posible "e non pode ser moito máis elevado no futuro".

Xunta e Goberno portugués asumen xa a necesidade de mudar a estratexia contra o lume pola incidencia do cambio climático

Os riscos dos que advirte o informe foron advertidos xa polo documento elaborado pola comisión de expertos encargada polo Parlamento de Portugal tras a traxedia de Pedrógão Grande. "Os sistemas atuais de combate a incêndios não estão preparados para enfrentar um novo problema com raiz nas alterações climáticas", advertía. Na súa intervención na comisión de estudo da Cámara galega, o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, asumía tamén a necesidade de mudar a estratexia contra o lume. 

Así, desde a Xunta recoñeceuse que recoñeceu que esta "nova situación" derivada do cambio climático implica que o Goberno "teña que ver se o actual operativo" é o que debe dedicar a unhas condicións "extremas", ademais de requirir unha "reflexión" de cara ao futuro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.